O pasado 2024 xermolou no val de Quiroga unha banda de músicos/as conformada por xente moi nova, mais non exenta de talento, que deron moito que falar e encheron de bolos a tempada de verán, sobre todo na comarca de Quiroga e contorna. O pasado en común da maioría deles na Banda Folk de Ribas de Sil facilitou as cousas para unirse neste proxecto e conectar con máis facilidade.
Colomán & The Cloks Band son: Mario Colomán, líder, guitarrista e vocalista; Brais Fernández, baixista e corista; Alberto Losada, batería; Lena Álvarez, arreglista e pianista; e Diego, guitarrista principal. Ata estas últimas semanas tamén formaba parte do grupo como guitarrista solista Santi, pero por falta de dispoñibilidade e asuntos persoais, tivo que facer un parón e non acompañará á banda neste 2025.
Mario Colomán cóntanos que a idea de crear o grupo chega porque quere levar ao escenario unha escolma de temas compostos por el, pero interpretados en formato banda. E tendo amigos/as músicos no seu entorno próximo decide animalos para que o acompañen no escenario e seguilo nesta aventura.
Falamos con el para coñecer en profundidade este proxecto musical.
Onde vos formastes como músicos?
A excepción de Diego, que foi máis autodidacta, todos temos un pasado común na Banda Folk Ribas de Sil. Brais e Lena pasaron a maiores pola Escola de Música Moderna de Monforte de Lemos. Lena obtivo un Grado Profesional en Música Moderna, o RSL 8 de Piano e actualmente estuda na ESMUC (Escola Superior de Música de Catalunya). Eu aprendín guitarra de forma autodidacta coas bases musicais da Banda Folk, reforzando coñecementos en academias de Santiago de Compostela e estudou as carreiras de Filoloxía Hispánica e Filoloxía Italiana para mellorar a miña capacidade lírica á hora de compoñer.
Como e cando xurdiu a idea de crear Colomán & The Cloks Band?
A idea de crear Mario Colomán & The Clocks Band emerxe unha tarde do verán do 2023. Eu tiña unha boa escolma de temas compostos, entre os que estaban as versións máis primitivas de “Los que Rompen a Soñar”, “Alepo” ou “O Coleccionista de Solpores”… e decidín levar aos escenarios toda esa música. Comezo a reclutar un a un os músicos que me acompañarán e formarán The Clocks Band, empezando por Brais Fernández, primeiro integrante da agrupación. O proceso de inmersión musical duns nos outros foi un evento curioso, para min era adaptar unha forma de traballar propia dun cantautor a unha banda de rock que me abriu novas posibilidades compositivas.
Por que ese nome?
Mario Colomán é unha homenaxe ao meu avó Colomán González, gaiteiro da Ermida. The Clocks Band vén da película de “Regreso al Futuro”, onde ilustran o nacemento do rock con Johnny B. Goode, un dos temas máis solicitados polo público nas nosas actuacións. O reloxo é o elemento clave do filme.
Como definides o voso estilo e que repertorio tedes? Grandes clásicos do pop-rock pero tamén temas propios, verdade?
Temos un estilo moi enérxico e paixonal, gústanos contar unha historia co que facemos no escenario e á vez facer que a xente goce como nunca. Gustoume moito un artigo que viña na prensa e nos definía como “un furacán sobre o escenario acompañado dunha banda de quilates”. Esa diría que é un pouco a dinámica dos concertos, eles son os que saben realmente de música, eu son o que deseña o espectáculo e lle dá o impulso que precisa para que funcione. Movémonos en varios estilos, dende pop, folk americano e celta, blues, funk, pero se hai un que se nos dá ben é o rock clásico. Traballamos os clásicos en español, galego ou inglés pero sempre no noso estilo.
“Temos un estilo moi enérxico e paixonal, gústanos contar unha historia co que facemos no escenario e á vez facer que a xente goce como nunca”
Si, temos temas propios, e tras a magnífica recepción que tiveron en vivo decidimos publicalos nas distintas plataformas e unha vez máis podemos catalogalo como un éxito. A idea é ir aumentando o número das nosas cancións progresivamente ata mudar a un repertorio completamente do noso.

O voso primeiro concerto foi na Feira do Viño de Quiroga, verdade? Contade como foi.
Foi un concerto que se complicou pola chuvia e tivemos que mudalo dun día para outro ao auditorio. Aí o certo é que o alcalde de Quiroga tivo un detallazo. A recepción cando saímos ao escenario foi sorprendente, non recordo o recinto tan cheo e o número de persoas que non foron capaces de entrar foi moi elevado. Nós temos un repertorio moi amplo, en torno ás 2 horas e 40 minutos, ao estilo dos macroconcertos de grandes como Bruce Springsteen, e ao mudarnos a un recinto pechado sen tempo para cambiar un espectáculo deseñado para exteriores daba un pouco de vertixe. Recordo que pasei toda a noite anterior redeseñando cousas e trazando ata un plano do auditorio para estudiar a ubicación de cada un de nós no escenario. Aínda con esas, o público mantívose completamente dentro do espectáculo de principio a fin e compartíronse momentos moi emotivos arredor da nosa música. Diego sempre fala de que o seu momento favorito foi cando tocamos “O Tren” de Andrés do Barro e dúas nenas pequenas toleaban de alegría bailando un clásico da nosa terra que está quedando no esquecemento. Ver as bágoas da xente emocionándose con “Alepo” ou ver a todo un recinto entregado e bailando coa nosa música non ten prezo.
“Nós temos un repertorio moi amplo, en torno ás 2 horas e 40 minutos, ao estilo dos macroconcertos de grandes como Bruce Springsteen”
E a partir de aí un verán espectacular. Cantos concertos fixestes?
O verán foi de éxito en éxito, fixemos 12 concertos porque chegamos moi tarde para pechar máis citas. Un dos nosos favoritos foi nunha pequena aldea do Courel, o Mazo. O público estaba tan metido no concerto que acabou durando case 5 horas. En Folgoso coincidimos como teloneiros da Orquestra Olympus, e debeulles de gustar porque nos invitaron a subir con eles e cantamos varios temas no seu palco. O máis espectacular de todos foi o concerto das festas de verán en Quiroga. Tras o éxito da Feira do Viño o alcalde decidiu apostar por nós e darnos o día grande das festas cun gran escenario na Rúa Real.

Ademais da novidade, e de ser coñecidos na contorna, cales credes que foron as claves do voso éxito?
Sen dúbida algunha o traballo. En Quiroga houbo moitos grupos nos últimos anos, de feito Diego e Santi participaron en varios deles, e o factor diferencial como eles mesmos remarcan é a seriedade deste proxecto e a implicación de cada integrante. Son moitas horas diarias que temos que coordinar cos nosos traballos ou estudos, moitas horas xuntos que nos fan pasar case máis tempo entre nós que coas nosas familias, e por suposto manter a motivación e a responsabilidade intacta de forma prolongada. Ese, ademais de buscar a calidade máxima dentro das nosas capacidades, é o camiño que nos esforzamos por tomar.
Algunha anécdota ou anécdotas que se podan contar deste 2024 que rematou?
Persoalmente, quédome co público cantando o retrouso de “Los que Rompen a Soñar” antes de tocala para pedírnola. Cando ves a un grupo de xente grande cantando un tema teu que, naquel momento, nin estaba publicado, proporciónache unha gran satisfacción.
Cales son os vosos plans e proxectos para 2025?
Pois xa abrimos a axenda e estamos á espera de chamadas para movernos máis que o ano pasado. Gustaríanos saír un pouco da nosa zona para dar a coñecer o proxecto. E se economicamente nolo podemos permitir, gustaríanos gravar o noso primeiro álbum coas novas composicións que iremos presentando progresivamente este ano e regravando de forma profesional as que xa temos publicadas.
Plans para 2025: abrir mercado e gravar o seu primeiro álbum con novas composicións que irán presentando
E a vindeira actuación onde vos podemos ver?
Nas festas de Pacios de Mondelo, no Concello de Quiroga o día 8 de febreiro ás 21:00 h. e coincidiremos coa orquestra Olympus.