Home Medio ambiente e Patrimonio Máis de 600.000 euros para restaurar as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño e de Ribas de Sil

Máis de 600.000 euros para restaurar as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño e de Ribas de Sil

0
Máis de 600.000 euros para restaurar as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño e de Ribas de Sil
Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño / CEDIDA POR TURISMO DE GALICIA

A Xunta de Galicia levará a cabo as obras de restauración de cubertas e muros na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño para solucionar os problemas de humidades que afectan ao inmoble. Polo que se vén de sacar a contratación unha intervención que compromete máis de 342.000 euros e se estenderá por un prazo máximo de nove meses para resolver as patoloxías deste monumento recoñecido como ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento desde 1931. 

O proxecto prevé tamén mellorar as condicións de conservación e mantemento dos paramentos exteriores da fábrica; reparar gretas e fisuras; mellorar as condicións de ventilación da igrexa e conservar os elementos escultóricos exteriores do templo.

Santo Estevo de Ribas de Miño / CEDIDA POR TURISMO DE GALICIA

As actuacións concretas previstas no proxecto técnico son a desmontaxe de tellas cerámicas e da estrutura de madeira de castiñeiro, acometendo a recuperación parcial da estrutura nos casos que sexa posible; restaurar a cuberta da nave e ábsida; substituír as fiestras existentes por outras que permitan a ventilación continua, e selar con morteiro de restauración os danos da envolvente, procedendo á recolocación das pezas inestables da cornixa.  Ademais, eliminaranse as plantas vasculares e realizarase unha limpeza manual dos paramentos exteriores; recuperándose os rexuntados históricos existentes.

300.000 para a restauración de Santo Estevo de Ribas de Sil

A Xunta de Galicia tamén vén de licitar por preto de 300.000 euros a realización de actuacións de restauración na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra de Ourense. O templo de Santo Estevo de Ribas do Sil conta coa distinción de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento, constitúe un dos exemplos de arquitectura románica máis relevantes desta zona. 

Santo Estevo de Ribas de Sil / CEDIDA POR TURISMO DE GALICIA

Segundo a contratación publicada, as actuacións que se levarán a cabo no templo permitirán solucionar os importantes problemas de conservación e mantemento co fin de evitar o seu deterioro. Así, os traballos centraranse en resolver patoloxías derivadas das filtracións de auga, da falta de ventilación e dos problemas de capilaridade na base dos muros. 

As obras contan cun prazo previsto de execución de tres meses e cun orzamento de 300.000 euros que se reparten en dúas anualidades. No seu conxunto, as actuacións permitirán poñer en valor este elemento situado ao carón do Parador de Santo Estevo.

A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade baséase, en boa medida, no gran patrimonio arquitectónico que se concentra neste territorio, o que o converte nunha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa que chega ate os nosos días. Así, co obxectivo de conservar este legado, a Xunta ten abertos varios procesos de licitación para a conservación e restauración de inmobles como as igrexas de Santo Estevo de Atán, de San Vicenzo de Pombeiro ou de Santo Estevo de Ribas do Miño, entre outros. 

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here