HomeMedio ambiente e PatrimonioRoberto Castro, presidente do Xeoparque Montañas do Courel: “Necesitamos máis investimento supramunicipal...

Roberto Castro, presidente do Xeoparque Montañas do Courel: “Necesitamos máis investimento supramunicipal para seguir potenciando este territorio despois de recibir a tarxerta verde da UNESCO”

"Calquera persoa que veña aquí coa escusa que sexa ten para pasar o tempo e ten actividades que non pode facer en ningún outro lado. O Xeoparque é unha estratexia de turismo diferenciado que busca na xeoloxía o fío condutor para todo o demais", asegura Castro.

Publicado o

POR
Ana Belén Fernández
- Advertisement -

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, recibiu este recoñemento por parte da UNESCO no 2019. Convertíase no primeiro Xeoparque de Galicia e un dos 210 que hai no mundo, conseguilo foi complicado, pero este verán vén de revalidalo e todas as persoas e axentes implicados están de celebración. Conversamos co presidente do Xeoparque Montañas do Courel e tte. alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.

O Xeoparque mantén o título por 4 anos máis despois de vir de obter unha tarxeta verde, pero levaba un par de anos arrastrando unha tarxeta amarela. Que supuxo esa tarxeta amarela que agora cambiou de cor?

Coa visita do 2022, os avaliadores da UNESCO fixeron un informe favorable de que sería “unha clara tarxeta verde”, pero a UNESCO decidiu que os defectos eran suficientemente importantes para unha tarxeta amarela e danche dous anos para corrixilos. Tivemos que poñer máis cartelería en inglés, tiñamos sinalizados os portais de entrada nas entradas locais e provincias, pero por motivos burocráticos non tiñamos a sinalización da entrada principal a través da N-120. A gran debilidade estaba na estrutura financieira e na falta dun xeocientífico contratado no Xeoparque.

Entón como se financia e sostén o Xeoparque?

Aportamos 15.000€ cada un dos Concellos, 25.000€ a Deputación, os fondos provinciais utilízanse para realizar actividades e elaborar estudos científicos dos recursos, e 15.000€ a Xunta de Galicia para manter aberta a Aula da Natureza do Courel cunha persoa contratada. De modo puntual, a maiores estas administracións teñen financiado outras actuacións.

Temos unha organización de abaixo para arriba, básicamente o Xeoparque aliméntase dun capital enorme de colaboradores. Entón a falta de axudas supramunicipais, compénsaa o capital humano, profesores universitarios, funcionarios do concellos, técnicos das oficinas de turismo, Martín Alemparte que como anterior xerente do GDR foi coordinador do Xeoparque,… Con todo o noso slogan é “O Xeoparque Montañas do Courel é unha xeoloxía moi humana”.

Presentación do novo logotipo do Xeoparque / XdL

E agora contades xa coa figura do xeocientífico

Grazas á xestión económica que fixo Martín Alemparte contamos cunha marxe que nos permite, por primeira vez, unha contratación fulltime para o Xeoparque. Fíxose oferta pública e presentáronse 79 persoas, o que amosa o interese do Xeoparque para desenvolver o seu curriculum. Seleccionáronse 7 que pasaron a entrevista persoal a semana pasada. Quedámonos con Roi Sampedro, que chega desde Ribeira e que ofrece un perfil idóneo a nivel profesional e persoal.

Sampedro está contaxiado da ilusión que temos aquí, vainos aportar moito e pódese dedicar 100% ao Xeoparque. É coñecido no sector, conta con experiencia en educación para que os colexios da zona fagan máis cousas co Xeoparque. É moi importante que as novas xeracións se contaxien deste espírito, que saiban que están nun Xeoparque e, polo tanto, nun lugar único no mundo.

Que papel xogou para os vosos Concellos estar no Xeoparque, con que tipo de servizos conta o turista ou visitante?

Aquí é fundamental a figura das Administracións Locais, os responsables dos Concellos temos o Xeoparque na cabeza todo o tempo e moitas políticas, subvencións e investimentos facémolos para infraestruturas do Xeoparque, ademais dos 15.000€ de aportación. Deste modo creamos unha rede de case 30 miradoiros, 7 centros de interpretación, moitos quilómetros de rutas de sendeirismo interpretadas xeolóxicamente e medio ambientalmente, facemos sinalizacións conxuntas onde os Concellos promocionámonos uns a outros. Tratamos de promocionar o territorio no seu conxunto, pero para sacar adiante todo isto é necesaria máis implicación supramunicipal, téñennos que axudar máis.

Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga. Foto: Ramón Vila

Coa figura do Xeoparque aumentou o número de visitas ao territorio? Cambiou o seu perfil?

É moi difícil especificar o tipo de visitante, temos moita visita de escolares que antes non había. Tamén se deu un incremento de xente, pero nós apostamos polo desenvolvemento sostible, non por milleiros de visitantes.

Estase incrementado toda a oferta hoteleira porque todo desenvolvemento debe de ir parello a que haxa infaestruturas que permitan que a xente veña. Ademais sería importante contar cun investimento público potente, un reclamo para atraer á xente aquí, unha vez aquí a xente ten moitas opcións para desfrutar do territorio.

Fálanos dese aumento de oferta hoteleira.

Estase construíndo un hotel en Seoane, o xeocamping de Ribas de Sil estará en funcionamento na primavera do ano que vén. Este servizo adxudicóuselle a unha cooperativa de educación ambiental, primábanse as empresas que puxeran o seu plan de empresa ó servizo da divulgación e promoción do Xeoparque. Esta cooperativa ensinará o territorio a nenos e nenas e traballará con excursións axudando a desestacionalizar as instalacións para facelas interesantes todo o ano. En Ribas de Sil unha empresa promove a construción de bungalows nunha superfice de 60.000m2, que poderá albergar ata 45 cabanas, pero o comezo farase con 6 estruturas.

Festa da Cereixa, do Viño de do Aceite / Concello de Ribas de Sil

Ademais de todo o anterior organízase a semana do Xeoparque, o Outono Xeolóxico e outras xornadas para poñer en valor o patrimonio. En que estades traballando?

Temos os Sabores das Nosas Rochas con produtos autóctonos, aceite, viño, cereixa, castaña e mel. Estes produtos xa teñen as súas festas de exaltación nos oncellos, Festas de Interese Turístico que se poden potenciar aínda máis e seguir poñendo en valor eses produtos. Cos fondos da Deputación facemos estudos que nos levan a outros estudos que serven para seguir poñendo en valor o que temos. Por exemplo, fixemos estudos da Pedra Cabaleira característica de aquí, que se utilizou na igrexa de Montefurado do XVII, na igrexa de san Clodio do XII ou en Torrenovaes. Noutro estudo soubemos que o solo calizo é fundamental para que nazan as orquídeas endémicas do norte do Xeoparque. E agora acabamos de coñecer bolboretas que se alimentan desas orquídeas, e que polo tanto, son endémicas do Courel.

Este tipo de estudos axudan a complementar a oferta que temos. A adega Atrium Vitis ofrece catas nas que se explican os viños en función dos tipo de solo. Pazo de la Cuesta, o proxecto de enoturismo ligado á familia Batanero, tamén atopa no Xeoparque o vehículo de conexión co territorio.

Simposio xeoloxía / Xeoparque Montañas do Courel

E así nace a ruta das orquídeas que explica o biólogo Marcos Reinoso ou as rutas guiadas sobre minaría, xeoloxía,… de Coureleando?

Trátase de dar valor o que temos e buscar o modo de trasladarllo á xente. No Xeoparque hai máis de 100 minas romanas primarias e secundarias, a cantidade de ouro extraído polos romanos foi aquí tanta como nas Médulas. A este repecto pódese visitar o Centro de Minaría Aurífera Romana, o Museo Xeolóxico, o Centro de Interpretación do río Sil e descubrir científicamente que o Miño desemboca no Sil,… Contamos con numerosas covas que se poden desfrutar desde a espeleoloxía e en Meiraos, Folgoso do Courel, ofrecemos o Centro de Interpretación das Covas onde descubrir o mundo subterráneo do Courel, fundamentalmente nas zonas calizas.

Temos unha longa tradición do ferrocarril, traballaron centos de persoas no ferrocarril, podería facerse un Centro de Interpretación. Na Estación Científica do Courel queremos facer un Centro de Interpretación da flora e fauna do territorio. Calquera persoa que veña aquí coa escusa que sexa ten para pasar o tempo e ten actividades que non pode facer en ningún outro lado. O Xeoparque é unha estratexia de turismo diferenciado que busca na xeoloxía o fío condutor para todo o demais.

Como se presentan os próximos catro anos despois de que UNESCO lle ensinase ao Xeoparque tarxeta verde?

Deberían de ser para despegar de todo, niso estamos os responsables locais, a sociedade, as empresas, todo o sector produtivo do territorio, todos a unha para conseguilo. O patrimomio e as infraestruturas que temos como Xeoparque están aí e son suficientes, pero ademais hai novas alternativas e camiños que se están abrindo. O futuro plantéxase esperanzador para que todas estas cousas se poñan en valor. A xente busca experiencias, cousas distintas, que noutros lados non atoparán. Temos un sinfín de actividades, é un lugar espectacular pero hai que ter forza para poder difundilo e que a xente se dea conta deste territorio polo que ademais tamén pasa o Camiño de Inverno.

ÚLTIMAS

Quiroga Trail Challenge: máis de 400 participantes inscritos no primeiro mes

O QTC25 comeza a súa particular conta atrás anticipando, por parte da organización, o...

72 persoas con contrato laboral grazas ao Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23/24, financiado pola Consellería de...

O BNG urxe ao Goberno do PP o arranxo íntegro da LU-651

Iago Suárez lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que solicitaba...

Teatro para público infantil este 13 de setembro no Multiusos de Monforte

O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro correspondente ó segundo trimestre...