InicioEn profundidadeA apicultura para Manuel Aira, “de afección para relaxarse e volver ao...

A apicultura para Manuel Aira, “de afección para relaxarse e volver ao rural ao ataque dun oso e agora as velutinas”

"E coas velutinas pasoume de todo. O ano pasado teño aberto colmeas e toda a parte de arriba eran velutinas. Nunha ocasión picáronme 7 velutinas a un tempo e tiven máis reacción cunha picadura de abella normal. Ía acabar cun niño e atacáronme, sentín dor 5 minutos e nada máis. Teño máis inflamación cunha abella normal", Manuel Aira.

Publicado o

- Advertisement -

Hai case 10 anos, Manuel Aira, bombeiro de profesión en Monforte de Lemos, comezou coa apicultura como afección. Cos enxames que ten en Pantón e Pedrafita do Cebreiro quería recuperar a vinculación coa orixe dos seus avós. Despois duns comezos accidentais hoxe está dado de alta como pequeno produtor, para menos de 150 colmeas e poder vender o mel coa etiqueta de Mel Aira. Pero a afección ten unha ameaza que a Manuel tráeo agora de cabeza, as colmeas que están bloquedas en Pantón pola velutina.

Como empezaches a dedicarte á apicultura e que te leva ata Pedrafita do Cebreiro?

Todo comezou no 2014 no bar Aira que tiñan os meus pais en Monforte. Un amigo de Suíza díxolles que nos ía a dar unha colmea e había que levantarse ás 6:00 da mañá para ir recollela que era cando estaban as abellas dentro. A colmea era para o meu pai, pero fíxenme eu cargo.

O meu pai é de Fonteformosa, parroquia de Río Cereixa, en Pedrafita do Cebreiro. Grazas a esa primeira colmea comecei a volver á aldea despois de 15 anos. Non tiña nin idea do mundo da apicultura e a colmea morreu. Pero pareceume interesante este mundo e ao ano seguinte cun amigo comprei dous enxames máis, tamén fracasaron. Dixen, “isto non é o meu”. Quedaron alí as colmeas, as cámaras de cría e aos 6 meses que empezaba a primavera, volvo por alí e vexo que entraron 2 enxames nesas colmeas baleiras.

Varios fracasos, pero había esperanza con 2 novas colmeas?

Seguín adiante coas colmeas, pero despois tiveron o ataque dun oso. En 2017 un tío do meu pai ao que lle gusta este mundo regaloume dúas máis. Empeceime a formar un pouco indo a cursos, parecía que a cousa funcionaba. Un día estando no bar dime un veciño, “ven por aquí que che acaba de entrar un oso e desfíxoche todo o colmear.” Cando cheguei vino todo tirado e desfeito e dixen, “isto non é o meu”. Informáronme de que a Xunta pagaba os danos dos osos nas colmeas e eu ademais tíñaas aseguradas. O diñeiro que me pagaron investino en colmeas e aí empecei. Deime de alta como non profesional para menos de 150 colmeas.

Mel Aira O Cebreiro / Mel Aira

Que supuxo para ti a apicultura? Como a vives?

É unha relaxación. Se teño que saír ao Cebreiro á mañá seguinte, esa noite igual non durmo, estou a desexar que soe o espertador, desexo chegar ás colmeas. Levántome ás 6 da mañá, tomo un café en Samos, outro no Cebreiro, chego ás 8 da mañá e cando saio son as 2 da tarde. O tempo pasoume sen decatarme e desestrésome. O meu traballo permítemo e a apicultura pódoa atender eu só. En Pedrafita non teño velutinas, pero son moitos quilómetros. A gran perda téñoa en Ferreira, onde as velutinas me teñen aburrido.

As colmeas en Pedrafita serviron de escusa para volver á casa paterna e por que colmeas en Pantón?

Os nosos pais foron emigrantes e criámonos no rural co avós. Os meus avós por parte de nai son de Ferreira, de San Román de Moreda en Paderne. Gústame este sitio desde pequeno e pensei, que mellor sitio para montar un colmenar! Fun a darme de alta en Medio Rural e agora estou en proceso de montar outro en Sober. Algún día gustaríame montar en Ferreira unha sala de extracción de mel, onde facer centrífugado artesanal en frío, como se facía antes. A miña avoa antes de falecer díxome que “por favor non lle deixase caer a súa casa”, díxenlle, “desde logo que non, foi a casa onde a me criei.” Pero se no Cebreiro está o oso, aquí danme medo as velutinas.

Afeito como bombeiro a acabar cos niños de velutina, coas abellas témelas?

Hai moitas, no colmenar de Ferreira, este ano ademais de ver moitas, seino no peto, entre trampas para as colmeas, os enxames que perdes…penso en abandonar. Todos os días matando velutinas e chegas á casa con dor de cabeza porque ademais de non sacar mel, sabes que quedas sen colmeas porque chas matan. Este ano xa vai haber pouco mel con esta climatoloxía tan seca e eu teño as colmeas de Pantón bloqueadas desde hai dous meses. As abellas ven velutinas fóra, collen medo e non saen. Non entra alimento, a raíña non pon ovos, non hai poboación e non colleitan. Igual saco o mesmo que o ano pasado e tiña 30 colmeas menos.

Mel Aira Pantón / Mel Aira
Na apicultura ou mesmo que como bombeiro, hai un ritual previo de poñer a indumentaria para enfrontarse á situación, non se chega a peito descuberto. Picáronte moitas abellas e velutinas?

Hai colmeas agresivas e colmeas menos agresivas, eu non vou sen traxe. As da montaña que non están afeitas ver xente, son máis agresivas. En Pantón véxoas todos os días, mátolles as velutinas e coma se visen que estás axudándoas, non atacan. Se te ven relaxado é mellor. Ás veces non te dás contas e estás a manipular a colmea co traxe aberto. É raro que vaia ao colmear e non me piquen. O meu avó de Pantón dicíame as abellas van ser a túa morte. As abellas só atacan se manipulas a súa colmea, se non son inofensivas.

E coas velutinas pasoume de todo. O ano pasado teño aberto colmeas e toda a parte de arriba eran velutinas. Nunha ocasión picáronme 7 velutinas a un tempo e tiven máis reacción cunha picadura de abella normal. Ía acabar cun niño e atacáronme, sentín dor 5 minutos e nada máis. Teño máis inflamación cunha abella normal.

Tes axudas como apicultor na túa loita contra a velutina?

O concello de Pantón deume unhas trampas. Se morren todas quedareime coas caixas e sen os enxames. Subvenciónanme o alimento e o tratamento a través dunha asociación, pero é a única axuda que teño. Sería importante que desde Medio Rural, consellería que xestiona as velutinas, atacasen na primavera co tema do trampeo. Hai xente que espera ata un par de meses a que vaian desfacer un niño que está en actividade. Para iso hai unha empresa contratada que debería estar a acudir ás chamadas e eliminando os niños primarios.

Preséntanos Mel Aira

A primeira colleita saqueina en 2016, 10 quilos para autoconsumo, estaba boísima! Despois decidín etiquetala e darme de alta para venda directa. Permíteseme producir ata 3000 quilos de mel, 450 de pole, 30 de propóleo e 30 de xelea real. Extráioa, envásoa nas miñas instalacións e subminístroa ao cliente. É o mel de sempre, todo natural e cos procesos tradicionais.

Mel Aira

ÚLTIMAS

Conta atrás para a ‘Primavera de Portas Abertas’ na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

Na Ruta do Viño da Ribeira Sacra as actividades desenvolveranse entre o 24 e o 26...

600 participantes no Pretorian Race Sarria Xtreme, que se celebra este 4 de maio

A Pretorian Race é unha carreira de 8 quilómetros con 40 obstáculos que ofrece diferentes categorías:...

A Festa dos Avós de Láncara reuniu a 500 persoas

José Tomé felicitou ao rexedor e ao seu equipo de goberno por potenciar este...

Do 9 ao 17 de maio, actividades do Concello de Monforte con motivo do Día das Letras Galegas

O 9 de maio, ás 6 da tarde, a Casa da Cultura acollerá a...