O Concello de Ribas de Sil ten xa oficialmente un novo alcalde tras a renuncia por xubilación do socialista Miguel Sotuela, quen exerceu o cargo nos últimos 27 anos. Trátase de Roberto Castro González, quen ata este momento exercía como concelleiro de diferentes áreas e Tenente de Alcalde.
O acto de toma de posesión tivo lugar nun ateigado Salón de Actos do Concello de Ribas de Sil, lugar no que tamén estiveron presentes outras autoridades como alcaldes, concelleiros, membros do partido e o mesmo Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
O mandatario provincial desexoulle ao rexedor sorte e éxitos nesta etapa, na que continuará co proxecto liderado por Miguel Sotuela, afirmando que o fará “firmemente comprometido cos servizos sociais e na súa aposta polo público para dinamizar o seu concello no plano social e no económico”. Referíndose a Sotuela puxo en valor o seu labor nos 27 anos de mandato, tempo que dá boa conta da aceptación da veciñanza e do seu compromiso con Ribas de Sil.
O Presidente expresoulle ao novo Alcalde a súa vontade de manter a relación de colaboración directa e fluída entre a Deputación e o Concello para sacar adiante medidas beneficiosas para os veciños e veciñas de Ribas de Sil.