En Son de Paz busca ser un encontro da veciñanza que retome a vida comunitaria na rúa e nos espazos públicos, a través da música e da cultura e que pretende aproveitar a necesidade das persoas de tomar parte coa realidade que lles toca vivir.
O acto vén promovido por un grupo de persoas vinculadas a distintas actividades e proxectos culturais e musicais que entenden que a música pode e debe ser un elemento vertebrador, non só da solidariedade, tamén da unión comunitaria.
Ás 11:30 comezará no auditorio un ciclo de charlas no que tanto persoas coñecedoras da realidade da Ucraína e doutras zonas en conflito como persoas que participan do activismo e da axuda directa a persoas refuxiadas, compartirán as súas visións, coñecementos e experiencias. África e Iemen como refuxios, os refuxiados saharauis e ucraínos e o seu acollemento serán algúns dos temas a tratar.
Pola tarde, a partir das 17:00 na praza do Cantón, ollarase cara o mesmo sitio desde outra perspectiva. Coro Ucraíno, Estrella Polisaria, Academia Feat. Aziz&Ajyu, Searas, Fábrica de Espejos, Liviao de Marrao e Rastreros encherán de música e cultura a vila cos seus sons de paz. Facilitaranse canles de colaboración con distintas entidades e colectivos que participan na axuda ás persoas refuxiadas.