O desfile do Folión de Carros comezaría o sábado ás 23:00h., pero xa pola tarde se puido desfrutar dos carros que estiveron a exposición na Avenida de Ourense desde onde partiu o desfile e a onde chegaron desde o Mercado Gandeiro.
Tamén durante a tarde celebraríase a VIII Foliada Carroceira do Folión de Carros coa participación da Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada, a Banda de Gaitas de Chantada, o Grupo de Gaitas Os Barrios de Chantada, Dakidoasma, Searas, Os Xílgaros de Lugo e o Grupo Tradicional Abrente.
Xa pola noite diante do palco do xurado e de autoridades, a Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada fixo a presentación do baile da “Muiñeira do Folión de Carros” e actuou tamén a Banda de Gaitas de Chantada.
Posteriormente os 16 carros participantes nesta edición desenvolvían os seu desfile partindo da Avda. de Ourense para percorrer a rúa Mariano Cedrón e a Avda, de Monforte, ante a atenta mirada de centos de persoas, e rematar na Praza de Galicia, onde se desenvolvería o pregón das Festas Patronais de Chantada que correu por conta de M. Victoria Otero Pinar, Catedrática de Análise Matemática na USC, Vicepresidenta do Comité Español de Matemáticas, CEMat e Vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española.
M. Victoria Otero agradeceu o ofrecemento do Concello de Chantada para ser pregoeira e amosou a súa admiración por Chantada a onde lembrou vir desde pequena ás Festas. Natural de Monterroso, a pregoeira repasou a importancia das matemáticas nas nosas vidas e viaxou ata o Monte do Faro, onde con 9 anos subiu por primeira vez para contemplar as infinitas vistas. Explicou que desde aquí o matemático e xeógrafo, Domingo Fontán estivo facendo medicións para realizar, na primeira metada do XIX, a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
Folión de Carros 2024, pregón / Concello de Chantada
Victoria Otero asegurou na noite do Folión, sentirse carroceira e loubou que a festa una a xente de todas as idade na transmisión das tradicións, “Estades facendo a gran historia de Chantada, mostrando labores que forman parte da nosa tradición. O pobo sempre estará vivo se a súa memoria histórica colectiva está presente e aquí estao. O 14 de marzo celébrase o Día Internacional das Matemáticas; convido a celebrar o vindeiro ano o Día das Matemáticas en Chantada e ofrézovos a miña colaboración. A miña admiración pola xente de Chantada que conserva e aproveita a tradición mirando sempre para o futuro”. Antes de coñecer os premios do Folión, o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un agasallo á pregoeira.
Premios do Folión de Carros 2024
Os 16 carros participantes representarían diversos motivos tradicionais e todos debían de estar tirados por unha xugada de vacas ou de bois. O desfile comezou á súa hora, acompañou a climatoloxía e transcorreu de modo fluído, rápido, constante e sen incidencias.
Folión de Carros 2024 / Concello de Chantada
O xurado, integrado por unha vintena de persoas divídese no xurado do Folión, xurado de vacas e xurado de textos (que relatan os diferentes motivos dos carros), estableceu a seguinte clasificación xeral do Folión de Carros 2024:
1: O ebanista Manuel (Carro nº9).
2: Casa do ferreiro da Lucenza (Carro nº11).
3: A abella de ouro (Carro nº7).
4: Memoria da Plazuela (Carro nº12).
5: Cafetería Los Ángeles (Carro nº5).
6: Se te queres curar, polas augas de Mouriscados tes que pasar (Carro nº3).
7: A feira do 21 (Carro nº2).
8: O pan da Chispa (Carro nº15).
9: A telleira de Sobreira (Carro nº8).
10: Os queixeiros (Carro nº14).
11: Xogar e perder, pagar e calar (Carro nº13).
12: Orquesta chantadina (Carro nº16).
13: Morreu o demo, acabouse a peseta (Carro nº1)
14: Con traballo na aldea, a mesa sempre chea (Carro nº4)
15: A comunión do Molina (Carro nº6).
16: Boy’s Pub (Carro nº10).
Dentro da clasificación avalíanse tamén os carros tradicionais, nesta ocasión presentáronse dous que recibiron os seus premios:
- 1º Premio Carro Tradicional: Xogar e perder, pagar e calar (Carro nº13).
- 2º Premio Carro Tradicional: Orquesta chantadina (Carro nº16).
Establécense tamén distintos recoñecementos que recaeron nos seguinte carros:
- Mellor trato animal: Memoria da Plazuela (Carro nº12).
- Elegancia: Xogar e perder, pagar e calar. (Carro nº13).
- Manexador/a: Cafetería Los Ángeles. (Carro nº5).
- Mellor vaca/boi individual: Boy’s Pub (Carro nº10).
- Mellor xugada: Os queixeiros (Carro nº14).
- Mellor memoria explicativa: O ebanista Manuel (Carro nº9).
Pouco antes das 2 da madrugada dábase por rematada esta edición do Folión de Carros á que seguiría a actuación da orquestra Tango. No palco do xurado e de autoridades contábase coa presenza de representantes da asociación organizadora, a Asociación Amigos do Folión; do alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e doutros membros do equipo de goberno e da corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e de diferentes asociacións de Chantada e da comarca.
Folión de Carros 2024 palco / Concello de Chantada