Los Jinetes del Trópico son unha banda galega de verbena moderna afincada na Ribeira Sacra que este 2025 celebra, en palabras deles, “Dez anos de música, estrada e festa”.
Durante esta década compartiron escenario e colaboraron con artistas como Tanxugueiras, Dubioza Kolektiv, La Pegatina ou Jenny and The Mexicats, aparecendo en carteis de festivais como Revenidas, Armadiña Rock ou Atlantic Fest. Ao longo deste tempo publicaron máis de 40 cancións entre un LP, 6 EPs e varios sinxelos vendo pasar diferentes intérpretes musicais pola formación. Actualmente forman a banda Toñyto García, Porri Rodríguez e Henry Pereira.
Ademais do anterior, poderiamos salientar na súa traxectoria o éxito aínda vixente do seu hit “Namoreime dunha pulpeira” e o seu paso polo programa Got Talent de Telecinco, sendo unha das primeiras bandas en cantar en galego en prime time nacional.
Para celebrar estes dez anos de existencia, Los Jinetes del Trópico anuncian unha xira que comezan xa este mes de maio e xuño en varias salas galegas. Algunhas datas confirmadas: o 2 de maio na Sala A Pecera de Vigo; o 3 do mesmo mes na Sala Jagger de Lugo; e o 28 de xuño no Café Cultural Auriense de Ourense.
Facemos un breve repaso da súa traxectoria con Toñyto García.
Como naceu e quen fundou Los Jinetes del Trópico?
Los Jinetes del Trópico foi fundado por Toñyto García e Laura Solla no ano 2015.
Que proposta musical xurdiu neses comezos?
Nese momento, tanto Laura como Toñyto quedaron sen banda por ter terminado os seus anteriores proxectos e xuntaron o estilo country que tocaba Laura co estilo reggae, calypso e cumbia de Toñyto… e de aí vén o nome. O de Jinetes por Laura e o de Trópico por Toñyto.
Cales credes que foron os mellores momentos dende o nacemento ata hoxe? Lembrádenos eses grandes hits e os anos máis cheos de axenda.
Foron moitos bos momentos, mais pensamos que o ano 2019 foi un antes e un despois para a banda, coincidindo cunha extensa xira pola maioría de festivais da Galiza (Revenidas, Atlantic Fest, Atlantic Pride, Armadinha Rock, etc…), e coa saída da canción “Namoreime Dunha Pulpeira”, que é un éxito vixente a día de hoxe na música galega. Tamén cabe resaltar o paso de Jinetes por Got Talent (Telecinco), sendo das primeiras bandas en cantar en galego en prime time nacional.
“Foron moitos bos momentos, mais pensamos que o ano 2019 foi un antes e un despois para a banda”

Este 2025 celebrades os dez anos. Quen pasou polo grupo dende os inicios e que balance facedes desta traxectoria?
Pola banda pasou moita xente… Nomeando un por un aí vai: Laura Solla, Neme, Javi, Juanito, Fernandisco, Diego, Héctor, Borja, Ninico, Henry e Porri. O balance que facemos é ultra positivo porque todos aprendimos uns doutros e foi un proceso súper enriquecedor.
Algunha evolución no voso estilo durante estes anos?
Durante estes anos, o estilo mudou dese country & reggae inicial ao estilo propio actual que é a Verbena Moderna, abranguendo estilos coma o merengue, a cumbia ou as novas músicas urbanas.
“o estilo mudou dese country & reggae inicial ao estilo propio actual que é a Verbena Moderna”
Como se presenta, logo, a xira do 10º aniversario?
Neste 10 aniversario, imos celebrar por partida triple o noso aniversario, o 2 de Maio en Vigo (Sala La Pecera), o 3 de Maio en Lugo (Sala Jagger) e o 28 de Xuño en Ourense (Café Cultural Auriense). Tamén pasaremos por festivais coma o Festival da Luz, concellos de toda Galicia e estase a valorar xira por Castela A Mancha, Castela León, Asturias e País Vasco que será a partires de setembro deste ano. Tamén imos sacar novas músicas que tíñamos gardadas ao longo de todo este tempo.
