InicioEn profundidadeBodega Soutelo: “queremos facer viños sen tanta maquillaxe e sen tantos químicos”

Bodega Soutelo: “queremos facer viños sen tanta maquillaxe e sen tantos químicos”

Falamos con Luis Colorado, administrador desta adega de Sober, na subzona de Amandi, que ademais vén de recibir un premio polo seu tinto xoven Cardenal Rodrigo de Castro Mencía 2023.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O interese que espertan os viños da Ribeira Sacra alén do territorio protexido non é nada novo, mais resulta curioso que unha familia mexicana chegara a Sober e quixera investir nesta terra. Coñecemos así a actualidade de Bodega Soutelo, unha adega que adquiriu capital mexicano e que administra dende aquí Luis Colorado. A intención, mercando esta adega e viñas da zona, é producir “viños non tan fortes que alí gustan moito”, explica Colorado, engadindo outra intención na súa estratexia comercial “queremos facer viños sen tanta maquillaxe e sen tantos químicos”.

Falamos con Luis Colorado.

Como chega a Sober unha familia mexicana e se interesa polos viños de Amandi?

Estando de vacacións na Ribeira Sacra, esta familia visítame e coñece os viños desta zona. A eles gústalle moito o mundo dos viños e os de aquí parecéronlle excepcionais. Querían investir e, en pouco tempo, conseguiron mercar viñas e Bodega Soutelo pedíndome a min que me quedara ao fronte dela como administrador.

“A eles gústalle moito o mundo dos viños e os de aquí parecéronlle excepcionais”

Como foi logo a cronoloxía de chegar, investir e empezar a funcionar?

A visita foi no ano 2019, despois estivo a pandemia polo medio e a venda de viñas e adega concretouse entre 2021 e 2022. A nosa primeira colleita foi en setembro de 2021.

Vostede tiña experiencia neste mundo?

Como consumidor de viño si, con especial preferencia polo consumo de bebidas ecolóxicas. O traballo en adega e viñas fano autónomos da zona e coñecedores do sector e a miña experiencia vouna adquirindo falando coa xente, documentándome moito e asesorado polo enólogo Javier Rodríguez.

Apostan claramente pola produción ecolóxica?

Si, quitamos herbicidas, non empregamos abonos minerais e estamos reducindo as mans de sistémico. Non temos selo ecolóxico porque non podemos garantir que as viñas que hai a carón das nosas non usan químicos. E outra cousa que estamos facendo é retomar a produción en barricas de castiñeiro, tendo o viño nelas entre 7 meses e 1 ano.

Acios de mencía. Foto: Bodega Soutelo.

Que extensión de viñas teñen e en que cantidade de produción se move actualmente Bodega Soutelo?

Aproximadamente unha hectárea contabilizando a extensión das nosas viñas. En canto á produción, só traballamos con uva nosa e na última colleita chegamos aos 2.700 litros.

Que canles de comercialización empregan?

Aínda que temos venda online, ata agora polo boca a boca principalmente. Xente que visita a adega e os envíos a México. De momento non contamos con distribuidor, aínda que estamos estudiando contar con algún a futuro.

Gusta moito en México o seu viño? Será caro poñelo alí, non?

Si, gusta moito, pero levalo alí encarece moitísimo cada botella. Aquí, na web, por exemplo temos un tinto xoven a 12 €, pero en México comercializalo directamente a un particular custaría 3 veces máis. Se hai un distribuidor polo medio, ao mellor podía quedar en 36 €. Neste punto creo que se debería mellorar a xestión coas adegas para facilitar e abaratar o comercio internacional.

Botellas do viño premiado. Foto: Bodega Soutelo.

Que opinión lle merece a celebración da Feira do Viño de Amandi de Sober?

Creo que é bastante importante para os que imos exhibir alí os nosos produtos, é un escaparate importante. Pero creo tamén que se podería mellorar convidando a distribuidores e restaurantes doutros lugares, e ofrecerlles catas para coñecer os nosos viños. Estaría ben, por exemplo, que o venres estivese enfocada especialmente a profesionais do sector, para facer máis contactos a ese nivel.

Que tal foi este ano?

Este 2024 foi o mellor dende que estamos. E como anécdota comentar que a partir das 13:30 h. do domingo, despois de darnos o premio, melloramos moito as vendas no posto.

Que representa para vós acadar ese premio ao tinto xoven de Cardenal Rodrigo de Castro Mencía 2023?

Como encargado de Bodegas Soutelo primeiro diríache que este premio recoñece que estamos facendo ben o traballo e que se está valorando unha forma diferente e non convencional de produción.

En segundo lugar, este recoñecemento ilusiona. Preséntanse expectativas de mellora en vendas pois axudará a que se coñezan máis os nosos viños fóra de aquí.

E sumado ao anterior, espero que o premio axude a que a xente valore máis este traballo. Que se lle dea maior valor aos nosos viños no económico. Que a xente entenda que non é un viño máis, se non un valor que leva aparellado moito traballo detrás.

“este premio recoñece que estamos facendo ben o traballo e que se está valorando unha forma diferente e non convencional de produción”

E para rematar, que proxectos de futuro teñen?

Medrar como adega e gañar un pouco de mercado sen perder os sabores da terra, facer viños sen tanta maquillaxe e sen tantos químicos. Queremos tamén respectar o medio ambiente, á xente que traballa nas viñas e a quen bebe os nosos viños.

Tamén estamos buscando un laboratorio para facer produtos de cosmética natural. Estamos ensaiando xa con algunhas cremas naturais e temos un xabón para saír ao mercado.

Viña de Bodega Soutelo. Foto cedida pola adega.

ÚLTIMAS

A Subida a Taboada inaugurará o Campionato Galego de Montaña os días 27 e 28 de abril

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse este martes co...

Campaña de xuntanzas veciñais do PP de Monforte “para buscar solucións ás reclamacións de barrios e parroquias”

A Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos comeza unha campaña de...

Charla do Plan Maior Seguridade o día 18 de abril en Chantada

A actividade forma parte do Plan Maior Seguridade, que promove o Ministerio do Interior...

Roteiro Literario para coñecer as localizacións da novela “A Boca do Monte”, en Quiroga

Preto dun cento de estudantes do IES As Lagoas de Ourense coñeceron o pasado...