Seica nos queren pór eólicos no Iribio, perdón, van poñer por collóns, saltándose as propias leis que eles fixeron, botando pedras enriba do gran escaparate de Galicia que é o camiño de Santiago, torpedeando unha posible Reserva da Biosfera, saboteando o propio plan que eles mesmo crearon para a recuperación do oso pardo, indo en contra da promoción do turismo e da agricultura.
“Pero non nos enganan, a eles o de coidar Galicia e a súa paisaxe, a natureza e a xente das aldeas dálles igual pero sérvelles como coartada”
Iso si, para facer máis ricos aínda a xente que nunca pisou estas terras, pagando os recibos da luz máis caros da UE e tendo aldeas galegas no terceiro mundo en canto a comunicacións e calidade do servizo eléctrico; todo adornado e camuflado dicindo que son enerxías renovables. Pero non nos enganan, a eles o de coidar Galicia e a súa paisaxe, a natureza e a xente das aldeas dálles igual pero sérvelles como coartada.
Mira que non hai sitios onde colocar eólicos e van facelo afectando ó Camiño de Santiago, á Rede Natura e á paisaxe protexida. Ó final isto só é cousa de cartos, canto máis cartos mellor para os seus amigos (seguro que algo a cambio reciben) e pagan con catro cadelas ós propietarios dos terreos e outra miseria ós concellos (pero ben, moitos deles aceptan a esmola). Por que en Galicia non lles deixan ás parroquias e comunidades de montes facer eles os parques eólicos? Seguro que ningún banco lles ía negar o financiamento dada a altísima rendabilidade dos xeradores. Pois moi sinxelo, non lles deixan porque canto máis teñen máis queren, porque queren que a xente dependa de favores e dos catro euros que lles soltan, queren a xente con medo, porque co medo téñenos controlados.
“Levan luz barata para vender nas grandes cidades mentres a Galicia interior morre porque a queren matar, o rural non lles interesa”
Falan de crear postos de traballo, pero non contan que só serán para uns poucos meses, non falan do ruído que vai afectar ás casas próximas, nin de que están arrasando ecosistemas e zonas arqueolóxicas que serán básicas se algún día queremos vivir do turismo. Levan luz barata para vender nas grandes cidades mentres a Galicia interior morre porque a queren matar, o rural non lles interesa.
Lembremos o asunto do “Castor”, aquel despropósito de almacenar gas nunha zona sísmica na que houbo unha loita encarnizada para detelo e de onde a administración se sacou do forro informes técnicos que logo se demostraron falsos e se aprobou polas bravas. Pasado pouco tempo comezaron a producirse terremotos na zona e o proxecto debeu ser paralizado porque o escándalo era de proporcións bíblicas. Manda carallo que aínda por enriba houbo que indemnizar a empresa cuns cantos miles de millóns de euros que saíron do peto de todos nós, e os responsables de outorgar as licencias, dos informes técnicos saíron de “rositas”.
Chegará o día no que a xustiza europea (a do estado nin de coña) mandará cancelar o proxecto do Iribio e desmantelar todo, veredes como nos vai tocar pagar a todos outra indemnización e os responsables da instalación e dos permisos do parque van saír sen ter que dar explicacións.
Tema aparte é a xente do rural que defende que os eólicos os van sacar do abandono e do aillamento, eses que din que unha vez que os poñan as aldeas deixarán de despoboarse e atarán os cans con longanizas… ben, de ilusión tamén se vive.
“Nunca entenderei as razóns de queimar o monte, miles de animais morren abrasados, castiñeiros, carballos, piñeiros… toda a nosa natureza arrasada cunha finalidade descoñecida”
Outra cousa coa que non damos rematado no rural é cos lumes; todos os anos cando chega setembro aparecen, sempre en horas onde os medios aéreos non poden actuar, sempre en sitios onde saben que poden facer máis dano. Viven coa certeza da impunidade, que nunca lles vai pasar nada porque esa é a realidade. Nunca entenderei as razóns de queimar o monte, miles de animais morren abrasados, castiñeiros, carballos, piñeiros… toda a nosa natureza arrasada cunha finalidade descoñecida. Uns bótanlle a culpa ós brigadistas cabreados, outros ás empresas que viven de apagar os lumes, tamén se fala da propia tradición galega de queimar para ter pastos para a primavera, outros din que son os cazadores, piques entre veciños… pero a realidade e o sentido común di que ten que haber outras razóns máis escondidas porque senón non se entende o que está a pasar nesta nosa terra.
Pero a miña derradeira reflexión na colaboración deste mes é sobre os propios galegos, vivimos nunha terra fermosa, con paraxes dunha beleza abrumadora, aldeas e vilas máxicas que son a envexa de todos. Pois eu creo que os galegos en realidade non lle queremos á nosa terra, os galegos facemos de todo por arrasar o patrimonio, plantamos eucaliptos, poñemos eólicos onde non se debe, enchemos de uralitas e ladrillos as nosas vilas, queimamos as nosas montañas e non pararemos ata desfacer a Galicia que todos coñecemos; e nós mesmos cando saímos de aquí e nos acercamos por exemplo a Asturias marabillámonos do limpo e bonito que está todo, pero non somos quen de coidar a nosa propia casa. Creo que Galicia merece algo mellor do que lle estamos a facer.
“Creo que Galicia merece algo mellor do que lle estamos a facer”