O reparto da torta segue igual

Artigo que reflexiona sobre as dificultades actuais para formar goberno a nivel nacional e o mal vista que estaría a posible 'coalición' polo poder económico.

Ilustración de Xosé Manuel Fernández Montes

Neste tempo político, ter convencido a boa parte da cidadanía para que practique a autocensura e exclúa determinadas opcións políticas, de maneira anticipada e sistemática, é a primeira derrota case insalvábel.

“…un pesado e ‘machacón’ relato para ver quen é máis culpábel de non ter goberno”

Agora presenciamos un pesado e ‘machacón’ relato para ver quen é máis culpábel de non ter goberno, cando o necesario e positivo para a cidadanía sería quen fai máis méritos para facilitar o goberno.

Para o caso tanto ten de quen é a culpa, aínda que seguro que ambas partes terán a súa cota repartida de forma desigual.

A reflexión que se pretende facer aquí é sobre o discurso que se procura establecer como norma: non todas as forzas políticas deben gobernar; en realidade quérennos facer crer que só poden gobernar os mesmos de sempre, para facer o mesmo de sempre.

Para isto os que de verdade detentan o poder, con todos os seus medios de comunicación (que son case todos), pretenden convencernos de que a eventual entrada de PODEMOS nun goberno de coalición co PSOE sería un desastre, un sacrilexio. Son os mesmos que claman contra os gobernos de coalición de progreso e aplauden os gobernos de coalición das dereitas coas ultradereitas. Son os que nos fan crer que os nosos intereses de persoas traballadoras, ou de pequenos autónomos, son os mesmos que os das grandes multinacionais. Son os que nos pretenden enganar desde que o mundo é mundo.

Mais isto é falso. Este eventual goberno non sería unha catástrofe nin para eles, só lles reduciría un pouco a súa inmensa riqueza para repartila entre o resto da sociedade, porque resulta necesario preguntarse que cousas podería facer ese goberno de coalición que tan desastroso nos queren facer crer que sería.

“…o PSOE nunca realizou cambios estruturais na política económica que puxeran en perigo o actual reparto da torta e parece seguro que non o vai facer agora…”

Hai que ter en conta que (e á historia hai que remitirse) que o PSOE nunca realizou cambios estruturais na política económica que puxeran en perigo o actual reparto da torta, e parece seguro que non o vai facer agora. Así que se a forza maioritaria do goberno non o fai, resulta imposíbel que a minoritaria si.

Así pois, as políticas novas que entre os dous poderían levar á práctica son aquelas relacionadas con cuestións sociais, aquelas que consisten en acadar un mellor reparto dos orzamentos para favorecer á maioría da sociedade e, nomeadamente, aos sectores máis vulnerábeis.

Fóra disto, e de fortalecer todos os dereitos sociais acadados, pouco ou nada queda que o goberno poida facer.

“…hai que preguntarse por que os grandes bancos, as grandes fortunas e quen realmente detenta o poder en España tratan por todos os medios de convencernos de que esa coalición sería un desastre”

Sendo isto así, hai que preguntarse por que os grandes bancos, as grandes fortunas e quen realmente detenta o poder en España tratan por todos os medios de convencernos de que esa coalición sería un desastre.

A resposta é ben sinxela: no fondo non cren na democracia e, fundamentalmente, non soportan que as persoas de a pé, coma vostede ou coma min, teñan a capacidade de decisión para repartir a torta dunha maneira máis xusta ou, cando menos, de forma distinta. Os poderosos pretenden conservar a súa parcela e agrandala a conta das nosas pequenas leiras, mentres a cidadanía precisamos ensanchar o mundo.

O pluralismo e o respecto á diversidade son valores positivos que hai que promover sen temor, e non perseguilos e condenalos, e iso significa que calquera opción política, que respecte a democracia e os dereitos humanos, debe ter a posibilidade de gobernar, de tratar de repartir a torta de forma distinta, sen vetos de ningún tipo, e que o electorado, os millóns de persoas que a apoiaron, teñen dereito a ver realizado ese programa político, polo menos, en parte.

Por iso, se o PSOE incumpre a súa promesa e a obriga de facilitar un goberno de progreso, estará demostrando -máis alá do seu discurso- que é un mero partido “alternista” que quere que a torta a sigan comendo os de sempre.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here