HomeMedio ambiente e PatrimonioEn marcha a cuarta campaña arqueolóxica no Preguntoiro, Pantón, cun orzamento de...

En marcha a cuarta campaña arqueolóxica no Preguntoiro, Pantón, cun orzamento de 16.400€

A Xunta de Galicia comeza esta semana novos traballos de consolidación e acondicionamento no xacemento do Preguntoiro, no Concello de Pantón, co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización. A actuación enmárcanse no Plan de intervencións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que neste ano contempla un total de 32 accións en 30 concellos de todo o territorio.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Estas tarefas veñen dar continuidade ás tres campañas anteriores, realizadas entre 2021 e 2023, para favorecer a posta en valor deste sitio histórico para o seu aproveitamento como recurso no marco da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Así, con esta nova actuación, o Goberno galego leva investido ata o momento no xacemento preto de 80.000€.

Os labores, cun período estimado de 15 días, concéntranse en limpezas e roza de vexetación da contorna, na diagnose do estado de conservación e na consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se desenvolverán varias sondaxes, traballos de nivelación e recheo e escavacións puntuais naquelas zonas que quedaron pendentes. Todo isto complétase coa recollida de mostras e documentación gráfica.

Dez intervencións arqueolóxicas na provincia de Lugo

É en territorio lucense onde se rexistra o maior número de actuacións do Plan de intervencións arqueolóxicas 2024 da Xunta, dez en total repartidas en nove municipios. Deste xeito, ademais destes traballos que comezan no xacemento do Preguntoiro, en Pantón tamén están previstos estudos na cova do Cotillón. Por outra banda, está en execución a escavación e consolidación do Monte Cido no Folgoso do Courel, dando continuidade ás campañas dos dous anos anteriores nun asentamento do que se retomaron estudos no 2021.

Así mesmo, baixo convenio coa Universidade de Santiago, desenvolvéronse no Corro dos Mouros, na parroquia de Adai en Lugo, traballos de limpeza e sondaxes para ampliar a zona escavada en 2023, e están en proceso novas investigacións na Cova Eirós en Triacastela.

As accións tamén chegan a Castro de Rei, onde se está a proceder á conservación e limpeza no Castro de Viladonga, escenario este verán dun campo de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude; a Sober, coa escavación e inventario dos materiais arqueolóxicos rexistrados no xacemento romano de Proendos; á Pastoriza, onde finalizaron as escavacións no Castro de Saa; á Pobra do Brollón, con intervencións en marcha no enclave de Penas do Castelo, e a Quiroga, coa reparación do miradoiro do túnel de Montefurado.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fai un investimento total no Plan de intervencións arqueolóxicas 2024 de 551.162€, destinando á provincia de Lugo 206.800€.

Preguntoiro / Consellería de Cultura

ÚLTIMAS

“A calidade coa que entraron as uvas nas adegas foi inmellorable”, Antonio Lombardía, Presidente da D.O. Ribeira Sacra

A vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra concluíu cunha colleita de 4.881.326 quilos...

Recital de Yolanda Castaño na Pobra do Brollón

Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, ofrecerá este sábado un recital poético multimedia...

Katy Varela: “Lugo é a provincia máis illada de España”

Katy Varela explica que “é necesario” que o Goberno central retome o proxecto de...

Deputación e Xeoparque Montañas do Courel asinan un convenio de colaboración por 25.000 €

O Xeoparque Mundial Montañas do Courel contará cunha achega de 25.000 € que lle...