InicioOpiniónAprender da traxedia

Aprender da traxedia

O pasado 16 de xuño caeu na parroquia de San Fiz, en Chantada, a peor treboada que se lembra en canto a danos en colleitas e viñas. De feito, ninguén lembraba nada igual. O pedrizo arrasou nalgúns viñedos o 100% da colleita de uva.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

En San Fiz numerosos viticultores e algún adegueiro quedaron sen uva e viño para este ano e cunha enorme merma para o vindeiro. Mesmo hai quen pensa en abandonar a actividade. Os medios de comunicación centraron a ollada na produción vitivinícola, algo comprensible por ser o elemento máis coñecido e económicamente puxante da zona e polo icónico deses viñedos cuxa fotografía podemos ver en moitas casas, negocios e organismos da nosa vila. Pero os danos foron se cadra aínda peores nas colleitas de millo, patacas, horta e froiteiras desoutros veciños que teñen as casas e leiras na parte que non da hacia a ribeira. Aí perdeuse todo o da terra, houbo inundacións, danos en tellados e fachadas e derrame de electrodomésticos. As vítimas ignoradas da traxedia, porque traxedia é a palabra.

Caeu pedrizo e choveron indignacións

A raíz da treboada, producíronse todo tipo de reaccións. Nos medios de comunicación, nas redes sociais, no eido político, no sindicalismo agrario, no ámbito empresarial…Todo o mundo amosou a súa solidariedade, a súa dor e o desexo de axudar os afectados. Aínda así, eu calculo que como moito tardaron media hora en aparecer as discordias, os insultos e as queixas entre todos os que amosaron boa vontade.  

Representantes das administracións públicas e dos diferentes grupos políticos –agás dalgún moi minoritario- estiveron presentes na zona para coñecer de primeira man o que aconteceu, para escoitar os veciños e para ofrecer axuda. Rápidamente se sucederon as críticas a esas visitas co argumento, digno de Friedrich Nieztsche, de que “o que tiñan que facer era cavar ribeiras en vez de facer a foto”. Folga decir que, se cavaran ribeiras, a crítica sería por cavar sen xeito e por non estar na oficina traballando. E xa non digamos se chegan facer a foto cavando…Non faltaron tampouco os mesías que seguen situando o campo galego no século XIX e que reclaman o que se reclamaba daquela…en fin: caeu pedrizo e choveron indignacións.

O sindicato Unións Agrarias cifra os danos para os viticultores nun millón de euros tendo en conta que a treboada afectou unhas 70 hectáreas de viñedo coa perda duns 700.000 kilos de uva. Ademais do gasto que haberá en tratamentos fitosanitarios e da perda de mercado para viño e uva. Dos danos que sufriron os veciños da zona non vinícola aínda non hai estimación económica. Nin se espera. 

Outras organizacións políticas e sindicais reclaman diferentes figuras de apoio económico para os viticultores e adegueiros. Dende a declaración de zona catastrófica ata a creación dunha liña directa de axudas financieiras. Algo que parece lóxico e xusto pero que debe ser sometido a un rigoroso control. Non sería a primeira nin a segunda vez que cartos públicos que ían para proxectos e axudas na ribeira aparecen convertidos en coches, casetos e festas. Ollo. 

É o momento de poñer os recursos necesarios para a prevención

O cambio climático é algo que xa ninguén nega. E probablemente esta treboada fora un efecto dese cambio. Se xa a agricultura foi sempre de por si unha actividade de risco sometida a imprevistos climatolóxicos agora aínda o é máis. Por iso, alén das necesarias axudas económicas, cómpre desenvolver estratexias para que estes fenómenos meteorolóxicos teñan o menor impacto posible. 

Pedrazo San Fiz

O máis inmediato pasa pola contratación de seguros agrarios. Parece algo obvio pero non todo o mundo está disposto a pagar por unhas pólizas que en moitos casos pouco dan para o que cobran ou que non contemplan a cobertura de casos tan extremos como o vivido en San Fiz. Se cadra, unha boa fórmula sería unha negociación colectiva das pólizas. Dado que cando hai pragas ou treboadas non hai un único afectado, conseguir un seguro por zona podería ser unha boa opción sempre e cando haxa unidade entre os produtores e as aseguradoras estean dispostas a negociar. Tamén neste caso moito ollo cos aproveitados. 

A empresa italiana Arrigoni ven de desenvolver un sistema de protección dos viñedos mediante o uso de redes elaboradas con monofío de polihetileno de baixo impacto visual e ambiental, que son fácilmente colocables en viñedos e que permiten unha protección eficaz fronte ao pedrizo. Polo momento seguen as investigacións na zona de Burdeos e habería que comprobar a súa eficacia cunhas pedras do tamaño das caídas en San Fiz. Neso están.

Tamén urxe que se aproveite a desfeita para determinar con criterios científicos cales son as técnicas e produtos que se deben utilizar no tratamento de recuperación dos viñedos despois do desastre. Coñecer o remedio axeitado será outra boa arma por se volve suceder.

É o momento, pois, para que organismos e entidades que teñen poder de decisión sobre os viñedos de San Fiz poñan os recursos necesarios para que se acheguen dende a ciencia os mecanismos de prevención e corrección precisos para non volverse ver nestas. E tamén para que non se esqueza os veciños que sufriron danos máis alá dos viñedos. Oxalá. 

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...