A Xunta e o Concello de Chantada colaboran para levar a cabo as obras de ampliación do punto limpo e para adquirir un vehículo de recollida separada de biorresiduos. Ambas iniciativas foron promovidas pola entidade local co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que achega 194.500 euros para estes dous proxectos e para implantar a compostaxe e a recollida separada de residuos téxtiles en Chantada.
A actuación ten por obxecto incrementar a superficie destas instalacións, dotadas cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características. O proxecto inclúe a construción de peches e soleiras, así como unha nova caseta de recepción e admisión.
O obxectivo é mellorar a eficiencia na xestión dos refugallos de competencia municipal, co fin de avanzar cara uns espazos máis limpos, máis sostibles e máis saudables para toda a cidadanía.

