O Museo Xeolóxico de Quiroga construiuse cun obradoiro de emprego e un orzamento de 350.000 euros. A fase de ampliación que este sábado se inauguraba tivo un orzamento de 230.000 euros dos que a Consellería de Cultura investiu 175.000 e o resto o concello.
Ao acto inaugural acudiron numerosas autoridades como o Conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; o Presidente do GDR Ribeira Sacra – Courel, José Manuel Arias; o Presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro; o Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Guitián; o Presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, o Presidente do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos Nacional, Manuel Regueiro. Ademais do xeólogo, Juan Ramón Vidal Romaní, e membros do seu equipo; precisamente a Vidal Romaní adícaselle a sala de Elba, como comentaba o alcalde, Julio Álvarez, “a pastora das montañas galegas, realizada a partir de restos óseos que teñen unha antigüidade de nove mil setecentos anos, atopados por Vidal Romaní e a súa compañeira, Aurora Grandal.”
O alcalde tivo un agradecemento especial ás persoas que fixeron nacer a idea do museo, “a primeira delas a D. Manuel Fraga, por aquel entón presidente da Xunta de Galicia, que no ano 2004 me envía unha carta persoal acompañada dunha noticia publicada nun xornal, para que me interese polo Pregamento de Campodola, e así construímos o primeiro miradoiro, xénese de toda vocación xeolóxica da actual sociedade civil e administrativa de Quiroga. A segunda delas a Vidal Romaní, que apoiou a teoría e a construción do Museo coa súa axuda material e científica. A terceira delas a Ramón Vila, que foi como o xinecólogo dese recén nacido nun parto difícil que logra que sobreviva. E a cuarta, a un servidor, o que lles fala, que desde o primeiro momento apoiou e buscou recursos para levalo a cabo.”
O pregamento de Campodola, un dos 7 monumentos naturais de Galicia, declarado no ano 2012, e o Museo Xeolóxico, inaugurado en decembro do 2011, xunto coa posta en funcionamento de 2 roteiros neste mesmo ano, nestes momentos están homologados 8 no concello. Estes elementos conforman unha etapa e un futuro para a Xeoloxía, como sinalou o alcalde “cun gran impacto para a comarca e Galicia, co recoñecemento que tivo por parte da UNESCO cando o declarou Xeoparque Mundial no ano 2018.”
Julio Álvarez remataría así a súa intervención “Con estes tres elementos preséntasenos un futuro esperanzador, sobre todo agora, para as novas xeracións se son capaces de xestionalo, o importante é que naceu, formouse e está aí, agora fai falta conservalo e revitalizalo.”