HomesociedadeSuspéndense as clases no Courel pola perigosidade das estradas e do desvío...

Suspéndense as clases no Courel pola perigosidade das estradas e do desvío alternativo nun día de temporal

Este mércores suspendéronse as clases no concello de Folgoso do Courel por mor da adversa climatoloxía, despois da oposición das familias a que os seus fillos circulen polo desvío provisional habilitado pola Xunta.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Desde a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra trasladan a súa preocupación polas circunstancias extremas que vive no día de hoxe. As intensas chuvias que afectan concello están incrementando a perigosidade do desvío habilitado entre Seoane e o colexio, o cal xa presentaba graves problemas de seguridade en días normais.

As familias da parte norte do Courel, as que dependen deste desvío para levar aos seus fillos e fillas ao colexio, tomaron a decisión de non arriscarse e deixar aos menores na casa para evitar o percorrido. A situación meteorolóxica deste mércores deixou o desvío (que ten firme de formigón, seixos rodados e pendentes que chegan ao 30%) especialmente esvaradío e perigoso. “É totalmente inaceptable que sexamos as familias as que teñamos que optar por estas medidas de precaución ante a falta de actuación das autoridades competentes”, aseguran.

En solidariedade co resto, tamén as familias que non dependen do desvío optaron por deixar aos nenos na casa. “Consideramos que a situación de hoxe constitúe, na práctica, unha folga “de facto” debido á perigosidade do desvío, á inseguridade que supón transitalo baixo estas condicións meteorolóxicas e á indiferenza da administración para tomar medidas ao respecto”, sinalan.

Lembran que as Consellerías de Educación e Mobilidade son plenamente conscientes dos perigos que presenta este desvío. Este mércores os pais e nais do CPI Poeta Uxío Novoneyra recibiron unha comunicación oficial do centro educativo anunciando a suspensión das clases, pero a maioría das familias xa tiñan decidido non expoñer aos menores a esta situación de risco.

Dende a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra, solicitan ás Consellerías de Educación e Mobilidade que lles dean unha solución urxente a este problema, “máis tendo en conta que a promesa de abrir o tráfico de novo na LU-651 a partir do venres, 11 de outubro, non se vai cumplir, tal como xa supoñíamos cando empezou o corte hai máis de dous meses”. Lembran tamén que a Consellería de Mobilidade aínda non tivo a cortesía de responder á petición dun vehículo con tracción ás catro rodas para que faga de lanzadeira entre Seoane e o Colexio.

“A administración ten a obriga de adoptar inmediatamente as medidas necesarias para asegurar que todas as alumnas e alumnos poidan asistir ao colexio en condicións de seguridade, independentemente do tempo que faga. A Xunta e as Consellerías implicadas non poden esquecer que somos un concello de montaña, cunhas características especiais, que fan máis relevantes as situacións extremas. Os nosos pequenos teñen dereito á educación, en igualdade de condicións, e as administracións deben velar por eses dereitos, se queremos un futuro para concellos de montaña coma o noso. Por unha educación segura para as nosas fillas e fillos”, conclúen.

ÚLTIMAS

‘Na procura de cogomelos’, nova actividade de Segredos de Pantón

A asociación cultural "Segredos de Pantón" informa da organización dunha actividade consistente nun percorrido...

A Ponte de Cruzul, en Becerreá, dá os pasos para ser declarada BIC

O Ministerio de Cultura iniciou os trámites este xoves para incluír como Ben de...

Dúas instalacións da Ribeira Sacra, premio de fin de grao da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña

Os mellores proxectos defendidos e superados polo alumnado recaeron na súa totalidade en traballos...

O BNG de Pantón pon en cuestión que A Barca sexa de Sober

Os nacionalistas manifestaran xa no seu día, que de contruírse unha ponte, sería importante...