Nesta terceira e definitiva entrega relacionada con este tema, e como o prometido é débeda, vouvos achegar as actuacións que, segundo o meu criterio, son as axeitadas para reverter a situación de alto risco que ofrecen os lumes de interfase.
Sen dúbida, visto o visto, sería desexable que foramos capaces de voltar á situación na que o eido rural estaba ordenado axeitadamente, pero neste sentido atopámonos con dúas dificultades fundamentais: por unha parte, que a realidade social, cultural e produtiva mudou de forma significativa e, por outra parte, que o proceso de reordenación territorial precisaría de moito tempo e recursos e, chegados a este punto, debemos atopar unha solución inmediata.
A miña proposta vai dirixida a establecer, estratéxicamente situada, unha liña que sirva de eixo para implantar un cinto verde protector. Este cinto podería abranguer aquelas zonas que prioritariamente queiramos protexer, especialmente as vilas, núcleos rurais, zonas periurbanas, urbanizacións e edificacións illadas, pero tamén podería abranguer outros bens de interese: parcelas de explotacións agro-gandeiras, recursos patrimoniais ou áreas e servizos varios. Esta liña debería envolver completamente a zona que queiramos protexer e a anchura que debería abranguer o cinto de protección sería dun mínimo de 100 m.
Para conseguir compoñer este cinto verde, deberíamos desenvolver diferentes actuacións como limpar as marxes dos camiños e estradas que conducen ao lugar que pretendemos protexer para permitir o acceso dos medios de extinción e, de ser preciso, a evacuación da xente, abater as árbores pirófitas existentes dentro da zona que abranguería o cinto de protección, limpar a vexetación arbustiva e herbácea nas parcelas situadas dentro da zona que se pretende protexer, establecer dentro do propio cinto, formando parte dos 100 metros totais e situada na parte interior, unha primeira faixa de 50 metros de ancho libre de vexetación arborada e arbustiva de alta combustibilidade e fomentando unha cuberta arborada con frondosas protectoras tipo castiñeiro ou semellante, establecer tamén dentro do propio cinto, na parte externa do mesmo, unha segunda faixa de 50 metros de ancho na que se limite a densidade do arborado existente, fomentando unha cuberta arborada cando menos mesturada e procurar unha descontinuidade horizontal e vertical dos combustibles, podando or arborado e rozando selectivamente o mato.
Estas medidas fundamentais poderíanse ver apoiadas coa implantación doutras actuacións complementarias como poden ser: artellar un sistema de rega na zona interna do propio cinto verde para favorecer o crecemento das frondosas e manter un sotobosque fresco e verde, construír unha serie de hidrantes no perímetro e polo interior da zona que abrangue o cinto para subministrarlle auga ás autobombas ou para funcionar de maneira autónoma con manguerias ou automática con dispositivos creados para tal fin ou, cando menos, construír un depósito de auga localizado na contorna para subministrarlle auga ás autobombas, que o cinto de protección siga o trazado de algún camino ou estrada preexistente ou de nova construción que permita a aproximación dos medios de extinción, deseñar unha estratexia de control da vexetación herbácea e arbustiva que regrome ou medre máis aló do desexable, ben a través das rozas pertinentes ou ben a través do pastoréo.
Finalmente dicir que esta é unha proposta, entre outras posibles, pero que persigue unha protección que non produce un impacto no ambiente, na paisaxe ou no patrimonio e resulta moito máis sostible a medio e longo prazo.
Polo tanto sexamos capaces de cambiar a maneira de facer as cousas e de comportarnos co noso territorio, coa nosa xente, co noso país. De actuar para que non nos arda o noso, traballando con lóxica e sentido común e rectificando que, xa sabemos, é de sabios.