Continuación do artigo do mesmo título de 19 de maio.
Segundo a relación existente entre os bens culturais presentes no monte e os seus recursos, clasificámolos do seguinte xeito:
- Bens cuxa relación co monte reside unicamente no feito de estar presente na súa contorna, pertencendo principalmente ao patrimonio arqueolóxico e relixioso.
- Bens cuxa relación co monte reside en formar parte das infraestruturas de acceso ao monte e de servizo, pertencendo principalmente ao patrimonio etnográfico e arquitectónico.
- Bens cuxa relación co monte reside en estar vinculados directamente aos seus recursos e ás actividades desenvoltas ao redor deles, pertencendo principalmente ao patrimonio etnográfico e industrial.
Dentro dos da segunda categoría podemos destacar:
OS CAMIÑOS E CARREIROS
A historia dos camiños comeza dende que o home existe e xorden da necesidade de poder transitar dun lugar a outro, de comunicar uns pobos con otros, unhas casas con outras e estas coas propiedades e lugares de diferente uso (terras de labor, prados, soutos, devesas, zonas de monte, muíños, fontes, ríos, igrexas e cemiterios, feiras, etc.).
Cada camiño ten as súas propias características e o trazado ven determinado principalmente pola orografía de cada lugar, o clima e as características do chan por onde descorre. En principio eran moi rudimentarios, permitindo só o paso a pé de persoas e animais. A chegada da roda e as súas aplicacións prácticas fixeron que se precisara unha tipoloxía diferente de camiño, máis ancho, de percorrido máis racional en canto a pendente e obstáculos a salvar.
Debido ás características da xeografía do interior de Galicia, existe unha complexa rede de camiños formada, entre outros, polos sendeiros, carreiros, corredoiras, sendas, camiños de carro, etc.
Os camiños van acompañados dun sentido social moi profundo xa que tanto a construción como a súa conservación foi sempre labor da comunidade veciñal, sendo estes camiños unha prolongación do fogar, pois neles vívese e serven moitas veces como lugar de reunión.
AS PONTES E PONTÓNS
Un dos elementos patrimoniais máis característicos e numerosos que podemos atopar en relación ás canles fluviais e ao seu contorno son aquelas construcións, de maior ou menor complexidade, destinadas a cruzar ríos e regos (pontes, pontóns, pasadoiros, etc.), supoñendo en certos casos a única posibilidade de comunicar ambas marxes no traxecto dun camiño.
Dende os tempos máis antigos, xunto ás pontes de carácter monumental (romanas, medievais, etc.), a arquitectura e enxeñería popular achegou diferentes deseños, técnicas e materiais, aínda que na nosa terra, a madeira de castiñeiro foi o material máis empregado que, xunto cun deseño sinxelo e un acabado rústico e robusto, lles conferiu unha entidade propia.
No caso dos pasadoiros e dalgún pontón, os materias empregados eran chantos de pedra, ben pousados no propio curso fluvial se carecía de profundidade ou ben constituíndo pequenos arcos ou estrutura con columnas.
AS FONTES, PÍAS E LAVADOIROS
A auga como recurso natural é imprescindible para a vida e é fundamental para desenvolver moitas das actividades que se realizan na vida cotiá, social e produtiva, tamén as que se realizan no monte, comezando pola de saciar a sede das persoas e dos animais, facer posible boa parte das producións que aproveitaremos do monte, etc.
As fontes son construcións destinadas a aproveitar a auga provinte dun manancial, rego, etc. para o seu uso, e que se deseñan e constrúen de moi distintas maneiras, dende as máis sinxelas ás máis complexas e elaboradas.
Estas construcións, que case sempre son de carácter colectivo, compóñense de captación ou lugar onde collemos a auga, unha canle que, de ser precisa, serve de condución até o lugar indicado e finalmente o recipiente ou depósito (cazoleta, etc.).
A auga que nos proporcionan as fontes é principalmente de uso humano ou doméstico, aínda que pode ter parello unha pía para uso dos animais ou a través doutros recipientes ou conducións complementarias, e así desviar a auga sobrante para outros fins (lavadoiro, rega, etc.).
AS CABANAS
As cabanas consisten, na maioría do casos, en pequenas edificacións normalmente de planta baixa e de arquitectura básica e incluso primitiva, as cales en moitas ocasións carecen de fiestras e incluso simplemente teñen un oco de acceso pero non dispoñen de porta.
Estas edificacións empréganse para darlle diferentes usos, como refuxio para persoas (pastores, cazadores, traballadores do monte, etc.) e animais (gando vacún, cabrún, etc.), almacén (herba, leña, ferramentas, etc.), manipulación e transformación das producións (viveiros voantes, hortas e leiras situadas en zonas de monte, viñedos, minas, etc.) e outros usos varios (vixilancia forestal, etc.).
AS VIVENDAS E ANEXOS
Debido ao alto grao de dispersión dos establecementos humanos, o espazo xeográfico galego viuse inzado de numerosos asentamentos e construcións con finalidades diferentes, onde destacan os núcleos rurais, pero tamén infinidade de edificacións illadas e, moitas delas, situadas en zonas de monte que cumprían distintas misións (vivenda, almacenamento, transformación dos produtos, cría e cortello de animais, etc.).
Estas vivendas e anexos estaban situados nestas zonas de monte para cubrir diferentes necesidades como as de territorialidade, posibilitar unha forma de vida diaria e continuada preto duns recursos alonxados dos núcleos rurais (brañas, soutos, zoas produtoras de leña e carbón, etc.).
A arquitectura popular, moi presente neste tipo de construcións, é rica en elementos construtivos característicos (corredores, palenques, lareiras, fornos, palleiras, etc.).