InicioOpiniónOPINIÓN: Avanzando... “somos Reserva da Biosfera”

OPINIÓN: Avanzando… “somos Reserva da Biosfera”

Emocións contrastadas do noso divulgador medioambiental. Indignación polo lume que arrasou gran parte do territorio dos concellos de Ribas de Sil , Quiroga e A Pobra do Brollón; e esperanza pola declaración de 'Reserva da Biosfera'.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Foron días moi tristes os que tivemos que vivir. Os descerebrados do lume  volveron atacar queimando unha gran parte do territorio dos concellos de Ribas de Sil e Quiroga, incluso saltando ata Salcedo xa na Pobra do Brollón.

Cantas veces que pasei por ese val do Lor baixo e ribeiras do Sil, tantísimas veces que usei a estrada vella para ir dende Quiroga ata Monforte para gozar das curvas e deses bosques infinitos cheos de piñeiros, érvedos, carballos, castiñeiros, bidueiros, cerdeiras… e unha impresionante cantidade de cogomelos nos outonos. Foron tantas ocasións as que gocei desa paisaxe… A  rabia de saber que iso nunca vai volver é tal que se pillo o cabronazo que o fixo posiblemente non saíse enteiro do sitio. Moitas veces comentamos o milagre de que esa zona fose librando dos lumes vendo os antecedentes dos arredores, semellaba  algo máxico ver como ano tras ano seguía a estar todo tan fermoso e cheo de vida.

Cogomelo (boletus). Foto: Guillermo Díaz

“Detrás destes lumes soe haber máis dunha man, a executora e a pensante”

Revólvense as tripas pensando no sufrimento indescritible de millóns de seres vivos abrasados e queimados sen posibilidade de fuxida, do padecer da xente das casas, dos propietarios dos terreos que viron todo desaparecer, dos millóns de euros en madeira que se achegaba ó seu ciclo de corta, do traballo de moitos, do medo de moitos. Todo iso arrasado por alguén que despreza a vida e a natureza, un ser desprezable movido posiblemente por intereses económicos ou simplemente un demente. Aínda que isto último parece pouco probable. Detrás destes lumes soe haber máis dunha man, a executora e a pensante.

Agora virá a erosión, a perda de biodiversidade, a chegada do monte baixo con moitísimo maior risco de incendios, e posiblemente retorne o mesmo erro nas repoboacións a base de pirófitas, unha mala planificación na busca do maior rendemento a curto prazo e en certo número de anos cando o monte comece a revivir volverá a arder; non se terán en conta as novas condicións climáticas que veñen e a máis que previsible escaseza de auga que na actualidade déixase notar cada verán con máis intensidade. E así  estaremos no mesmo ciclo anos e anos ata que nos nosos montes soamente queden pedras e eólicos, sen xente nas aldeas e catro gatos resistindo como poden nas capitalidades municipais. Triste futuro nos agarda sen xente, sen servizos e sen natureza, tempos modernos lle chaman.

Dentro de todas estas desgrazas chegou algo de luz a todo este mundo de sombras, somos ‘Reserva da Biosfera’, algo totalmente merecido sen lugar a dúbidas. Temos a natureza (cada vez menos, que nola queiman), temos a paisaxe (que cómpre  protexer e se ten que ser a pedradas contra os cafres), temos a xente (cada vez máis velliños pero con moitas ganas de que se nos escoite). Tamén nos chegou unha mensaxe alta e clara, temos que ir unidos. Os reinos de taifas hai tempo que terminaron e a unidade fai a forza. Ribeira Sacra sen Courel non tería chegado e Courel sen Ribeira Sacra  tampouco.  O monte non ten muros que separe e a nosa terra é un continuo que vai dende as neves, devesas e orquídeas do Courel ata a máis pequena adega onde tomar un viño alá no fondo dos canóns do Sil ou o Miño. 

“Dentro de todas estas desgrazas chegou algo de luz a todo este mundo de sombras, somos Reserva da Biosfera”

O maltratado Iribio onde algúns quixeron forrarse a costa de arrasar con pistas, cemento e muíños tamén forma parte dun todo que ten que camiñar xunto e conservando cada un a súa identidade. Tal e como  pasa coas adegas na Ribeira Sacra, onde cada viño é un mundo, nesta reserva da Biosfera cada anaco de terra será outro mundo por descubrir.

Agora só queda un pequeno paso máis que coido non tardará en vir, o Parque Natural. Pero un parque natural ten que ser ambicioso e non conformarse con pouco, senón que ten que coller dende as montañas do Courel e Iribio ata os miles de xoias naturais espalladas por todo o territorio da nova Reserva da Biosfera. E xa postos a pedir que  todos eses cabróns que plantan lume ardan por combustión espontánea, que as administracións xestionen con cabeza o patrimonio natural e humano que temos, que non nos quiten máis servizos, que os novos non teñan que marchar e que vale xa de pelexarnos entre nós mentres os de fóra nos rouban a carteira.

“Agora só queda un pequeno paso máis que coido non tardará en vir, o Parque Natural”

ÚLTIMAS

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...

“A nai que me pariu!” campaña do CCU de Sarria polo Día da Nai

¡A nai que me pariu! é o nome da campaña do Centro Comercial Urbano de...

24 anos da Mostra do Aceite de Quiroga

Esta feira gastronómica, a única da provincia nesta categoría contou esta fin de semana...