Os socialistas presentan ao pleno as dúas propostas para as que agardan respaldo unánime. Carmen Álvarez, voceira do PSOE en Folgoso de Courel, asegura que ducias de usuarios e familias do Servizo de Axuda no Fogar “trasladáronnos a necesidade de contar con esta prestación tamén durante a fin de semana, pois na actualidade o Concello a ofrece de luns a venres. Dende o PSOE consideramos necesario crear un censo que inclúa as persoas usuarias deste servizo e cantas son demandantes da súa ampliación, así como estudar todas as vías de financiamento públicas que posibiliten a posta en marcha deste modelo asistencial. É fundamental ofrecer aos nosos maiores unha prestación de calidade, atendendo ao alto índice de envellecemento co que contamos”.
Dos 50 núcleos de poboación do Concello de Folgoso do Courel só 12 contan con rede de saneamento. Para os socialistas, esta situación, acompañada do estado deficitario da depuradora, produce que, en ocasións, as augas residuais das casas dos veciños cheguen ao río Lor, incumprindo a normativa vixente.
Ante esta situación o Partido Socialista presentará no Pleno unha iniciativa para que o Concello estude establecer un proxecto no que se concreten novos modelos de saneamento sustentable, instando á Xunta de Galicia a que sufrague a totalidade ou parte destes estudos que converterían a Folgoso do Courel na capital sustentable galega.