Velaquí as lecturas recomendadas pola nosa colaboradora Paula Verao dende o seu proxecto A Libraría da Proencia:
– Para habitar poeticamente a ribeira: ‘A falta dun edén, a Terra’.
A falta dun Edén, a terra é un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a ser idealizada.
É unha explosión de liberdade creativa dende o corazón da ribeira. Dende Lumeares ao mundo contando a vida de aldea tal cal é, sen concesións nin á idealización costumista nin á postal turística.
Poemas para recitar e escoitar musicados, cos ritmos e cadencias da natureza e das xentes ribeirás. Prezo: 15 €
Mercedes Martínez Modroño. Edita: Chan da Pólvora (2022).
– Para amantes da cultura do viño: ‘Observacións sobre o cultivo da vide na Galiza‘.
Reedición verquida ao galego do traballo que o Dr Casares realizou sobre as vides e viños galegos en 1843. Na vangarda da ciencia no século XIX, libro esencial para estudar a historia do viño no noso País e con propostas que teñen toda a actualidade. Prezo: 12 €
Antonio Casares (tradución de Xesús Verao; estudo introdutorio de María Luisa Losada Sanmartín). Edita: A Libraría da Proencia (2022).
– Para amantes da tradición oral: ‘Mitos e lendas da Ribeira Sacra‘.
Compilación de doce lendas das comarcas da Ribeira Sacra, noveladas e con fermosas ilustracións. Estudio Gnomo, composto por Dani Viéitez e Iria Iglesias, de Pantón, ofrécenos un libro ideal para regalo e para divulgar o noso rico Patrimonio inmaterial. Prezo: 15 €
Dani Viéitez e Iria Iglesias. Edita: Estudio Gnomo (2022).
– Para ler coma quen escoita música: ‘Conto ao carón do río’.
Novela curta, redonda e fermosa. É o sorprendente debut na narrativa de Oihane Amantegi, traducida ao galego desde o éuscaro por Isaac Xubín.
Situada nun afastado lugar de Xeorxia, nos Estados Unidos, a carón do río Ochlockonee, que é unha presenza constante, a narradora, unha nena nacida alí mesmo, relata a súa vida entre o recordo dunha ausencia –a da súa xemelga morta ao nacer–, os soños e os recordos do mel de tupelo.
Unha delicia de lectura que mergulla nunha atmósfera magnética. A autora dixo que, dalgún xeito, a novela saíra da canción Tupelo Honey, de Van Morrison. Prezo: 17 €
Oihane Amantegi. Edita: Rodolfo e Priscila (2022).
– Da premio Nobel deste ano, para empatizar coa loita histórica polo dereito ao aborto: ‘El acontecimiento’.
Unha madura Annie Ernaux rememora o que viviu e sentiu cando en 1963, sendo universitaria, se enfrontou cun embarazo non desexado nunha sociedade que castigaba penalmente o aborto.
Asistirás ao proceso dende a firme determinación da protagonista de non ter un bebé ata conseguir como abortar clandestinamente. Contada en primeira persoa con gran sensibilidade narrativa na que as pequenas cousas e impresións da vida cotiá configuran un universo complexo. Prezo: 17 €
Annie Ernaux. Edita: Tusquets (2019). En 2023 haberá edición galega en Rinoceronte.
– Para comprender realidades semellantes: ‘Los últimos. Voces de la Laponia española’.
Unha ampla crónica xornalística coas diversas realidades do espazo xeográfico denominado “Laponia española” ou a Serranía Celtibérica, cunha densidade demográfica de menos de 8 habitantes por quilómetro cadrado, nun triángulo en torno á macrocidade de Madrid.
Fundamental para comprender o auxe de Teruel Existe e doutros movementos cívicos en zonas despoboadas, comparte coas realidades do interior galego a perda de servizos nas contornas rurais ou o avellentamento, mais diferente pola existencia de grandes zonas baleiras e moita menor rede de núcleos tradicionais.
Con entrevistas a antigos e novos poboadores de lugares esquecidos pero resistentes. Prezo: 16 €
Paco Cerdá. Edita: pepitas de calabaza (2017).
– Para actualizar a nosa visión da Prehistoria: ‘El hombre prehistórico es también una mujer’.
Documentadísimo ensaio que analiza a visión sesgada da Prehistoria tradicional a respecto do rol das mulleres e expón o coñecemento actualizado sobre o papel das mulleres na época prehistórica, desmontando as imaxes falseadas que aínda perviven.
Escrito de xeito ameno e didáctico, con múltiples notas e referencias bibliográficas. Prezo: 19.90 €
Marylène Patou-Mathis. Edita: Lumen (2021).
– Para lembrar o pasado: ‘Unha cunca de caldo quente‘.
Obra teatral que dá conta de xuntanzas a carón “dunha cunca de caldo quente” de diferentes personaxes – reais – que se dan cita na cociña da Maruxa e contan as súas vidas e penurias, marcadas pola inxustiza social que dexa un contexto dun pai alcohólico, unha nai ou unha filla violada, un prato baleiro, unha explotación do traballador, un neno sen escola, unha familia sen traballo, analfabeta… O universo de Xosé Lois García na defensa das clases populares. Prezo: 15 €
Xosé Lois García. Edita: Edicións Fervenza (2022).
– Para levar a nosa paisaxe de recordo: ‘Acuarelas da Ribeira Sacra‘.
Eduardo Baamonde fai un percorrido en acuarelas polos concellos da Ribeira Sacra, combinando a arte e lugares máis coñecidos con recunchos singulares. Ideal para conservar o recordo das nosas paisaxes. Prezo: 17 €
Eduardo Baamonde. Edita: Almacén de Fábulas (2020).
– Para aprender a voar e deixar voar: ‘Irmá paxaro‘.
Un poemario de Tamara Andrés, ilustrado por María Montes, que se converteu no Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020.
Finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Poemas sobre dúas irmás con forte vínculo na infancia que se perde cando a máis pequena, a “irmá paxaro”, desprega as ás.
As irmás semellan compartir unha dor na infancia que agora supera a “irmá paxaro”. Prezo: 13,50 €
Tamara Andrés. Edita: Cuarto de inverno (2019).