Tres horas antes do pleno, Tomé ofrecía unha rolda de prensa na sede dos socialistas en Monforte na que anunciaba que solicitaba a suspensión cautelar de militancia e deixaba a presidencia da Deputación para seguir como deputado non adscrito. Informaba tamén de que seguía como alcalde de Monforte non adscrito e estará acompañado do seu equipo de goberno.
No pleno, seguido por numerosos medios de comunicación e veciñanza, o rexedor non fixo ningunha mención ao sucedido, despois de que o secretario explicara que a iniciativa do PP para tratar o tema, non tiña lugar nun pleno extraordinario. Este feito fixo que os populares abandonaran a sesión.
Nas súa intervención, o BNG esixiu a renuncia de José Tomé como alcalde de Monforte “por responsabilidade política, coherencia institucional e respecto ás vítimas. Desde o Bloque queremos deixar claro que a responsabilidade política debe aplicarse nos mesmos termos a todos os cargos públicos, sen excepcións. Como organización que defende a ética institucional e a igualdade, non podemos aceptar que quen dimite dunha administración tan relevante como a Deputación considere, ao mesmo tempo, axeitado manter a Alcaldía de Monforte”.

Pleno Monforte 10-12-25 / XdL
Nesta situación o BNG asegura que Monforte merece estabilidade e confianza, “Este episodio coloca ao concello nunha situación de enorme gravidade, erosiona a credibilidade institucional e condiciona o normal funcionamento da cidade. Monforte non pode permitirse estar sometida a esta sombra nin un día máis. O PSOE debe dar explicacións e actuar con responsabilidade”.
Tamén Esperta Monforte solicita a dimisión de Tomé como alcalde e concelleiro e aseguran non comprender o respaldo dos concelleiros e concelleiras do PSOE monfortino “a que permaneza tanto como alcalde como concelleiro, un apoio que supón un desprezo ás posibles vítimas.”
Desde Esperta Monforte aseguran que de non dimitir valorarán a presentación dunha moción de censura “para comprobar se todos os concelleiros e concelleiras do PSOE continúan apoiándoo de verdade. Monforte non merece este desprezo á cidadanía nin estas manobras de manipulación por parte do PSOE”.

Pola súa banda o PP lamenta que Tomé “siga sen dar explicacións sobre o acontecido” e esixe tamén por “responsabilidade e coherencia a dimisión de Tomé tanto como deputado como alcalde de Monforte”. Esixen aos máximos responsables do PSOE a nivel autonómico e provincial aclarar se coñecían as denuncias.
Este xoves, en rolda de prensa, a secretaria xeral do PP, Paula Prado, esixía a dimisión de José Tomé e poñía o foco nun BNG ao que invita a “romper dunha vez por todas” co PSOE. A número dous dos populares galegos acusou á “cúpula socialista” de “coñecer e amparar” todo isto e por iso sostén que o PSOE “non ten absolutamente ningunha autoridade moral para falar en nome das mulleres”. “Se o BNG realmente, como di, quere ao agresor fóra das institucións, está nas súas mans sacalo”, subliñou a secretaria xeral dos populares galegos poñendo o foco no papel deste partido como “parte da ecuación de goberno” da Deputación de Lugo.

