HomeOpiniónOPINIÓN: Rebelión na granxa

OPINIÓN: Rebelión na granxa

..."Pero o máis importante é que sexamos nós os primeiros en dar valor ó gando e ó gandeiro. En explicar o fundamental que é o traballo dos diferentes modelos de granxas e en loitar porque se recoñeza económicamente a altísima calidade do que producimos."

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Pasada a tormenta desatada polo ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre a produción cárnica en España e coa perspectiva que dan as semanas transcorridas, podemos dicir que as súas palabras son como a Sede Electrónica da Deputación Provincial de Lugo: crean problemas onde non os había e causan un malestar innecesario.

A cousa non ten moito debate. O 54% da carne de vacún baixo selo de calidade que se consume en España é de orixe galega. E, segundo a consultora GFK, o 40% dos consumidores valoran en primeiro lugar os métodos cos que se produce. E, aínda así, os prezos que reciben os gandeiros seguen a ser terriblemente baixos. Pero diso falaremos outro día.
Podemos, si, criticar as granxas industriais de porcos e polos. Non é en Galicia onde máis abundan e a contaminación que xeneran é irrisoria comparada coa de calquera barco que chega da China ao porto de Vigo cargado de plásticos de ínfima calidade. Poñer o foco nesas granxas é como dicirlle a un enfermo grave de COVID que ten que tratarse do acné. En resumo, non hai caso.

Está demostrado que chorar e queixarse serve de pouco. E sacar peito aínda menos. O máis acaído semella aproveitar esa boa imaxe que ten a gandaría galega para convertela en euros. Que non é fácil. Máis aló das chamadas extensión de norma, campañas de promoción en medios e labor prescritora de figuras da gastronomía hai pequenas cousas que están ao alcance dos que vemos vacas cada vez que saímos da casa. Que aquí somos todos.

Folión de Carros

Por poñer un exemplo, o Folión de Carros. Aínda que este ano tampouco haberá desfile por causas de sobra coñecidas, poderíase organizar en vindeiras edicións algunha actividade que dea visibilidade e recoñecemento ás razas autóctonas galegas. Todas elas excelentes produtoras de carne e adaptadas ás tarefas do campo. Rubia galega, Frieiresa, Caldelá, Cachena, Limiá e Vianesa levan séculos formando parte da vida dos homes e mulleres nas zonas de orografía máis complicada en Galicia. Tiraron dos arados para roturar milleiros de hectáreas que hoxe aparecen cubertas de eucaliptos e piñeiros. Deron calor a casas e pallozas e fertilizaron canta leira foi preciso. E, por suposto, tiraron dos carros do país dende a noite dos tempos. Estaría ben contactar coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) para que algúns dos exemplares máis acaídos de cada raza puideran desfilar arrastrando carros e carrozas.

Folión de carros (arquivo) / Concello de Chantada

Algunhas desas razas aínda están en perigo de extinción. E máis vale que fagamos que o mercado empece a valoralas porque se a súa supervivencia segue dependendo das subvencións da Unión Europea…pouco futuro se lles albisca. En poucos meses, se non é xa, as Jersey, Montbéliarde ou Fleckvieh xa serán máis numerosas en Galicia que as razas galegas. Ollo, eso non é malo porque canto máis heteroxénea sexa a cabana, mellores serán as diferentes producións. O que sería unha mágoa é non aproveitar o que ofrecen as razas de Galicia.

Lembremos que as vacas, ademais de carne e leite, tamén aportan coiro de primeira calidade, esterco que fertiliza como ningunha outra cousa ou ata, curiosamente, as pedras que lles nacen na vesícula e que teñen numerosas e moi cotizadas aplicacións médicas e cosméticas. Por non falar de que pastos e forraxes son a mellor barreira contra o lume forestal.

A gandaría en Galicia

En Galicia hai arredor dun millón de vacas. Estabuladas, en pastoreo, en sistemas mixtos, de razas puras, froito de cruzamentos, inseminadas, apareadas, alimentadas con pensos, con millo, con herba, con alfalfa; descornadas, con cornos xigantes, de máis de 1.200 quilos, de menos de 300…a gandaría de vacún galega é a máis variada de Europa. En todos os sentidos. Dende o manexo ata as razas pasando polo aproveitamento que se fai delas ou como se comercializan. E, o mellor de todo, aínda hai milleiros de ideas por aplicar para facer que haxa máis, en mellores condicións e que permitan entrar con calidade e innovación en novos mercados.

Outro reto é ampliar tamén a cabana de ovellas, cabras, porcos celtas e cabalos galegos. Sen por iso deixar de aproveitar outras razas que levan décadas con nós.

Pero o máis importante é que sexamos nós os primeiros en dar valor ó gando e ó gandeiro. En explicar o fundamental que é o traballo dos diferentes modelos de granxas e en loitar porque se recoñeza económicamente a altísima calidade do que producimos. E tamén que teñamos a suficiente cabeza fría para non abatirnos por declaracións, ocurrencias ou presións externas. Nin entrar en loitas cainitas entre modelos de gandaría. Porque todos son necesarios a día de hoxe. A rebelión empeza por facer ben as cousas na casa.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...