HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: A Madalena de Sárria, as igrexas e o hospital (I)

Cousas Xacobeas: A Madalena de Sárria, as igrexas e o hospital (I)

“É do Hospital dos pelengríns coa que se obriga ó convento en que se lles dea sepultura e socorros a todos os pelengríns pobres que van a Santiago e que sexan sacramentados e enterrados cando enferman e morren”.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

No século XIV a autóctona orde sarriá dos Frades da Penitencia dos  Benaventurados Mártires de Cristo, que seguían as normas de Santo Agostiño xa está consolidada e disfruta de boas rendas e mandas que lle permiten facer a obra da segunda igrexa, sucesora da románica da primeira fundación, e manter aberto un Hospital que facía posible a acollida dun maior número de peregrinos.

Hai unha grande orfandade documental con relación ao período que vai de  1309 a 1510, que é o do maior esplendor dos “Madalenos”, e só se garda recordo dos prioiros frei Xoán (1309), frei Ferrando (1349), frei Xoán (1416), frei Ares de Larín (1428), frei Ares Eanes de Pallares (1451), Bacheler frei Lopo de Ferreiros (1480), frei Rodrigo (1480), frei Rodrigo de Pallares (1488/1491) , frei Vasco (1509) e frei Alonso de Rogeros ou de Togeros (1510).

Entre a documentación do Mosteiro da Madalena de Sárria conservouse unha Bula do Papa Xoán XXII,  do ano 1322, dada en Roma, no ano sexto do seu pontificado, identificada así : “É do Hospital dos pelengríns coa que se obriga ó convento en que se lles dea sepultura e socorros a todos os pelengríns pobres que van a Santiago  e  que sexan sacramentados  e enterrados cando enferman e morren”.

É importante a concesión de indulxencias que o Papa sinala aos fieis , sabedor de que en Galicia, no mosteiro de Santa María Madalena de Sárria da Orde de Santo Agostiño da Penitencia dos Beatos Mártires, na diocese lucense, ao que chegan numerosos fieis, facendo en moitas ocasións  penitencia, e son alí confesados, e sinala como datas para gañar eses privilexios espirituais: as festividades do Noso Señor Xesús-Cristo, a  Circuncisión, Epifanía, Cea do Señor, Resurreción Ascensión, Pentecostés e en todos e cada un destes días, no da Santa e Gloriosa sempre Virxe María, nos dos beatos Pedro e Paulo e todos os  outros santos apóstolos e evanxelistas, na Invención e Exaltación da Santa Cruz, na festa do Arcanxo San Miguel, na de San Xoán Bautista e na do Degolamento deste “evanxelista”, nas de Lourenzo, Cristovo, Marcial, Dionisio e dos seus compañeiros Cosme e Damián (Isto  na igrexa de San Brais de Vilanova de Sárria) e nos días de Santa María Madalena, santas Catarina e Margarida,  Icía, Ana, Ágata e Eufemia, na comemoración de Todos-Santos.

…e na adicación de todos os anteditos  facemos a concesión a cantos devotamente fagan oración nas oitavas das anteditas festividades e visiten as igrexas en todos e cada un deses días facendo oración, confesando e comungando, e concedemos tamén indulxencias a cantos devotamente atendan aos peregrinos de xeito que con oracións, pola comuñón do Corpo de Cristo e pola imposición do santo óleo os coiden cando enfermos sexan e con outros  divinos oficios, exequias ou mortuorias sepulturas dentro da dita igrexa e no seu cemiterio. Ou a aqueles que en ocasión de se acharen no campo se axeonllen e recen tres avemarías, ou a aqueles que traballando fóra da dita igrexa con calquera xeito de aportación contribúan con esmolas tanto para a fábrica, como para luminaria, ornamentos ou en calquera outra maneira sexan dela axudadores”.

As badaladas do Ángelus

Estamos diante dun singularísimo documento: a concesión de indulxencias   concedidas polo Papa Xoán XXII a un mosteiro “especializado na atención aos pelengrísn xacobitas” dun modo amplo e en moitas festividades relixiosas ao longo do ano, co sinalamento da obriga de atención, sans ou doentes, para cos camiñantes e a obriga de enterralos na igrexa e cemiterio do mosteiro.

Tamén resulta atraínte a idea de que o “rezo do Angelus”, axeonllados con ocasión dos traballos no campo, xa estaba establecido 800 anos atrás, e que as badaladas do “Ángelus” seguen a soar hoxe no Mosteiro da Madalena, agora rexido polos relixiosos mercedarios.

Esa bula papal ven a confimar a idea de que, sen dúbida ningunha, a institución máis signiticativa e representativa de Sárria ao longo dos séculos foi o Mosteiro-Hospital da Madalena, alzado e sostido polas sucesivas xeracións de sarriaos  .

Hospital -Mosteiro ou Mosteiro-Hospital, independente e único entre as institucións semellantes abertas ao longo do Camiño de Santiago, e que conta no seu haber documental con ata catro bulas concedidas polos Pontífices romanos; “Matrícula cum laude” en exercicio da Caridade.

ÚLTIMAS

Entrégase unha vivenda de promoción pública en Chantada

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, fixo este mércores entrega das chaves á...

Medio Rural destina 4M€ a pasteiros

Durante o seu percorrido pola zona, no que estivo acompañada polo director xeral de...

O Xeoparque Montañas do Courel terá un espazo en FITUR 2025

A Rede Española de Xeoparques Mundiais (REXM), na que están integrados os dous Xeoparques...

Detidos dous homes como supostos autores de ‘ciberestafas’ denunciadas en Lugo e Monforte

Segundo informaron fontes policiais, unha das estafas foi denunciada en Lugo, e a vítima...