HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O Mercado da Serra en Barbadelo (XIII)

Cousas Xacobeas: O Mercado da Serra en Barbadelo (XIII)

No ano 1872, e a petición dos viciños de Barbadelo, o Concello de Sárria acordou a creación dunha feira mensual en cada día 6. Esta “Feira do Seis” non achou consolidación, en especial por quedar afastada das estradas e foi esmorecendo pouco a pouco e finalmente en 1890 foi trasladada ao Campo da Feira da vila de Sárria.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

O lugar da Serra, tamén coñecido como Mercado da Serra, na parroquia de Santiago de Barbadelo, está situado onde se cruzaban o Camiño Francés de Santiago e o Camiño Francés de Lugo a Monforte pola Cervela e Rubián e a vocación de atención a peregrinos e camiñantes vese reflectida na sucesiva presenza de mesóns, tabernas, cantinas e casas de comidas mantida nese punto a través do tempo. Dende A Serra saía tamén o camiño que por Castro de Rei e a barca do Pincelo xiraba cara Chantada e Pontevedra.

Na actualidade atravesa o pequeno núcleo, a estrada que vai de Ortoá a Mosteirovello, e o Camiño Xacobeo que deixou atrás Rente e San Martiño, pola ruta canónica actual, segue dende alí cara o Muíño de Marzán.

A súa situación nos camiños de Portomarín e Lemos propiciou que se desen diferentes accións de tráxicas consecuencias no tempo da carlistada, entre elas a queima do mesón e diversos roubos.

Rocho, Cabada, Cortiña, Chousas, Chousa da Serra, Rebouzo, Pedreira, Horto, Chousa do Vello, Taberna, Devesa e Chousa do Campo son os microtopónimos das fincas que atravesa o actual camiño de peregrinos.

No ano 1873 había na aldea seis casas habitadas, número que se mantén na actualidade  grazas a seren alzadas tres modernas edificacións. Son as casas Rica, Muiña, Grila, Librada, Paco e Sita e en tres delas hai senllos establecementos hostaleiros que ofrecen comida e bebida e selado de credenciais aos camiñantes. E como lembranza da feira decimonónica  aínda hai un grande alpendre onde din “Taberna”.

Casa rica da Serra / Ana López

No ano 1840 o Mercado da Serra, ata entón vencellado ao Priorado de Barbadelo e ao Mosteiro e Concello de Samos, integrouse no Concello de Sárria.

É un lugar común, aínda que pouco amparado en datos contrastables, a afirmación de varios autores de que “foi noutro tempo concorrido lugar de contratación ao que soían acodir os xudeus de Portomarín para negociaren e proveer aos peregrinos, e tamén aos mercaderes e axentes das hospedarías de Santiago…(A. Losada Díaz / E. Seijas Vázquez, “Guía del Camino Francés en la provincia de Lugo “) e no mesmo sentido Antonio Peña Villamarín.

A celebración dunha moito máis antiga feira no Campo da Serra está documentada no século XVIII, cando entre as que se celebraban na Xurisdición de Samos descríbena así: ”E tamén resulta que o martes de cada semana se fai mercado no Campo que chaman da Serra, onde só venden centeo co motivo do tránsito de arrieiros”. É máis precisa a descrición contida no Cadastro do Marqués de la Ensenada: “Hai un Mercado chamado da Serra que se celebra todos os martes de cada semana, no que só venden pan, sal e outras  menudancias, do que non se pagan dereitos por se acharen na posesión de venderen libremente”.

No ano 1872, e a petición dos viciños de Barbadelo, o Concello de Sárria acordou  a creación dunha feira mensual en cada día 6. Esta “Feira do Seis” non achou consolidación, en especial por quedar afastada das estradas e foi esmorecendo pouco a pouco e finalmente en 1890 foi trasladada ao Campo da Feira da vila de Sárria.

A apertura da estrada de Nadela a Valdeorras por Sárria anulou o tránsito maioritario  polo vello camiño de Lemos e a vía de Sárria Portomarín por Barreiros, paralizada máis de sesenta anos en Mouzós, moveu tamén o fluxo de camiñantes máis ao norte, quedando así o lugar arredado dos novos medios de comunicación e estes só chegaron a el cando darredor de 1928 abriron a estrada de Nabás á Feira de Paradela (en Vilamaior).

Á Serra de Barbadelo chegaba tamén o Camiño de Guimarás que dende San Miguel, pola  Ribeira de Cervos e Sabenche era un ramal transitado, como atallo, por moitos camiñantes.

Dende o Mercado da Serra, polo Monte de Lamalonga, había corredoiras que ían para o Sisto e Domiz, en Meixente, polos  que tamén ían pereginos, camiñantes e traxinates para xirar cara Portomarín.

A ruta marcada coa universal frecha marela, deixando á esquerda a aldea do Monte, segue  cara o Muíño de Marzán, ao que adicaremos atención como punto agora relacionado coa estrada pública dos peregrinos.

ÚLTIMAS

Opinión: De anchoas, auga e emoción

Recentemente tivo lugar unha polémica referente ao chiringuito situado á beira do río Cabe,...

“Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”, os días 2 e 3 xuño

Co título “Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”,  o encontro afondará...

Comunicado do PP de Monforte respecto do Bar Anchoas

O expediente sobre esta instalación no Paseo do Malecón establece a obriga aos actuais...

A Piscina Climatizada Municipal de Chantada faise máis accesible

A Piscina Municipal de Chantada poñíase en funcionamento en decembro do 2002. As instalacións...