HomeMedio ambiente e PatrimonioAchado xeolóxico de gran valor atopado nunha casa do Soldón, no Courel...

Achado xeolóxico de gran valor atopado nunha casa do Soldón, no Courel quirogués

Trátase dunha pedra con numerosos rastros fósiles de trilobites da era Paleozoica. Das atopadas ata o de agora en Galicia é a máis completa e a de maior tamaño, estimando a súa antigüidade en 476 millóns de anos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Museo Xeolóxico de Quiroga pode presumir de albergar unha peza única polas súas características e o seu tamaño. Falamos dunha pedra con numerosos rastros fósiles de trilobites da era Paleozoica que ten pegadas fosilizadas destes artrópodos mariños xa extinguidos.

Esta peza, duns cen quilos de peso e atopada nunha casa do Soldón da Seara, incorporouse ao museo tras a súa presentación na Casa da Cultura coincidindo coa Semana dos Xeoparques organizada polo Xeoparque Montañas do Courel.

Os propietarios da casa na que se atopou puxéronse en contacto co Museo Xeolóxico tras reparar na estraña textura que presentaba a pedra. Tras recoñecer as marcas de pequenos surcos como pegadas fósiles do tipo coñecido como cruzianas polo director do museo, foi examinada primeiro polos xeólogos Xosé Carlos Barros e Daniel Ballesteros e despois polo paleontólogo e xeólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco, especialista en fósiles do Paleozoico, todos eles membros do comité científico do Xeoparque Montañas do Courel.

Ao analizar a peza, Gutiérrez-Marco concluíu que as pegadas fósiles pertencen a trilobites, uns artrópodos mariños que viviron no Floiense, unha división do período Ordovícico, que á súa vez forma parte da era Paleozoica, estimando a súa antigüidade en 476 millóns de anos. As pegadas, sinala o paleontólogo, pertencen ao tipo denominado “cruziana rouaulti”.

O investigador afirma tamén que esta peza coas pegadas fósiles de trilobites é a de maior tamaño e a máis completa das atopadas ata o de agora en Galicia.

DESCRICIÓN DO ACHADO

A pedra é un bloque de cuarcita con intercalacións dunha roca sedimentaria coñecida como limolita. Os animais que deixaron estas marcas –segundo o experto– terían unha lonxitude de entre oito e dez centímetros.

A roca formouse a partir da sedimentación do limo polo que se desprazaban estes animais para buscar alimento, nunha zona costeira de augas pouco profundas no bordo do antigo continente de Gondwana.

Nela pode verse ao redor dunha vintena de pegadas duns dous centímetros de anchura que na súa maior parte están orientadas na mesma dirección. Gutiérrez-Marco apunta que isto débese probablemente ao efecto das correntes de auga sobre os animais que vivían mar adentro achegándose ata esta zona da costa para rebuscar no limo as partículas que lles servían de alimento. As marcas que deixaron os animais no limo cubríronse despois de area e quedaron fosilizadas.

ÚLTIMAS

O Conselleiro de Cultura visita en Chantada as obras da nova biblioteca que rematarán a finais de ano

As obras, executada ao 80%, está previsto que rematen para finais de ano, lévanse...

O 7 de outubro farase o sorteo público de prazas do Programa Activa de Monforte

O sorteo de prazas celebrarase o luns, 7 de outubro, ás 13:30h no salón...

Adolfo Rubio espera conseguir unha alcaldía socialista na Pobra do Brollón para as próximas municipais

Ao acto de constitución da nova agrupación asistiu a Secretaria de organización na provincia...

“A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía”, exposición a pé de rúa en Monforte

A deputada de Cultura Iria Castro, acompañada pola tenente de Alcalde, Gloria Prada; o...