O PP de Monforte asegura que considera necesario o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero cre que “se tería que ter feito antes e non anunciar o primeiro paso cando se está a rematar o mandato”. Os populares teñen pedido noutras ocasións comezar co PXOM para solucionar os problemas urbanísticos.
A portavoz municipal, Katy Varela, lembra que o levaban no seu programa electoral polo que “nos alegramos de que se dea o primeiro paso; pero paréceme unha tomadura de pelo aos monfortinos que sexa tan tarde, despois de 12 anos de Tomé como alcalde e a poucos meses das vindeiras eleccións municipais”. Varela cre que “este anuncio é unha mostra máis de intentar facer que fai a final de mandato para que pareza que cumpre o programa electoral, pero o certo é que o mandato rematará sen ter feito o PXOM”.
Condenan tamén os populares que non se teñan concretado as obras de construción dunha rolda urbana entre a rúa Ourense e a estrada N-120, “cando o propio Tomé a anunciou en novembro do 2023 tras asinar un convenio de colaboración co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Deputación de Lugo”.
Aseguran que esta rolda permitiría a redución do volume de tráfico no casco urbano e consideran que “sería moito máis útil que a ponte que pretende construír no paseo do Malecón”. E afean os populares que “despois de tres anos dese anuncio, coma tantos outros anuncios de José Tomé, nada se saiba desas obras. Unha obra útil está paralizada mentres o equipo de goberno se empeña en gastar 5M€, co apoio da Deputación, nunha ponte no paseo do Malecón menos útil e estratéxica para a cidade”.
O PP defenderá que Concello e CHMS colaboren no coidado dos ríos e regatos de Monforte
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte defenderán unha moción no vindeiro pleno para instar a Concello e CHMS ao correcto coidado en mantemento dos ríos e regatos que percorren o municipio. Lembran que tanto a CHMS como o Concello de Monforte de Lemos deben de programar e executar, dentro das súas posibilidades orzamentarias e de acordo coa normativa ambiental, as actuacións de conservación, mantemento e limpeza que resulten tecnicamente necesarias nos leitos da súa competencia.
Recorda a voceira popular que todos os ríos, regatos e pequenos cursos de auga que atravesan Monforte constitúen un elemento fundamental do noso patrimonio natural e cumpren unha importante función ambiental, paisaxística e de regulación e evacuación das augas. Considera de destacar que mentres, o Concello de Monforte e a CHMS desenvolven actuacións sobre os regatos para unha senda peonil, “un novo proxecto controvertido deste equipo de goberno, pois esta senda afecta ata a 68 propiedades e podería derrubar tres vivendas”.
Por estes motivos, dende o Grupo Municipal Popular considérase necesario que se elabore un plan de mantemento e se execute antes de que veñan as intensas choivas que se sucederon o inverno pasado, “sen esperar a construír unha senda que poida que non se leve a cabo”.

Reunión PP regatos / PP Monforte

