Este programa naceu co obxectivo de avaliar a viabilidade de ofrecer un servizo organizado e estable de apertura dunha selección de igrexas románicas de Ribeira Sacra, facilitando o acceso a un dos principais recursos patrimoniais do destino e analizando tanto a demanda existente como a acollida por parte dos visitantes.
O balance foi moi satisfactorio. Os datos de afluencia rexistrados durante os meses de funcionamento confirman o elevado interese que esperta o patrimonio románico entre quen visita Ribeira Sacra e poñen de manifesto que dispoñer de horarios de apertura regulares mellora notablemente a experiencia turística e a posta en valor deste patrimonio excepcional.
Estes bos resultados motivaron que os concellos de Chantada, O Saviñao, Pantón, Sober e Taboada, nos que se atopan as igrexas participantes, decidisen asumir directamente o financiamento do servizo unha vez finalizada a execución do Plan de Sostibilidade Turística.
Tamén a Diocese de Lugo apoia a continuidade deste modelo de apertura. É a propietaria de bens de diversa índole no territorio de Ribeira Sacra e responsable do mantemento dos bens anteriores e do persoal ao seu cargo. Labor que realiza mediante fondos propios e tamén procurando a colaboración das administracións civís en cumprimento da normativa de patrimonio cultural vixente.
Avisita manterá a tarifa base de 2€ por persoa, destinados a contribuir ao sostemento dos gastos de conservación e mantemento das igrexas. Os gastos do persoal encargado de abrir as igrexas e de recibir aos visitantes será asumido polos concellos de xeito proporcional ao número de igrexas do seu municipio incluídas no programa. O Consorcio de Turismo asumirá o custe da plataforma de
reservas, que seguirá funcionando a través da web do Consorcio que está operativa desde este mércores.
Así desde o 1 de xullo e ata o próximo 30 de setembro, o programa continuará activo en sete igrexas románicas, mantendo exactamente os mesmos horarios e condicións de visita establecidos durante a fase piloto. Con esta decisión, os concellos garanten a continuidade dunha actuación que demostrou responder a unha demanda real dos visitantes e que contribúe a mellorar a accesibilidade ao patrimonio, a diversificar a oferta turísƟca e a favorecer un turismo cultural de maior calidade e máis respectuoso cos recursos patrimoniais. Tanto a Diócese de Lugo como o Consorcio de Turismo agradecen o compromiso dos concellos para seguir adiante con esta iniciativa.


