InicioOpiniónOPINIÓN: Dez anos de loita

OPINIÓN: Dez anos de loita

Neste mes de febreiro a Irmandade Cultural País do Faro fai unha década de existencia. Uns meses antes daquel Entroido de 2012, Rubén Eyré, Claudio Otero, Xosé Méndez, Alfredo Pardo e quen esto escribe cavilamos que a mellor forma de artellar os proxectos que pensabamos necesarios e nos que tiñamos ilusión pasaban por constituir un grupo de traballo estable.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Daquela non sabiamos moi ben como facelo e baixo que fórmula. Ata esa data calquera actividade que nos semellaba de interese organizábase a través de Círculo Recreativo Cultural, entidade coa que seguimos colaborando estreitamente e á que sempre estaremos agradecidos.

Pero o obxectivo era crear algo independente, que funcionase sen ter que andar molestando ou pedindo permiso e que puidera decidir de xeito inmediato. Primeiro pensamos en poñer en marcha un grupo literario que dera pulo á creatividade que sempre houbo nesta bisbarra pero que servira tamén para traer a Chantada o que se facía no resto do país e que non estaba chegando ou non era visible. Sen embargo, había outros moitos aspectos que, por definición, poderían quedar fora do ámbito dun grupo estritamente literario.

Pasaron as semanas e acordouse que crear unha asociación cultural era a mellor solución posible para poder desenvolver as actividades e para contar cunha figura xurídica en caso de optar a subvencións, participar como grupo en eventos e ter un sinal de identidade plenamente rexistrado e recoñecible.

O que tivemos claro dende aquel primeiro momento é que a asociación non podía funcionar de xeito estándar. Non había nin tempo, nin gañas, nin necesidade de someter a votación cada decisión. O obxectivo era facer cousas, facelas canto antes e facelas o mellor que puideramos. De aí que aínda hoxe só se celebren as asembleas que marca a lei e os estatutos.

O Faro / XdL

A primeira actividade que desenvolvemos foi a presentación do libro de Julia Varela “Mujeres con voz propia.” Foi no Círculo Recreativo Cultural e estiveron con nós, ademais da autora, Narciso de Gabriel e Carme Blanco. Julia foi sempre unha grande colaboradora da asociación e un referente para nós en todas as súas facetas profesionais. Ademais dunha moi boa amiga.

Irmandade Cultural País do Faro

Naquel acto aínda nos chamabamos Irmandade Cultural Terras do Faro. Semanas despois decidimos cambialo porque “País” resultaba máis acorde que “Terras” para os fins da asociación. E debeu de ser un acerto porque ata houbo quen copiou o nome nas redes sociais…nada que obxectar.

Logo veu o proceso legal de constituir e inscribir a asociación. Unha auténtica peregrinación por sedes administrativas e un non parar de redactar documentos, pagar taxas e facer copias compulsadas. O que algo quere, algo lle custa. Pero, con esa base xurídica xa puidemos desenvolver con máis facilidade o noso labor nestes dez anos.

Dende aquela organizamos numerosas presentacións de libros e conferencias e colaboramos con outros colectivos da vila e da comarca. Todas as actividades foron importantes e de todas estamos orgullosos pero penso que por riba de todo destacan dúas: a publicación de xeito ininterrompido dende 2016 de Alicerces, Revista de Estudos do Miño medio e o ciclo de conferencias sobre a historia de Chantada. Estamos convencidos de que, co percorrer dos anos, eses dous traballos deixarán fonda pegada no eido cultural desta parte da Ribeira Sacra.

Tomo IV Revista Alicerces

Tamén houbo algún momento amargo e máis dun sapo que tragar pero non é momento de lembralo senón de ollar cara adiante. E quedaron cousas sen facer que esperamos poder realizar algún día.

Seguimos na loita!!!

Este ano tócanos renovar a xunta directiva. Os actuais responsables debemos dar paso a xente máis nova e con ideas diferentes pero continuaremos prestando todo o noso apoio, igual que se nos prestou a nós. Nos vindeiros meses agardamos que a evolución da pandemia permita retomar a axenda que tiñamos prevista dende aquel fatídico marzo de 2020.

Quero rematar agradecendo o esforzo daquelas persoas que dun ou doutro xeito colaboraron coa Irmandade nestes dez anos. E especialmente os responsables de Cultura da Deputación de Lugo e do Concello de Chantada que atenderon sempre as nosas solicitudes. E lembrar que as nosas portas están abertas para calquera persoa ou colectivo que desexe promover algunha actividade cultural nesta comarca. Seguimos na loita!!!

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...