HomeEn profundidadeKaty Varela: Vexo á cidadanía totalmente desencantada da política, a nosa candidatura...

Katy Varela: Vexo á cidadanía totalmente desencantada da política, a nosa candidatura serve para recuperar a fe

"Fixemos un programa e un equipo de traballo para gobernar. Subir concelleiros por suposto e eu como representante do PP débome ás/aos afiliadas/os e débome a saír a gobernar," asegura a candidata do PP de Monforte.

Publicado o

- Advertisement -

Nestas días de campaña electoral os partidos políticos apuran as últimas estratexias para chegar ás persoas e conseguir o seu voto. Nas diferentes sedes prepáranse os votos para enviar por correo, repártese a propaganda electoral e sucéndense as presentacións e encontros das/os candidatas/os coa veciñanza e os sectores produtivos ou sensibles dos diferentes municipios. As axendas están repletas de actos, entre uns e outros, conversamos coa candidata do PP en Monforte, Katy Varela.

Moito traballo agora en campaña, cando se está metida no allo, arrepíntese un de estar en política?

Non, eu entrei nunha situación moi complicada tanto a nivel interno do partido hai 4 anos, como agora, que a persoa que está na alcaldía ten un poder ao ser presidente da Deputación que eu non teño e pode chegar a máis xente. A situación é adversa, pero non me arrepinto para nada, a min gústame moito estar tan preto da xente.

A cantidade de publicidade que se usa nas camapañas é decisiva nestes últimos momentos?

É necesaria máis que decisiva, nun sitio como Monforte o máis importante é que a xente te coñeza, á xente gústalle coñecer á/ao candidata/o, ao mellor nunha cidade máis grande non o valoran tanto, pero eu é o que vexo aquí. Mentres non te coñecen as 3 primeiras veces mírante con desconfianza. Aquí é máis decisivo ter un trato próximo coa xente que repartir un panfleto, pero o panfleto é necesario, é decisivo que non o entregues, parece que che falta algo, entón hai que entregalos.

Que é o que máis preocupa aos veciños e veciñas, que é o que máis vos trasladan da situación de Monforte?

Depende do rango de idade e da situación socioeconómica das persoas coas que fales. Ás persoas maiores que xa teñen unha pensión, está por unha lado unha persoa autosuficiente que non necesita uns servizos sociais e igual preocúpalles máis un bo asfalto, un bo parque ou un sitio para pasear; logo está o perfil da terceira idade que necesita de asistencia social e reclama máis efectividade en axuda a domicilio, un servizo que para nós é moi importante e  do que queremos recuperar a xestión directa. Tamén botan de menos ter un lugar para atoparse, como en épocas pasadas, ter un centro para pasar o tempo, independentemente das actividades.

A empresarios/as e autónomos/as preocúpalles a inflación, a perda de habitantes ano a ano. Estamos a piques de baixar de 18.000 habitantes e hai unha preocupación pola situación económica da cidade por parte desta xente. As preocupacións varían, logo están os pais de familia, as nais que botan de menos axudas á conciliación, por iso levamos un plan de conciliación para que non se vexa limitada a súa carreira profesional.

Por iso o noso programa é tan completo e ambicioso. A poboación dependendo do perfil require diferentes cousas e hai que estar pendentes de todas/os. A nivel xeral hai barrios onde seguen reclamando o problema da auga, parroquias que seguen sen o saneamento, o trato desigual con zonas nas que se inviste moito e outras máis desatendidas. Nós queremos que a repartición de recursos sexa máis equitativa.

PP Monforte de Lemos

Para o PP que é o peor que fixo o equipo de goberno neste tempo?

Para min o principal problema é que tivo moitos recursos económicos, atopouse unhas contas saneadas e un remanente do que puido botar man, coa pandemia flexibilizáronse as esixencias legais do gasto do remanente. Estivemos nun momento económico moi bo e non se fixo un gasto de recursos adecuado. Creo que do parque do hospital aprovéitanse moitas familias e non o criticamos, pero fálase de investimentos millonarios como a reforma do pavillón deportivo da Pinguela, e neste caso o que era necesario era un pavillón novo, ou anúncianse 5 millóns de euros para a praia fluvial. Cremos que unha zona de baño é necesaria porque todo o mundo reivindícana, pero 5 millóns de euros parécenos esaxerado, mais tendo en conta que hai outras necesidades como a ayda a domicilio ou o plan de conciliación, aumentar as prazas de gardería, arranxar de maneira urxente o tema do saneamento e do abastecemento. Para min o peor é que houbo unha redistribución dos recursos mala, abandonáronse barrios como o da Estación.

Desde o concello tense asegurado máis dunha vez que a Xunta non lle facilita as cousas a Monforte, castiga a Xunta a Monforte?

Non, desde que lidero o PP en Monforte, nos últimos catro ano houbo un investimento de 35 millóns de euros, sen contar os salarios de funcionarios, pódoo documentar. Aquí dependen da Xunta, o hospital comarcal, os xulgados, as escola de idiomas e os centros educativos. Sen contar eses salarios investíronse 35 millóns de euros, investimentos millonarios para mellorar as instalacións dos centros educativos, rehabilitación de monumentos como San Vicente ou os Escolapios, subvencións directas á agricultura e a gandaría, máis de 1 millón de euros ás empresas, axuda a domicilio.

Non é abandono da Xunta, eu vexo falta de comunicación, e poucas ganas deste alcalde de colaborar coa Xunta, perdeu unha chea de axudas como a de creación dunha unidade de atención temperá, para a ampliación das prazas de gardaría, o plan de conciliación que se perderon as axudas ao non solicitalas. Non se solicitaron temas de servizos sociais, a conselleira de infrasestruturas ofreceu un convenio millonario de máis de 10 millóns de euros colaborando as distintas administracións e el preferiu poñerse de costas e non utilizar os recursos da Xunta e facer convenios máis pequenos coa Confederación e a Deputación. Perdemos recursos económicos porque parece que el quere que a Xunta de Galicia non invista aquí.

A nova ponte do malecón parece diluida nesta campaña na que se están presentando outros proxectos. Pode non interesar tanto ao equipo de goberno?

Por moito que Tomé presuma nos plenos e saque peito dicindo que vai facer esta obra, sabe que a maioría das/os monfortinas/os non queren esa ponte no malecón. É verdade que hai que reorganizar o tráfico, cremos que hai que seguir coas roldas. Igual que se fixo a de Emilia Casas Baaamonde, que quitou tráfico do centro, continuar coa rolda que estaba proxectada desde a estrada de Ourense ata a N-120 pasando polo polígono. Unha nova ponte no Malecón vai seguir xerando tráfico no centro. Pódese estudar a peonalización da ponte vella sen necesidade doutra ponte. É un tema sensible, ao comercio preocúpalle non ter circulación na ponte vella. A nosa idea sería facer unha supresión do tráfico de maneira paulatina, por horarios ou limitando o peso dos vehículos ata unha peonalización completa, é importante concienciar ao cidadán destas cousas, non con imposicións. Sería ademais un gasto enorme de diñeiro nunha zona belísima que hai que manter como espazo natural.

O Porto Seco de Monforte está nun limbo entre administracións?

A Xunta de Galicia investiu 20 millóns de euros, por parte da Xunta houbo un interese importante en que fose unha realidade, está terminado, pódese utilizar, faltan os accesos, o que máis reclaman os empresarios é o accesos á N-120. A Xunta está a pedir permisos para terminar os accesos e pide a colaboración do goberno central, hai que salvar a vía do tren e necesítase esa colaboración. O goberno central di que o faga a Xunta e aí está enrocado. O ideal sería que o alcalde presionase para que isto fose unha realidade, pero a Tomé tampouco lle interesa que o porto seco funcione porque é unha obra que se iniciou co PP e está a Xunta detrás que é do PP e non pon da súa parte.

Sede PP Monforte de Lemos

As superobras son moi “vendonas”, como a da Praia fluvial. O PP presenta obras neste sentido?

Eu prefiro vender a prudencia e a ver se ma compran as/os cidadáns de Monforte. Temos unha chea de cousas no programa e todo iso en conxunto vai ser un gran investimento. Monforte non necesita macro obras millonarias, necesita melloras en pequenas partes, contemplamos investimentos importantes como continuar a rolda da rúa Ourense á N-120, pero teñen que implicarse outras administracións. Cando contemplamos un investimento millonario sempre é en colaboración con outras administracións.

Estamos máis valorando o día a día dos cidadáns, os grandes parques xa os fixo este gobernó, pero o déficit en servizos sociais. Existe a oficina da mocidade do concello de Monforte, pero non funciona, queremos recuperar a xestión directa do turismo para que sexa unha potencia económica de axuda aos sectores empresariais, queremos facer cousas para frear o declive demográfico e recuperar o ritmo económico da cidade.

O gobero local presenta obras moi “vendonas”, pero creo que o cidadán de Monforte que escoita 5 millóns para unha praia fluvial e non lle chega a presión da auga ao cuarto piso, os que non pode levar ao seu fillo á gardería porque non hai prazas, din, investiría os cartos doutra maneira. Esperamos que a xente confíe nunha xestión máis prudente dos recursos.

As cousas están revoltas á hora de falar política, o cidadán confía como antes no político ou estase perdendo a confianza?

Vexo ao cidadán totalmente desencantado, eu estiven en política hai 20 anos nas novas xeracións, na Coruña, na universidade e notaba ao cidadán doutra forma, máis entusiasmado, incluso a xente nova. Agora que retomei a vida política percibo ao cidadán queimado, canso da crispación que vemos que se xera nos parlamentos, vexo á xente nova que non quere saber nada de política, cando antes concienciabámonos máis. Como persoa que deu pasos para ser un representante político, dáme pena. A política é necesaria ao final é que a goberna os orzamentos e os os servizos públicos.

Que se lle di á xente desde a candidatura popular?

Que teñen que recuperar a confianza, que nós estamos aquí para facer unha xestión prudente e adecuada ás necesidades de cada persoa, que pensen que a política municipal ao final é a máis próxima ao cidadán e teñen que vernos como persoas como eles, que somos accesibles. Se teñen que desencantarse dalgunha política que non sexa da municipal, que a nosa candidatura serva para que recuperen a fe.

Que espera conseguir o PP nestas eleccións?

O PP ten que saír a gobernar, temos 4 concelleiros, Tomé 11 e hai unha distancia importante. Somos realistas, temos que recuperar o dobre de votos dos que temos polo menos para gobernar. Tendo en conta que somos a forza máis votada no concello e que somos o PP fixemos un programa e un equipo de traballo para gobernar. Subir concelleiros por suposto e eu como representante do PP débome ás/aos afiliadas/os e débome a saír a gobernar.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...