HomeMedio ambiente e PatrimonioChantada incrementa os premios do II Concurso de Embelecemento de Fachadas e...

Chantada incrementa os premios do II Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns

O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de xullo no rexistro do concello. No momento da inscrición facilitarase un distintivo que se deberá colocar nun lugar visible para ser identificado polo xurado. Os espazos a concurso deberán estar a exposición, como mínimo desde o día 14 de xullo ata o día 15 de setembro de 2025.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Parques e Xardíns, convoca o II Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns. O concurso pretende poñer en valor os beneficios estético-ambientais das fachadas e balcóns como elementos vivos da vila e promover o coidado das vivendas rurais e dos seus espazos verdes. Incentívase así a participación cidadá na mellora da calidade ambiental e no embelecemento da vila e aldeas.

Desde hai sete anos o Concello de Chantada participa, ademais, no certame de Vilas en Flor, sendo dos concellos que maiores puntuacións reciben e obtendo de maneira continuada 4 Flores de Honra. Con este concurso que este martes, 24 de xuño, se publicaba no BOP, “preténdese seguir impulsando a mellora da imaxe na vila e no municipio cun enfoque no que participan de primeira man os cidadáns”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

Poderán participar no concurso as vivendas susceptibles de ser decoradas en todo o termo municipal de Chantada, establecéndose para esta edición dúas modalidades:
Urbana, a vila de Chantada, que ten dúas categorías, Fachada (Participarán nesta categoría o conxunto de balcóns que formen parte da mesma fachada dun edificio. Deberán participar todos os balcóns da mesma fachada) e Balcón (Participarán os balcóns e ventás dunha mesma vivenda que non participen na categoría de fachadas).
Rural, o resto de localizacións do termo municipal para as que tamén se establecen dúas categorías, Fachada (Participará as vivendas unifamiliares que soamente decoren a edificación) e Conxunto (Participarán as solicitudes que ademais de decorar a edificación inclúan decoración dun xardín ou espazo complementario).

“Despois da variedade de propostas que tivemos o ano pasado consideramos importante aumentar as categorías e distinguir entre rural e urbano, ademais incrementamos os premios repartindo 2.400€ en 12 premios”, explica o alcalde.

Os elementos utilizados para a ornamentación déixanse a libre elección, sempre respectando beirarrúas e entradas a viviendas doutros veciños. A porcentaxe de plantas con flor será como mínimo do 20% e un máximo do 80% dos elementos presentes na decoración. Todo elemento colgado deberá estar debidamente suxeito á estrutura do balcón, sen que a súa colocación poña en risco a seguridade. Ante calquera accidente sería responsable a persoa inscrita no concurso.

O xurado cualificador valorará os seguintes criterios:
• Orixinalidade e creatividade da composición: Valoración de 0-5
• Laboriosidade: Valoración de 0-5
• Uso de materiais reutilizados e ornamentación non floral: Valoración de 0-5
• Naturalidade (Variedade das plantas utilizadas): Valoración de 0-5
• Colorido: Valoración de 0-10
• Perdurabilidade: Valoración de 0-10
• Calidade ornamental (harmonía e deseño): Valoración de 0-10

Para este concurso de mellora ornamental da vila de Chantada repártense 2.400,00€ en premios, distribuídos do seguinte modo:
• Zona Urbana premios Fachadas: 1º de 300€, 2º de 200€ e 3º de 100€
• Zona Urbana premios Balcóns: 1º de 200€, 2º de 100€ e 3º de 50€
• Zona Rural premios Fachadas: 1º de 300€, 2º de 200€ e 3º de 100€
• Zona Rural premios Conxunto: 1º de 400€, 2º de 300€ e 3º de 150€

Manuel Lorenzo Varela anima á participación, “Animo a que a xente decore as súas casas tanto na vila como no rural para ter todo bonito nestas datas de verán nas que nos visita tanta xente. Desde o Concello tamén colocamos xardineiras nos edificios públicos e seguimos traballando nas zonas verdes e preparándonos para unha nova edición de Vilas en Flor”.

Decoración edificios públicos Chantatada / Concello de Chantada

ÚLTIMAS

A Pobra do Brollón celebra o ‘Orgullo Guímaro’

O Concello da Pobra do Brollón non fallará á súa cita co Día do...

Agroma Sober-IGV reclama unha nova depuradora

Agroma Sober xa ten levado a pleno a situación da depuradora, e tal como...

O PP de Monforte denuncia a “falta de interese de Tomé” por manter a tadición do San Xoán nos Chaos

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte denuncian o “nulo interese” do...

Encontro Nacional de Emprendores Creativos Ribeira Sacra, do 26 ao 29 de xuño

Os días 27 e 28 de xuño, o Parador Nacional de Turismo de Monforte...