HomeEn profundidadeJavier de 'O Son da Aldea':"Nós apostamos por un festival aberto, inclusivo...

Javier de ‘O Son da Aldea’:”Nós apostamos por un festival aberto, inclusivo e interxeracional”

Nun tempo no que o despoboamento e a perda de identidade preocupan ao mundo rural, iniciativas como a do festival O Son da Aldea evidencian que a cultura tamén pode ser unha ferramenta de transformación social. Música, lingua, comunidade e compromiso danse a man nun evento que xa se converteu nun símbolo de orgullo colectivo e de defensa da cultura galega.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

O informe “A música popular en Galicia. Análise e perspectivas” destaca que os festivais son hoxe un dos principais espazos de difusión da música galega. Ademais de dar visibilidade aos nosos artistas, favorecen a creación de novos públicos e reforzan a identidade cultural do país.

Nunha pequena aldea do concello de Pantón, Toldaos, ese compromiso coa cultura transformouse nun proxecto que medra ano tras ano: O Son da Aldea, un festival que conseguiu converter o rural nun punto de encontro para a música, a lingua e a cultura galegas.

Para coñecer de primeira man como naceu esta iniciativa, a súa evolución e o seu impacto na comunidade, conversamos con Javier Goyanes, un dos seus impulsores. 

Como xurdiu o festival O Son da Aldea?

Foi unha aposta persoal para recuperar as festas da aldea e crear un espazo de xuntanza. Ademais de dar visibilidade ó estado de abandono do rural e tentar amosar a nosa aldea, que a xente vexa que hai vida máis alá dos núcleos de maior poboación, onde se concentra toda a actividade cultural. A cultura ten que chegar a todos, vivas onde vivas

Como acolleron as veciñas e os veciños esta iniciativa?

Levo 11 anos limpando camiños, recuperando patrimonio inmaterial como lendas, contos, topónimos… e tentando poñer en valor restos arqueolóxicos e facendo novos achádegos e catalogándoos; sempre tiven ánimos e críticas, e O Son da Aldea non é unha excepción. Pero a maioría está encantada de participar e ver a terra que queren chea de vida e ledicia. E para min iso é suficiente para continuar.

“a maioría está encantada de participar e ver a terra que queren chea de vida e ledicia”

Foi un camiño doado ou atopaches moitos atrancos ao longo do proceso?

Nin foi nin será un camiño doado. É moi complexo obter apoio económico. Somos unha parroquia pequena de algo máis de corenta veciñas e veciños, sen local social nin ingresos. Por iso teño que agradecer infinitamente a tódalas persoas do noso concello que nos fan unha aportación económica cando imos porta a porta. Agradecer aos negocios que colaboran e patrocinan, así coma a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Sen eles non sería posible.

Para axudar a sufragar os gastos do festival elaborastes unhas camisolas que este ano incluían unha pequena icona coa bandeira LGTBI+. Como reaccionou a xente ante esta iniciativa?

O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI+, e como o noso festival adoita coincidir con esas datas, quixemos facer un pequeno aceno de apoio á loita polos dereitos e a visibilidade da diversidade afectivo-sexual e de xénero.

Nun primeiro momento, a camisola xerou certo rexeitamento entre algunhas persoas. Porén, co paso dos días esa percepción foi mudando e acabou por converterse na camisola máis vendida de todas as edicións do festival. Para nós foi unha mostra de que a cultura tamén pode contribuír a promover valores como o respecto, a diversidade e a inclusión.

Cal cres que é a finalidade máis relevante deste festival?

Diría que o noso obxectivo é atraer xente nova á nosa aldea, pero esa resposta quedaría moi curta. O que realmente somos é un festival construído entre todas e todos. Contamos co apoio das asociacións, da veciñanza e dos comercios locais, porque entendemos que un proxecto como este só ten sentido se nace da comunidade. Buscamos crear unha identidade propia e un espazo de encontro no que todas as persoas teñan cabida.

Hai festivais nos que quen asiste é simplemente un número ou unha entrada máis. No Son da Aldea, que ademais é de balde, as persoas asistentes pasan a formar parte da veciñanza por un día, da historia da aldea e dun proxecto colectivo. E por enriba de todo queremos que quen veña ao festival sinta que forma parte da familia do Son da Aldea. Porque máis alá da música, o que pretendemos crear son vínculos que perduren no tempo.

“as persoas asistentes pasan a formar parte da veciñanza por un día, da historia da aldea e dun proxecto colectivo”

Que aspectos salientarías desta última edición do festival?

Sen dúbida, o ambiente que se respirou durante toda a xornada e a mestura de idades. Foi especialmente emocionante ver como convivían no mesmo espazo nenos e nenas, mocidade, persoas adultas e maiores, compartindo música, conversas e momentos de lecer.

Pensamos que esa é unha das grandes fortalezas do Son da Aldea: conseguir que persoas de diferentes xeracións se sintan parte dun mesmo proxecto. Nun tempo no que moitos eventos están orientados a un público moi concreto, nós apostamos por un festival aberto, inclusivo e interxeracional, onde a música serve como punto de encontro e como ferramenta para fortalecer os vínculos entre a veciñanza e todas as persoas que nos visitan.

Xente bailando no Campo da Festa nunha actuación do ‘Son da Aldea’ (arquivo). Foto: SdP.

Con que momento desta edición quedarías?

Podería contar centos de momentos inesquecibles, pero quedo cun que tiven a sorte de gravar e que está publicado nas nosas redes sociais. Anímovos a velo, porque fala por si só. É un deses instantes que non precisan explicacións: é amor puro e representa á perfección o espírito do Son da Aldea.

Nesta edición apostastes por combinar grupos da contorna, como Os Parentes, con outros de maior proxección, como Alana, e tamén por traer de volta bandas que xa actuaran no festival, como C Mirazo e Pappaquino. A que responde esta elección?

En cada edición procuramos contar, cando menos, cun grupo da contorna. Gustaríanos poder incorporar máis proxectos locais, pero non sempre é doado, especialmente sendo un festival que aposta decididamente pola música en galego e pola nosa lingua. En calquera caso, todas as bandas que pasaron polo escenario do festival deixaron unha pegada moi especial. Para nós xa forman parte da familia do festival e, se dependese unicamente da nosa vontade, volverían actuar con nós ano tras ano.

Que criterios seguistes á hora de elaborar o cartel desta edición?

Tentamos ofrecer unha programación musical o máis diversa posible, na que teñan cabida estilos que van desde a música tradicional ata o rock ou as músicas urbanas. Cremos que esa variedade enriquece o festival e permite chegar a públicos moi diferentes.

Agora ben, sempre temos que traballar dentro das nosas posibilidades, tanto económicas como de produción. Precisamente por iso, a elaboración do cartel é unha das tarefas máis complexas da organización e a que máis tempo, esforzo e quebradizos de cabeza nos leva. O obxectivo é atopar un equilibrio entre a calidade artística, a diversidade musical e os recursos dos que dispoñemos.

Máis alá da música, o festival tamén implica unha responsabilidade co contorno. Como valoras a implicación do público á hora de manter os espazos limpos e facer unha correcta xestión dos residuos?

Neste aspecto só podo ter palabras de agradecemento. Hai que felicitar a todas as persoas que participan no festival, porque demostraron unha gran conciencia ambiental e un enorme respecto polo lugar que nos acolle. A veciñanza e o público colaboran de maneira exemplar, facendo un uso responsable dos puntos de recollida selectiva e contribuíndo a que a aldea permaneza limpa durante toda a celebración. Para nós é unha satisfacción comprobar que é posible gozar da música e da festa sen renunciar ao coidado da contorna.

Javier Goyanes nunha actividade de coñecemento do territorio. Foto: SdP.

Para rematar, que retos e obxectivos vos marcades paras as vindeiras edicións?

Temos moitos retos e ilusións de cara ás vindeiras edicións. Un deles é seguir sendo un exemplo de como a cultura pode contribuír á recuperación, conservación e transmisión do noso patrimonio, demostrando que tamén desde unha pequena aldea se poden impulsar proxectos con impacto en todo o país.

Tamén nos gustaría que existisen cada vez máis espazos nos que os artistas que crean en galego puidesen desenvolver o seu traballo e chegar ao público. Cremos que apoiar a nosa música é tamén unha forma de fortalecer a nosa lingua e a nosa identidade.

Curiosamente, O Son da Aldea é hoxe máis coñecido fóra da comarca de Lemos ca na propia comarca. Cada edición recibimos persoas chegadas de todos os recunchos de Galicia, e un dos nosos obxectivos é seguir ampliando esa comunidade sen perder nunca a esencia que nos define. Porén, por riba de calquera outro propósito, hai un reto que se repite ano tras ano: poder continuar. Manter vivo un festival destas características, organizado desde o rural e sustentado polo compromiso de tantas persoas voluntarias, non é doado. Conseguir que O Son da Aldea siga existindo cada verán é, sen dúbida, o noso maior desafío e, ao mesmo tempo, a nosa maior ilusión.

“Manter vivo un festival destas características, organizado desde o rural e sustentado polo compromiso de tantas persoas voluntarias, non é doado”

Concerto de Maskarpone (2025). Foto: SdP.

ÚLTIMAS

Sanidade mantén oito semanas de vixilancia na residencia de Monforte tras o gromo de sarna

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou que a Dirección Xeral de Saúde...

4 Grandes Medallas de Ouro e 14 Ouros para a D.O. Ribeira Sacra no Mondial des Vins Extremes

O certame que se celebra no Val de Aosta, Italia, é un dos principais...

O BNG de Monforte recolle case 200 alegacións en dúas horas contra a ponte do Malecón

Desde a formación nacionalista repartíronse folletos con planos, medidas e datos técnicos extraídos do...

O 13 de setembro ás 12:00 “Monforte en Marcha contra o Cancro”

A V edición de “Monforte en Marcha Contra o Cancro” pretende fomentar a práctica...