HomeOpiniónOpinión: Deberes para o ano que vén nas Montañas do Courel

Opinión: Deberes para o ano que vén nas Montañas do Courel

Falando do Courel, o noso colaborador fai un repaso de temas que quedaron por resolver no 2024 e pon deberes para o ano 2025.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Xa remata o ano e imos darlle unha volta a todo o relevante que aconteceu nas nosas montañas que máis ben foi pouco porque todas as boas expectativas que tiñamos cando comezaba o 2024 quedaron en pouca cousa ou case nada. De todos os bos propósitos que había de que este ano ía ser o espertar do territorio foi coma sempre… “máis do mesmo”, aínda así houbo algunha boa nova como puido ser a revalidación do noso Xeoparque. Libramos duns eólicos que aquí non ían deixar un peso, por unha vez libramos dos lumes, temos novas iniciativas empresariais e turísticas, houbo unha boa colleita de viño, non se nos caíu o ceo na cachola… e do resto, tampouco foi para tirar foguetes.

Os emprendedores que veñen de fóra seguen véndose en bastantes ocasións coma invasores e non coma xente que cre nas posibilidades dunha zona que, cada vez menos estensa, está dotada dunha natureza marabillosa. Tivemos a mala sorte de perder por un lume o prometedor futuro da cantina da Cruz de Outeiro –agardemos que volvan–, asistimos ao peche doutros negocios e estamos vendo como se están arranxando casas e pisos nesta moda das vivendas turísticas que aquí benvidas sexan porque para ter turismo é preciso ter onde aloxalos.

“Os emprendedores que veñen de fóra seguen véndose en bastantes ocasións coma invasores e non coma xente que cre nas posibilidades dunha zona”

Por outra beira segue o atentado ecolóxico e paisaxístico nas zonas queimadas que ten viso de non deterse ante nada e actuar con total impunidade xa que se un particular acometese tales actuacións remataba no caldeiro polo resto da súa vida. Temos tamén esas eternas obras na contorna se Seoane que por mor disto da relatividade de Einstein son os 3,5 quilómetros máis longos do universo. A ver se para este 2025 se remata a obra e para o 2125 se recupera do impacto visual o val do Lor, pero todo sexa en aras do progreso e da industria.

DESPOBOAMENTO

Tamén estamos a ver estes días as estatísticas de poboación que non auguran nada bo, e sen a inmigración a sangría de xente xa non hai quen a pare con Folgoso do Courel baixando claramente dos 1000 veciños e Quiroga rondando perigosamente os 3000. Da outra ribeira do Sil tamén van co declive típico de todo o sur de Lugo agás A Pobra do Brollón e Monforte que algo estarán facendo ben porque pararon a tendencia e teñen pinta de seguir subindo perante o 2025. Digo eu, que se os que mandan ven que se perde xente e  que todo vai cara atrás non será momento de darlle un xiro a unhas políticas que está visto que non resolven os problemas?

PETICIÓNS PARA O 2025

E agora só nos queda que pórlle deberes ao ano que vai chegar. Comezaría por pedir que rematen esa maldita obra dunha vez porque nin o turismo nin os veciños serán quen de aguantar máis tempo de fochancas e desvíos, iso si, os mecánicos encantados. Que se avance nesa praia fluvial no Courel que parece gafada, que boten un bo firme nas estradas, que limpen as cunetas e arranxen algunha curva sen meterse en ampliacións faraónicas que visto o que esta a pasar non foi boa idea. Que se pare dunha maldita vez a desfeita ambiental das zonas queimadas e se tapen esas pistas; que non repoboen con máis piñeiros pois semella que non serviu o escarmento o que pasou e que en vez de cabezas de unto haxa cabezas pensantes, que para iso lles pagamos os seus soldos; que deseñen uns montes onde agricultura, turismo, madeira e gandaría sexan posibles; que leven a fibra óptica ás aldeas pois hai sitios que lles pasa a 150 metros da casa e non lla queren levar, iso vino eu en Folgoso. Que deixen que os de fóra invistan e veñan vivir aquí, que en Quiroga alguén lle bote unha man a ese albergue que é o escaparate da cidade, que o xeocamping teña vida, que os negocios non pechen, que a ponte colgante non quede colgada, que veñan nenos e traballo para a xente, pero creo que é moito pedir de Deus……

“que non repoboen con máis piñeiros pois semella que non serviu o escarmento”

ÚLTIMAS

Descenso do Cabe en piraguas para empezar o 2025

As xeadas déronlle a benvida ao 2025 no sur de Lugo, tendo Monforte na...

Deputación e Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra renovan a súa colaboración

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o máximo responsable do...

Teatro familiar este 3 de xaneiro na casa da cultura de Monforte de Lemos

O Cachopo Máxico é unha alegre interpretación do Nadal dende a perspectiva dos costumes...

Sesión de contos da man da Mesa Pola Normalización Lingüística en Sober

Contactamos con vós dende A MESA Lemos para informarvos dunha actividade que organizamos e que terá...