HomeMedio ambiente e PatrimonioO castro de San Lourenzo nutre de materiais arqueolóxicos ao Museo de...

O castro de San Lourenzo nutre de materiais arqueolóxicos ao Museo de Viladonga

O equipo arqueolóxico do castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, depositou no Museo de Viladonga os últimos materiais exhumados nas escavacións que se levan desenvolvendo no sitio dende agosto de 2016.

Publicado o

- Advertisement -

Os obxectos, debidamente inventariados e catalogados, quedan dispoñibles en Viladonga para a consulta por investigadores e investigadoras cumprindo deste xeito coa resolución da Dirección Xeral de Patrimonio.

Non obstante, un dos obxectivos do proxecto arqueolóxico a medio prazo é poder contar cun museo local na Pobra do Brollón, museo no que se poidan expoñer os materiais exhumados. Segundo refire o arqueólogo Xurxo Ayán, nesta liña insírense os esforzos feitos dende o Concello da Pobra do Brollón para acadar a cesión da antiga casa-cuartel da Guarda Civil.

unha ampla colección arqueolóxica

O rexistro arqueolóxico das catros campañas desenvoltas entre 2016 e 2018 abrangue un total de 7.266 pezas arqueolóxicas que facilitan información sobre a ocupación deste lugar ao longo dos últimos dous mil anos. A reutilización do xacemento para diferentes fins (poboado fortificado da Idade do Ferro, necrópole na Alta Idade Media, santuario en época baixomedieval, moderna e contemporánea) fai deste sitio un caso único na Ribeira Sacra e na Terra de Lemos.

Xurxo Ayán fainos un balance dos achados:

-Recolléronse 6.917 anacos cerámicos. Entre a cerámica castrexa destaca a presenza de grandes olas de almacenamento, con decoración brunida e espatulada. De época medieval abondan as xerras con asa decorada a base de incisións, de pastas alaranxadas e fabricación local, así como pequenas olas co bordo exvasado.

-Documentáronse 125 líticos, pezas traballadas en pedra. Destacan materiais construtivos, como lousas de cuberta, pezas pequenas perforadas de uso simbólico, fusaiolas relacionadas coa actividade textil e muíños para moer cereal con forma navicular ou barquiforme.

-Deuse conta de 104 escouras de ferro, feito que pon en evidencia a importancia da actividade metalúrxica no castro. Tamén se documentaron grellas de fornos, estruturas de combustión e edificacións adicadas a estas tarefas do procesado e produción de ferro.

-Foron recolleitas 50 pezas metálicas, debidamente restauradas no Laboratorio Fráxil de Santiago de Compostela da man da restauradora Yolanda Porto Tenreiro. Hai material construtivo (tacholas, cravos, bisagras de portas), ferramentas (gubias e cuñas) e armas (unha punta de frecha de ballesta medieval). Entre as pezas máis importantes destaca un fragmento decorado de osculatorio de bronce de época medieval e fragmentos de dous tipos de fíbula prerromana de bronce: unha trasmontana e outras dúas de torrecilla.

Materiais metálicos no laboratorio para a súa restauración. (Fráxil, S.L.)

colección numismática

As escavacións están fornecendo unha das coleccións numismáticas en contexto arqueolóxico máis importantes da provincia de Lugo pois xa foron rexistradas un total de 70 moedas de bronce. A meirande parte delas correpóndese co uso do santuario en época moderna, datadas no reinado de Filipe III e fabricadas en sitios como Valladolid e Sevilla. Moitas destas moedas de vellón, foron reacuñadas para incrementarlle o valor en maravedíes, o que indica un período de crise económica e de inflación. Orixinalmente o maravedí era de ouro, pero cos Reis Católicos pasa a ser de cobre e con pouco valor; de un, dous, tres, catro, seis, oito e dezaseis maravedís.

O outro grupo de moedas importante atopadas no castro de San Lourenzo é o correspondente á época medieval. Son moedas que aparecen por riba do nivel de selado das tumbas. Case todas son son reinado de Enrique II no século XIV, se ben Xurxo Ayán dá conta de tres pezas especiais:

Un cornado acuñado en Córdoba. Trátase dunha moeda castelá de vellón (aliaxe de cobre e prata) acuñada durante a Idade Media. Chámase así por presentar no anverso a cabeza do rei coroada, xa que “cornado” é unha forma sincopada de dicir “coroado”. Acuñáronse múltiplos de oito, catro e dous cornados e tamén un divisor de medio cornado.

Un cruzado posiblemente acuñado na ceca de Compostela. Un cruzado é unha moeda de vellón de Enrique II, Trastámara, rei de Castela (1306-1379). Anverso: ENRICVS REX CASTELLE arredor dunha orla circular que contén o busto coroado do rei mirando a esquerda. Reverso: ENRICVS REX CASTELLE arredor dunha orla circular que contén unha cruz con E N R I, en cada cuartel. Tivo como múltiplos valores de dous e catro cruzados.

Un ceitil, moeda portuguesa de cobre e acuñada a partir da conquista de Ceuta, en 1415, para facilitar as transaccións co norte de África, reinado Alfonso V de Portugal (1438-1481).

Moedas de bronce aparecidas na última intervención / Xurxo Ayán

OBXECTOS APARECIDOS NAS TUMBAS MEDIEVAIS

Até o momento documentáronse 41 tumbas medievais, seguramente se trate do cemiterio dunha comunidade campesiña humilde, e apenas se teñen rexistrado restos de enxoval funerario no interior dos enterramentos. Non apareceron moedas e só nalgunhas poucas recolleuse algún obxecto.  Na tumba do famoso Atilano conservouse unha fibela de cinto de ferro, en forma de T, unha peza ornamental, valiosa, que pode indicar un status social máis elevado do finado. Noutra tumba apareceu dentro un coitelo de ferro.

Moi destacable é a documentación de obxectos que remiten a práticas rituais paganizantes de fonda raigame popular. Nunha tumba recolléronse dúas doas de pasta vítrea, amarelas, que se poñían como amuleto ao finado, noutra apareceu un quilo de escoura de ferro na cabeceira da tumba e nun par delas varios dentes de herbívoros. Nas tumbas infantís non apareceu ningún obxecto.

publicación sobre os traballos

No verán sairá publicada unha monografía en castelán, inglés e galego, que recollerá os resultados destas campañas de escavación e na que distintos especialistas profundarán na información fornecida por estes obxectos.

O libro, coordenado por Xurxo Ayán, é unha iniciativa da Asociación de Veciños María Castaña. Solicitouse para iso unha subvención ao programa “O teu Xacobeo 2021” da Xunta de Galicia.

ÚLTIMAS

Chantada estuda o uso do galego nas inscricións funerarias

A docente do Instituto Val do Asma, Tania Vázquez, respondeu á chamada da intervención...

Este 5 de xaneiro os Reis Magos chegan a Quiroga e Chantada

Este domingo, 5 de xaneiro, achegaranse ata Quiroga as Súas Maxestades os Reis Magos...

Sober mantén o seu ‘idilio’ co Premio María Moliner

A delegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, vén de recoñecer a excelencia da...

Queres coñecer e votar polas mellores fotos do certame de Nadal de Segredos de Pantón?

A asociación dinamizadora Segredos de Pantón vén de facer público o comezo do prazo...