HomeOpiniónOPINIÓN: Quiroga F.C., crónica dun ascenso

OPINIÓN: Quiroga F.C., crónica dun ascenso

Crónica dunha emocionante tempada na que o equipo quirogués retornou a Segunda Galicia.

Publicado o

POR
Rachu Carballedo
- Advertisement -

Esta tempada presentábase distinta á anterior tras perder a categoría e pasar de Segunda a Terceira Galicia. Gran parte dos xogadores da pasada campaña continuaban, entraron a formar parte do equipo varios xogadores do pobo como Javi e Iván, pero produciuse un relevo no banco. Roberto Díaz, “Ruboi”, deixaba o posto de adestrador e foi Adrián González “Gachán” o que colleu o temón do equipo. 

Pero a mellor fichaxe foi poder volver á casa e xogar en Quiroga, no San Martiño, que tras unhas obras no 2021 non se puido usar na tempada anterior e houbo que recorrer a diferentes campos da zona nunha travesía en solitario por parte do equipo. Non hai nada como xogar na casa de novo ante a afección quiroguesa. 

A idea neste ano era volver a coller forzas tras unha tempada complicada. Inicialmente pensamos que un bo resultado sería quedar no sexto posto, na metade da táboa, vendo que a Terceira Galicia melloraba o nivel respecto a pasados anos con equipos da talla de Santa Comba, Palas, Incio, O Páramo, etc. Aínda así, tampouco renunciamos a nada. Tamén contamos de inicio cun plantel curto, 17 xogadores, apoiados polo equipo xuvenil que este ano sacamos a competir na liga de Ourense.

“A idea neste ano era volver a coller forzas tras unha tempada complicada. Inicialmente pensamos que un bo resultado sería quedar no sexto posto, na metade da táboa […] Aínda así, tampouco renunciamos a nada”

As cousas non comezaban ben xa que no primeiro partido de liga perdemos por 0 a 4 en Quiroga ante o Santa Comba. Resultado moi duro nun mal partido, pero a semana seguinte todo empezou a carburar coa vitoria na casa do Páramo. Despois chegou un bo triunfo en Bóveda por 0 a 5 e un triunfo no noso campo ante o Incio, por un axustado 2 a 1. Conseguimos vencer ao Relámpago Taboada por 1 a 7 e así colocámonos entre os mellores da liga. Logo chegou unha derrota na casa ante o que á postre sería o noso máximo rival este ano, o Palas. Nese momento démonos de conta de que nin éramos tan malos despois da primeira xornada, nin tan bos, despois de varias vitorias folgadas. Para aquelas xa fixeramos dúas fichaxes importantes de dous rapaces do pobo, Sergio Pollo e Marcos que foron vitais nesta tempada e que lle deu ao equipo un plus. Continuamos cun empate en Monterroso, dous puntos que se nos escaparon despois de ir gañando por 1 a 3. Sumamos tres bos puntos no San Martiño ante o Castroverde e outros tres en Sober, nun partido no cal baixamos ao barro para gañar por 2 a 1 e colocarnos na cabeza da liga. Antes de rematar o 2022, o Taboada B non foi rival e cun 6 a 1 gañamos en Quiroga. Máis loitado foi o partido en Rubián. O mesmo día da final do Mundial de Fútbol en Qatar, no campo do poste vivimos un triunfo traballado pola mínima, 0 a 1 nos últimos minutos. Melloramos as nosas expectativas, xa que rematamos o ano como campións de inverno no primeiro posto da clasificación.

Con gañas comezamos o 2023, incorporamos a un novo xogador, Zorrín, para reforzar a zona defensiva. E foi vital no partido ante o Santa Comba para comezar con bo pé a segunda volta de liga: 0 a 2 ao noso favor. Pero comezamos un mal mes con fochanca de resultados. Perdemos na casa ante o Páramo, caemos ante o Palas por un avultado 4 a 0, empatamos co Incio, rival directo, a 1 gol e sufrindo… só as vitorias ante o Bóveda e o Relámpago nos mantiñan na loita dos equipos de cabeza por ascender de categoría. Faltando tres xornadas non dependiamos de nós mesmos e só nos quedaba buscar a vitoria nos partidos restantes e esperar. Vencemos 1 a 3 ao Castroverde, fixemos o mesmo ante o Taboada B e chegou a sorpresa. O Incio perdeu o seu partido co Sober no tempo de desconto, volvemos a depender de nós mesmos na última xornada, no San Martiño ante o Rubián.

“O estadio quirogués encheuse para animar a un Quiroga que se xogaba todo na última xornada”

O PARTIDO DECISIVO

Un empate chegábanos. Pero non ía ser fácil. O estadio quirogués encheuse para animar a un Quiroga que se xogaba todo na última xornada. Máis de 400 persoas se deron cita para desfrutar e, sobre todo, animar. Pero o que parecía que podía ser unha bonita tarde de fútbol tornouse nun pesadelo da maneira máis cruel posible. En 30 minutos o Rubián aproveitouse de dous erros do noso porteiro para poñerse cun 0 a 2 a favor. O partido estaba sendo horrible por parte dos xogadores verdes, que sentiron moita presión ante o numerosísimo público asistente ao partido. No segundo tempo tornaron as cousas, con menos nervios, Sergio Pollo recurtaba distancias de penalti e volvía a meter ao Quiroga no partido. A grada totalmente de cor verde veuse arriba. 

A afección que non parou de animar durante todo o partido. Foto: R. C.

Pouco despois o Rubián facía o terceiro e todo volvía a ser coma antes. Moita presión ante un partido que prometía ser unha festa. Pero nese momento xurdiu o maior dos alentos dende fóra do campo. A afección animou incansablemente e o Quiroga marcaba o 2 a 3 a falta de 20 minutos por diante. O “si se pode, si se pode” tornouse como o cántico máis repetido no San Martiño ata que no minuto 91, xa no desconto, Jose recolleu un balón de saque de banda de Choco, e cun pase maxistral deixou a Gachán diante do porteiro, non fallou e desatou o xúbilo de todos os alí presentes tras lograr o empate que daba o ascenso de categoría da maneira máis épica posible.

Tras rematar o partido a celebración trasladouse ao terreo de xogo e ás rúas quiroguesas, saíndo os xogadores a celebrar o ascenso nun tractor ataviado para a ocasión. Toda a presión da tempada, nun ano que foi de menos a máis, saíu nese momento; instante do cal desfrutaron os seareiros e familiares dos xogadores tras unha dura tempada.

Celebración post-partido. Foto: R.C.
Os xogadores subidos ao trator. Foto: R. C.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...