HomeMovementos sociais“Mulleres con luz propia”, actividade destacada na celebración do 8M en Monforte

“Mulleres con luz propia”, actividade destacada na celebración do 8M en Monforte

Trátase dunha exposición de rúa con paneis pendurados nas farolas da marxe dereita da Rúa Cardeal, dende a esquina coa Avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía, que pon o foco en mulleres que brillaron cunha luz especial ao longo da historia; pioneiras que desafiaron normas e convertéronse en referentes femininos na defensa da igualdade.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Monforte vén de presentar as actividades para a celebración do 8M, Día Internacional da Muller, un programa deseñado dende a Concellería de Muller e Igualdade xunto co CIM (Centro de Información á Muller).

Entre as actividades, e seguindo a liña dos anos anteriores, haberá obradoiros educativos, xogos pola igualdade, espectáculos con perspectiva de xénero e a concentración e lectura do manifesto reivindicativo da igualdade real e efectiva o propio día 8 de marzo. Como novidade, o lugar de encontro deste ano será a Praza da Compañía, diante das Casitas. Ademais do anterior, salientar que este ano farase unha mostra de mulleres pioneiras, iniciativa novidosa e unha das máis importantes do programa.

ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN

Coa finalidade sensibilizar e facer un chamamento a toda a sociedade monfortina, desde o vindeiro luns, 2 de marzo, o Bus Urbano levará un vinilo para animar a asistir á concentración do 8 de marzo e activar á cidadanía monfortina na reivindicación da igualdade real de dereitos, oportunidades e participación das mulleres na sociedade, así como para eliminar a discriminación e violencia de xénero.

Así mesmo, durante a tarde noite do 8 de marzo iluminarase en cor violeta a Torre da Homenaxe para dar visibilidade á loita pola igualdade e o recoñecemento dos dereitos das mulleres.

‘MULLERES CON LUZ PROPIA’

“Mulleres con luz propia” é unha exposición de rúa con paneis que se poñerán nas farolas da marxe dereita da Rúa Cardeal, dende a esquina coa Avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía. A inauguración será no acto de concentración e trala lectura do manifesto do 8M. A continuación repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe representativa da devandita mostra urbana.

Trátase dunha exposición que pon o foco en mulleres que brillaron cunha luz especial ao longo da historia, pioneiras que desafiaron normas e convertéronse en referentes femininos na defensa da igualdade. Dende mulleres recoñecidas internacionalmente como Marie Curie ou Frida Kahlo, ata pioneiras feministas como Clara Campoamor e Simone de Beauvoir ou galegas coma Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou María Emilia Casas Baamonde, figuras relevantes todas elas e piares fundamentais do progreso social. 

O listado completo de mulleres pioneiras desta instalación inclúe a Mary Wollstonecraft, Simone de Beauvoir, Isabel Zendal, Mercedes Mariño, Concepción Arenal, María Casares, Rosalía de Castro, Hermanas Mirabal, Emilia Pardo Bazán, Jane Goodall, Marie Curie, Margarita Salas, Virginia Woolf, María Emilia Casas Baamonde, Clara Campoamor, Almudena Grandes, Maruja Mallo, Teresa Portela, Frida Kahlo e Ana Peleteiro.

RESTO DE PROGRAMACIÓN

O propio domingo 8, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Circo na casa”, a cargo de MeRe Clown, e ás 20:00 h. haberá un ‘Escape room pola igualdade’ no espazo expositivo da Praza de Abastos. Esta actividade está dirixida á mocidade e familias –grupos de ata 6 participantes– e terá unha duración de 100 minutos, con entrada gratuíta. O número de prazas é limitado, seguindo a orde de inscrición, polo que as persoas interesadas deberán anotarse previamente cubrindo o formulario na páxina web do Concello ou contactando co CIM (tel. 982416350 ou a través do mail  cim@concellodemonforte.com). O prazo de inscrición remata o venres 6 de marzo ás 14.00 horas. Os obxectivos deste xogo en equipo son traballar na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero.    

Entre o 5 e 11 de marzo repetiranse como en edicións anteriores diferentes obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria dos centros de ensino da cidade. A finalidade é traballar a concienciación no ámbito educativo.

E para rematar, lembrar a programación dunha obra teatral que leva por título “A historia vaxenial”. Poñeraa en escena a Compañía Artyc Content e vén avalada por ter gañado o VI Premio Luísa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade. Será o xoves 12 de marzo ás 20.15 horas e dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A peza fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como foron representándose os órganos sexuais da muller nas diferentes épocas e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo.

ÚLTIMAS

457.000€ para mellorar o servizo de recollida de lixo no Saviñao

Entre o novo material destaca un camión con sistema de carga traseira, destinado á ...

Dous meses de actividades educativas e de concienciación en Chantada para celebrar o 8M

A programación de actividades comezará o venres, 6 de marzo, co contacontos, “Somos iguais...

O luns, 2 de marzo, abre o novo Ximnasio Municipal  

Coa apertura do novo ximnasio complétase a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela,...

OPINIÓN: Aval definitivo ao “valor de referencia”

QUE É O VALOR DE REFERENCIA? Comecemos polo principio abordando brevemente que é isto do...