Cousas Xacobeas: O Camiño dos Xacobitas en Santiago de Barbadelo, da “Casa de Don Audilán” a “San Xacobe de Barbadelo (IV)

O Prioiro de Barbadelo tiña xurisdición nas parroquias de Barbadelo, Albán e Piñeira, no lugar de Zanfoga de Maside, en casares e aldeas anexas, sometidos todos os seus lugares ao mosteiro de Samos, sen que nesas parroquias exercese xurisdición o bispo de Lugo.

Tímpano de pórtico / Villarabid

En Terra do Páramo, na raíz da Costa do Páramo, perto da “ripa Barbatelli “, río este que baixando de Santa Icía rende as súas augas ao río “da Sárria”, como lugar de recollemento espiritual e de acollida para pobres e peregrinos don Audilán estableceu un mosteirolo autónomo coñecido como “Casa Domni Audilani” ou “Loci Sancto Iacobi”,  que  foi medrando en importancia e que cando caeu baixo a influencia do Mosteiro de Samos recibiu por parte dos monxes samonenses a denominación de “Casa Barbatelli” e finalmente foi coñecido como Mosteiro de “Sancti Jacobi Barbatelli”.

Esa institución monástica contou co favor e axuda dalgúns membros da familia real de Galicia residentes na corte de Oviedo, o que lle permitiu a creación e sostemento dun bon número de pequenos mosteiros de corte familiar, algúns deles dúplices, asentados no Val de Barbadelo e no curso medio do río Loio, que deron lugar a unha intensa colonización e ocupación de terras ben por apresos (“presura”) ou por concesións reais e tamén por xenerosas entregas de bens procedentes de familias podentes da comarca. 

A igrexa primeira e o mosteiro foron creación de don Audilán, a quen seguiron no goberno do cenobio os abades Teodemundo, Visclafredo e os esposos Nunita e Sunilán, “Deo vota“ e “confeso” (976), Vermudo; Sendina, Xeloira e Cresconio (1078), e rematada a serie de abades propios o mosteiro pasou a depender de Samos, que no ano 1166 tiña ao capelán Paio á fronte dos bens do mosteiro de Santiago de Barbadelo e dos seus anexos.

“Dar pousada ao peregrino”

A vocación de acollida dos peregrinos, dando contido así á obra de misericordia “Dar pousada ao peregrino” xustificou en boa parte o establecemento dos varios cenobios xurdidos no espazo entre os ríos “Barbadelo” e “Loio”.

No ano 904 o abade Visclafredo fixo aportación, para a institución monástica barbadelense, de varias igrexas e bens que “sinala para  beneficio de sacerdotes, pobres, peregrinos e todo xeito de indixentes”.

No ano 967 o presbítero Sisnando manda que os bens que sinala sexan destinados e se administren con tolerancia “para os sacerdotes, os pobres e os peregrinos”. E no 976 o confeso Sunilán sinala a aplicación dos bens do mosteiro e anexos “para axuda de pobres e peregrinos”.

Non hai dúbida de que a caridosa atención aos pelengríns, comezada no século IX, mantívose e acrecentou coas aportacións de xentes que deixaron bens aos monxes, non só para a súa sustentación senón tamén para a axuda de pobres e peregrinos, consonte coas normas sinaladas polos santos padres.

O “Loci Sancti Iacobi” viu medrar o seu patrimonio cos bens procedentes dos mosteiros de San Salvador de Rosende, San Martiño de Barbadelo, San Paio e San Miguel de Piñeira, San Xoán do Couso, Santiago de Mortolais, San Paio de Cesar, e de algúns eremitorios espallados polas dúas beiras do Loio , que pasaron a depender de Barbadelo, o que lles permitía aos monxes dar  pousada e xenerosa esmola de alimentación aos peregrinos que ás súas portas chegaban.

Mosteiro de “Sancti Iacobi Barbatelli”

Cando o Mosteiro de Samos reuniu a total propiedade anexa aos diversos mosteirolos, deulle os nomes de “Casa Barbatelli” e Mosteiro de “Sancti Iacobi Barbatelli” (Santiago de Barbadelo), pasando, xa sen a presidencia de abades propios, a estar subordinado aos abades samonenses, que puxeron á súa fronte “capeláns” a el suxeitos cos que asinaba convenios como o que resulta do pauto feito no ano 1166 entre o abade Sancho e o capelán Paio, ao que lle fixo doazón do mosteiro para que o administrase  , establecendo as relacións entre as dúas partes.

Barbadelo pórtico lateral / X.Mª Díaz Bernárdez

Xa por enteiro sometidos á régoa bieita o mosteiro de San Xacobe de Barbadelo, Casas Maiores e anexos, consolidouse a súa condición de priorado, no que convivían algúns monxes, baixo da éxida dun prioiro nomeado polos señores de Samos, e por máis de 670 anos, unha boa parte das rendas recollidas na Tulla de Barbadelo foron destinadas a soster un hospital onde eran acollidos os peregrinos que ían cara Compostela, á obra da igrexa e das casas do priorado, as luminarias dos altares, alimentos e vestidos dos monxes e ao sostemento xeral da Abadía de Samos.

As doazóns e rendas das que gozaba o priorado de Barbadelo estaban suxeitas á celebración de misas aniversarias ao longo do ano, moitas delas perpetuas, sometidas a calendarios anovados e un bo número dos que as dotaron e estableceron foron enterrados no interior do templo.

O Prioiro de Barbadelo tiña xurisdición nas parroquias de Barbadelo, Albán e Piñeira, no lugar de Zanfoga de Maside, en casares e aldeas anexas,  sometidos todos os seus lugares ao mosteiro de Samos, sen que nesas parroquias exercese xurisdición o bispo de Lugo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here