Segredos de Pantón entrevista nesta ocasión ao Doutor Alberto Rico Sánchez, profesor da Universidade de Nebrija e do Centro Universitario da Garda Civil. Rico é Doutor en Humanidades: Lenguaje y Cultura pola URJC, Licenciado en Historia –especializado en Hª Contemporánea– na UCM; Máster Universitario en Historia Contemporánea tamén na UCM; e Experto Universitario en Servicios de Inteligencia (IUGM-UNED).
As súas principais liñas de investigación son a Historia Militar Contemporánea, así como o estudio da Seguridade e Defensa Contemporáneas. Tamén é autor de diversas publicacións sobre temas da súa especialidade e ten participado en distintas actividades formativas tanto universitarias como de administracións públicas.
Na entrevista céntrase o foco nunha investigación deste historiador sobre a Guerra de Independencia (1808-1814) en Monforte de Lemos.

Como afectou a Guerra da Independencia ao conxunto da Comarca de Lemos e que importancia estratéxica tiña Monforte de Lemos?
Pola súa localización, a comarca de Lemos tiña unha importancia capital tanto para o acceso a outras zonas de Galicia, como para acceder á meseta. A importancia do Val de Lemos, cunha altitude media próxima aos 400 m., fixo que esta realidade fora especialmente palpable nos meses máis fríos do ano, cando os portos de montaña eran dificilmente transitables debido a unhas condicións climatolóxicas adversas.
A poboación civil galega tivo unha implicación destacada na resistencia. Dirías que Lemos foi un exemplo paradigmático diso? E como foi na nosa zona?
A poboación civil galega, como a do resto peninsular, viuse inmersa nunha traumática realidade bélica encarnada por tres opcións políticas en liza.
A primeira, e maioritaria, era a encarnada polos absolutistas. Tratábase dos defensores do Antigo Réxime que avogaban por manter unha monarquía tradicional de carácter autocrático, onde cada territorio conservaba os seus usos e costumes. Tampouco existía a igualdade de todos os habitantes ante a lei. Como sabemos, boa parte dos seus partidarios procedían do clero, a pequena nobreza e, o que é moi importante en Galicia, os pequenos propietarios xunto con outros amplísimos sectores do campesiñado. Obtiveron a vitoria despois dunha guerra atroz.
A segunda opción política era aquela encarnada polos afrancesados que non eran outra cousa que aquelas persoas partidarias da incorporación política, e asimilación cultural, ao Imperio Francés. Os seus partidarios eran moitos menos en número que os anteriores e adóitase identificar neles a unha parte da nobreza, pero sobre todo a unha relevante porción de profesionais liberais como médicos, avogados, docentes etc. Para eles, derrotados, houbo a opción do exilio a Francia, así como a represión para os que quedaron.
A terceira e última opción política era a encarnada polos liberais. Os seus partidarios avogaban por un réxime liberal, centralizado e democrático. Os seus postulados políticos quedaron definidos pola Constitución de Cádiz de 1812 onde se dispoñía que os españois, de ambos os hemisferios, tivesen os mesmos dereitos e obrigacións cidadás. Os seus partidarios eran minorías políticas procedentes tanto da nobreza, o clero xunto cunha relevante porción de profesionais liberais como médicos, avogados, docentes etc. Para eles, a derrota de Francia tamén supuxo a volta do absolutismo, coa implicación de elixir entre o exilio ou a represión para os que quedaron.
realidade bélica encarnada por tres opcións políticas en liza: absolutistas, afrancesados e liberais
Que papel xogou a Xunta de Monforte na coordinación da resistencia?
A realidade bélica supuxo a desarticulación da maioría da administración por mor do levantamento e revolución ante a invasión francesa. Sen xuntas como a de Monforte dificilmente se podería resistir ao Exército francés, sen dúbida o mellor naquel tempo tanto por recursos humanos como materiais. Era necesario, pois, coordinar o esforzo bélico en toda a súa amplitude, desde os aspectos locais a aqueles outros de escala nacional.
Podes falarnos do papel do P. Beda Peña e a súa importancia na organización?
Como sabemos, a Igrexa católica é unha estrutura xerárquica de moi longo percorrido histórico. Esta experiencia administrativa facilitou que os clérigos, especialmente aqueles que desempeñaban funcións reitoras, asumisen postos de mando e organizativos, de carácter civil. Non debemos esquecer que aquela sociedade tiña unhas elevadas taxas de analfabetismo polo que non era tarefa fácil, tampouco no Val de Lemos, atopar persoas formadas como o P. José Beda Peña. Nestas figuras recaeu boa parte da coordinación, ao principio improvisada, do esforzo bélico.
Que destacarías da figura do P. Cristóbal Conde e das súas misións na comarca?
Dentro das elites do momento hai unha ampla disparidade de tendencias políticas. O caso do franciscano Cristóbal Conde é paradigmático da implicación do clero ante a invasión francesa. Esta figura chega á Comarca de Lemos procedente de Compostela onde xa se destacou ante os ocupantes franceses. Pódese identificar aquí, como nos din aquelas fontes, a un dos defensores do Altar e do Trono.
Houbo moita implicación de relixiosos e intelectuais no movemento de resistencia na zona?
A implicación dos relixiosos e dos demais intelectuais autóctonos, por exemplo os secretarios dos concellos, foi decisiva para articular un discurso coherente e eficaz contrario ao ocupante francés. O discurso napoleónico pasaba pola imposición da civilización francesa fronte ao tradicional atraso autóctono. Fronte a este discurso avogábase por unha sociedade tradicional, católica e monárquica. Aínda que houbese variantes entre liberais e absolutistas, o importante, entón, era a identificación de nós fronte aos outros.
“O discurso napoleónico pasaba pola imposición da civilización francesa fronte ao tradicional atraso autóctono”
Cales foron os momentos máis críticos ou sanguiñentos da guerra en Monforte?
É difícil elixir un momento nunha guerra que durou uns 6 anos. Talvez cando o 24 de abril de 1809, a entón vila viuse rodeada polas forzas do mariscal Soult. Ademais de tratarse das forzas militares máis poderosas de entón tiñan por costume practicar a pillaxe por onde pasaban. Así sucedeu co Colexio do Cardenal, o convento de San Antonio de Padua ou a igrexa parroquial da Régoa, por poñer algúns exemplos destacados. Moitas máis casas particulares foron as que sufriron esta depredación.
Como se desenvolveron os tres ataques franceses á vila? Cal foi o máis destrutivo?
Considero que o asalto a Monforte de abril de 1809 foi o máis dramático. As forzas francesas, aproximadamente 3000, arroiaron ás españolas, mandadas polo brigadier Pedro Martinengo, que a pesar de ter unha posición táctica vantaxosa, non contaban con suficientes recursos militares. A desbandada foi xeral. Só un escaso número de paisanos tratou de resistir en balde con armas de fabricación caseira. A represión francesa non se fixo esperar. As fontes máis fiables indícannos que estes feitos de armas cobraron a vida dunhas 100 persoas só naquela vila. Hai que lembrar que Monforte contaba cunha poboación aproximada de 1600 habitantes e aínda non era a cidade actual.
Que papel xogou o convento de Santo Domingo como centro de intendencia?
O clero regular tivo un papel esencial para a intendencia das forzas autóctonas. Lembremos as dificultades de comunicación comercial existentes aínda en tempo de paz. Se ao complicado da xeografía, se lle suma a realidade bélica é lóxico tentar o autoconsumo. As carencias daquela administración civil, fundamentalmente relativas a aspectos loxísticos, foron suplidas por un improvisado centro manufactureiro radicado no monfortino convento de Santo Domingo. Xastres, zapateiros ou carpinteiros foron algúns dos oficios coordinados por aquel persoal relixioso, seguindo ordes da Xunta. Desta maneira buscábase fornecer algún equipo aos combatentes da comarca de Lemos.
Que consecuencias tivo a guerra sobre os edificios relixiosos e culturais de Monforte? Algún outro edificio notorio da comarca sufriu danos?
Toda guerra resulta dramática en moitos niveis. Sen esquecer a importancia do factor humano, hai que dicir que as perdas máis graves relativas ao patrimonio cultural monfortino foron as relativas a obxectos mobles que engrosaron o que, tradicional e xenericamente, se denominou a equipaxe do rei José. A destrución de edificios, agás casos puntuais enmarcados na conxuntura bélica, era contraproducente para unhas forzas invasoras que necesitaban dominar o terreo. Así, os conventos podían ser utilizados como cuarteis. Con todo, aquel exército francés incautou moitos obxectos de valor, e saqueou as bibliotecas de todos os centros relixiosos. Por exemplo, no Colexio do Cardenal tentaron levar o lenzo de Hugo Van der Goes, titulado A Adoración dos Reis. Non o fixeron debido a que as súas grandes dimensións dificultaban o transporte ata Francia. Moitos obxectos de arte sacra puidéronse salvar porque foron ocultados con anterioridade. Con todo, estas depredacións non se limitaron ao ámbito eclesiástico. Outras moitas tiveron por escenario ao común da poboación. Con todo, por carecer de listaxes concretas é difícil avaliar esas perdas. O asalto a Monforte comezou pola denominada Ponte Vella.
“no Colexio do Cardenal tentaron levar o lenzo de Hugo Van der Goes, titulado A Adoración dos Reis. Non o fixeron debido a que as súas grandes dimensións dificultaban o transporte ata Francia”
Que foi o Batallón de Lemos e cal foi o seu papel na guerra? Que nos podes contar sobre o seu comandante, Antonio Ponce, e os combates máis destacados nos que participou?
O Batallón de Monforte, tamén denominado Batallón de Lemos, foi creado na primavera de 1809 e compoñíase, teoricamente, dunhas mil prazas repartidas entre un número variable de compañías. Como toda unidade de infantería da súa entidade estaría mandada por un tenente coronel. Neste caso o mando recaeu no tenente coronel Antonio Ponce, veterano militar, andaluz de orixe, que contaba cunha brillante folla de servizos. A carencia de medios unida á esixente preparación militar impediu que o Batallón actuase en campaña ata 1810. A primeira acción do Batallón de Monforte deuse en Melide ante o invasor francés. Combateu con distinción no Exército da Esquerda, recibindo o 1 de xullo de 1810 os restos dos disoltos rexementos da Morte e Mouretán. Posteriormente, convertido en rexemento, seguiu a guerra, encadrado no novo Sexto Exército, ata o 22 de xaneiro de 1812 en que foi disolto na Praza de Olivenza (Badaxoz).
Cales eran as condicións de formación, armamento e disciplina deste batallón rural?
En primeiro lugar, hai que ter en conta que estamos ante unha sociedade eminentemente ágrafa. As taxas de analfabetismo eran exponencialmente superiores ás actuais. Fronte a iso, aquel Exército era un medio de ascenso social para unha parte relevante da poboación. Ademais de cama e comida, o ingreso na vida militar esixía que aqueles mozos aprendesen unha formación cultural básica imprescindible. Os recrutas necesitaban coñecer as ordenanzas para ser soldados, unha vez que xurasen bandeira, e prestar servizos de armas. Aínda que se empregaban con profusión armas brancas, era necesario coñecer o armamento de avancarga regulamentario, especialmente o do fusil utilizado pola infantería de liña. Tamén eran imprescindible esta formación para calquera promoción interna dentro da vida militar. A miúdo incorporábanse restos de unidades regulares derrotadas aumentando o seu persoal. Pero, para o seu estudo, sempre hai que ter en conta o persoal ausente por motivos como hospitalizacións, etc.
Que papel xogaron os concellos limítrofes como Sober, A Pobra do Brollón ou o Pantón na resistencia?
Debido aos múltiples vínculos xeográficos, persoais e comerciais, os concellos do Val de Lemos como Sober, A Pobra de Brollón ou Pantón actuaron de modo semellante a como o fixo a poboación monfortina. Aínda que a transmisión das noticias se producise con lentitude, os seus habitantes eran conscientes da realidade bélica comarcal. Arrieiros, relixiosos ou militares de permiso eran algúns dos transmisores de calquera eventualidade e, en boa medida, foron creadores de opinión no medio rural. Ademais, non debemos esquecer que estes tres concellos tiñan unha posición estratéxica destacada nas comunicacións de Monforte con Ourense, Ponferrada ou Santiago de Compostela. Naquel tempo, a conxuntura bélica operaba lenta pero inexorable nuns escenarios de operacións variables.

Sabemos que a bandeira do Batallón foi bendicida no Castro de Ferreira. Por que se escolleu este lugar?
Era habitual no Antigo Réxime, isto é, o sistema político-económico e social existente en España ata 1833, que se ofrecesen, e fosen bendicidas, as bandeiras de combate por diferentes xerarquías relixiosas. Ademais, con frecuencia, en moitas igrexas albergábanse antigas bandeiras militares como exvotos. No caso de Ferreira descoñecemos se había algún vínculo castrense anterior. O certo é que se aquel acto solemne, oficiado polo P. Conde, se produciu no mosteiro de relixiosas bernardas foi debido á súa antigüidade. A insignia foi entregada á unidade, xurando o xefe e a súa plana maior mediante a fórmula habitual ante os Santos Evanxeos. Debemos lembrar que a actual fórmula de xura de bandeira, eminentemente laica, remóntase ao reinado de Isabel II. Todo iso ratificaba a idea dunha loita contra os inimigos do Trono e o Altar.
“en moitas igrexas albergábanse antigas bandeiras militares como exvotos”
Que elementos da guerra en Lemos che pareceron máis descoñecidos ou sorprendentes ao facer a investigación?
A Guerra da Independencia é un punto de inflexión dentro do devir histórico peninsular. Aínda que presenta algunhas características propias do Antigo Réxime como a sacralización da autoridade; son maiores, e máis importantes, os trazos propios do mundo contemporáneo. O xurdimento da nación-estado, a importancia da opinión pública, os medios de comunicación ou o laicismo aparecen constantemente en toda esta realidade bélica. A comarca de Lemos non foi unha excepción. O protagonismo de absolutistas e liberais unidos coxunturalmente contra os afrancesados así nolo demostra. Unha vez derrotado o francés desataríase, en toda España, un conflito, aínda non totalmente resolvido, entre diferentes maneiras de concibir o Estado. Por exemplo, trataríase de impoñer unha nación de nacións opción pretendida polo tradicionalismo fronte á imposición dunha nación centralista e homoxénea, opción pretendida polo liberalismo político decimonónico. Pero esa é outra historia.

