HomeMedio ambiente e PatrimonioXornada sobre desenvolvemento turístico no Courel e contorna

Xornada sobre desenvolvemento turístico no Courel e contorna

Está organizada polo proxecto ‘O Courel, Destino e Futuro Vital’ e será este xoves 29 de xuño pola mañá no salón de actos da Casa do Concello de Ribas de Sil. Tres mesas de debate con relatores da administración e de diferentes eidos asociativos, empresariais e profesionais debaterán sobre os retos do Courel e a súa zona de influenza.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Empresarios, asociacións, cidadáns, Concellos da Comarca de Quiroga, diversos profesionais e representantes de varios departamentos da Xunta de Galicia debaterán na Casa do Concello de Ribas de Sil a partires das 10:00 h. sobre desenvolvemento local. Con este obxectivo falarase de medidas a tomar, dos investimentos necesarios para favorecer o crecemento económico, da creación de emprego e da fixación de poboación con diversas actuacións para afrontar o reto demográfico na comarca.

O proxecto “O Courel, destino e futuro vital”, promovido por Noa Innova e co apoio do MITECO (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), busca xerar unha dinámica entre cidadáns, empresas e administracións que favoreza os investimentos nos tres concellos da Comarca de Quiroga –Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil–.

‘O Courel,destino e futuro vital’ busca xerar unha dinámica entre cidadáns, empresas e administracións que favoreza os investimentos nos tres concellos da Comarca de Quiroga

Con esa intención nace esta xornada sobre desenvolvemento turístico do Courel que comezará ás 10:00 h. e rematará ás 14:30 h. Unha xornada na que se falará sobre a atracción de visitantes, a creación de novas empresas e de novos empregos e as posibilidades de conseguir un ciclo de FP en Enoloxía e Viticultura, ademais dun novo modelo de Escola Taller que forme a profesionais da cantería ou a carpintería, dous nichos de mercado para a rehabilitación do rico patrimonio da comarca.

Na xornada abordaranse tamén temas como a transición ecolóxica e a mobilidade. Neste senso valoraranse as posibilidades de que vehículos híbridos poidan ser postos ao servizo dos visitantes, así como a instalación de enerxías renovables nos establecementos de turismo e adegas que melloren a eficiencia enerxética e contribúan aos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Representantes da Xunta de Galicia, dos departamentos de Turismo, Medio Rural, Urbanismo e Emprego, expoñerán as prioridades das súas áreas respectivas e atenderán as suxestións de empresas e investidores que teñan proxectos para desenvolver na Comarca e que precisen apoio da Administración.

PROGRAMA

Ás 10:00 h. apertura da xornada coa presenza da representante de Noa Innova, María Rosa Feijóo Calviño, e os alcaldes de Quiroga e Ribas de Sil, José Luis Rivera e Miguel Ángel Sotuela respectivamente.

A continuación haberá unha mesa na que se falará de “Desenvolvemento de infraestruturas locais” tratando iniciativas relacionadas coa sinalización de espazos naturais de interese, equipamentos e solucións de mobilidade para os visitantes, campañas e eventos promocionais… Moderará o xornalista Xulio Xiz e participarán como relatores: Paloma Vázquez, Xefa de Área de Turismo da Xunta; Guillermo Díaz, cofundador de Coureleando; Nuria Iglesias, representante da empresa Mobyfi (mobilidade sostible); Roi Estévez, representante do proxecto Vieiros; e Cristina Franco, representante da oficina Conecta de Monforte.

Despois do descanso das 11:30 h. desenvolverase outra mesa de debate na que se falará sobre servizos locais básicos, infraestruturas industriais, formación e emprego.

Esta mesa incidirá sobre as necesidades de atraer novas empresas, a creación de Ciclos de FP en Turismo e Enoloxía e fomentar oficios e empregos que dean cobertura a necesidades relacionadas coa hostalería, a viticultura, a rehabilitación de vivendas e a sostibilidade e eficiencia enerxética.

Tamén moderada por Xulio Xiz, contará cos seguintes relatores: Juan Luis Vázquez, xerente de Casa Outeiro; Pilar Fernández, Xefa Territorial de Emprego e Igualdade; Patricia Vázquez, Xefa do Servizo Provincial de Urbanismo de Lugo; M Olga Iglesias, Xefa Territorial de Medio Rural; e Laura Aldariz, representante de Tecgal.

E como remate, ás 13:15 h. abordarase o tema das “Actividades de conservación e mellora do patrimonio cultural”. Co mesmo moderador, os relatores serán: Ramón Vila, Director dos Museos de Quiroga; Iván Álvarez Merayo, arqueólogo e cofundador de Coureleando; Diego García, de Miudiño S.Cooperativa; Vicente Parra, cofundador do proxecto turístico Novas Rutas; e Manuel López Eiriz, da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

Iván Álvarez Merayo e Guillermo Díaz. Foto: Coureleando.

ÚLTIMAS

Multitudinaria Romaría do Faro con entrega de novas xoias para a Virxe

Este domingo, 8 de agosto, o Concello de Chantada celebrou a Romaría do Faro,...

A A.V. do Saviñao solicita do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra dúas intervencións turísticas no municipio

A Asociación Veciñal do Saviñao asegura que o Consorcio de Turismo sinalizou algunhas rutas...

Sarria acollerá o 12 e 13 de setembro as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federacion Galega...

120.000€ para a ampliación do aparcadoiro do Polígono do Reboredo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o espazo onde se...