21 raposos mortos e moita tensión, balance do campionato de caza de Sarria

Animalistas denuncian que este é un espectáculo de "matar por matar" e cualificaron de "asasinos" aos cazadores. Algúns chamaron á Garda Civil dicindo que se sentían acosados.

Grupo de animalistas concentrados en Sarria en contra da celebraciṕon do Campionato de Caza do Raposo / remitida

O Campionato Galego de Caza do Raposo celebrado este sábado en Sarria rematou con 21 animais abatidos. Un número que é moi superior aos 14 estimados polo presidente da Asociación Galega de Caza. A xornada tamén deparou momentos de tensión entre cazadores e animalistas que acompañaron con pitos e bucinas a algúns dos cazadores o que provocou momentos de tensión.

De feito, non faltaron os insultos nin as persecucións entre os dous colectivos. Os animalistas acusaron aos cazadores de “matar por matar” e os membros dalgunhas cuadrillas denunciaron que foron “acosadas” durante toda a xornada “impedindo que puideran cazar”. A tensión chegou tamén ás portas do restaurante onde os cazadores se xuntaron ao final do campionato. Ata alí acudiu un nutrido grupo de animalistas que deu lectura a un manifesto no que cualifica de “asasinato e crime contra os animais” este tipo de eventos.

Un animalista cunha bucina incordia a uns cazadores durante o campionato de caza do Raposo / club-caza.com

TENSIÓN

Desde a madrugada, os afeccionados á caza e animalistas desprazáronse desde distintos puntos de Galicia até chegar a Sarria. A xornada empezou ás nove coa distribución dos 14 grupos de cazadores. Foi entón cando un grupo de animalistas os seguiron en distintos coches até a zona de monte. Algúns, con bucinas e pitos pegáronse aos cazadores impedíndolles cazar o que derivou en momentos de tensión.

A Garda Civil estivo presente durante toda a xornada. Recibiron a chamada de moitas cuadrillas denunciando que “tiñan a animalistas con bucinas pegados ás súas costas, que lles obrigaban a descargar as armas no monte e a desprazarse a outro lugar”. Con todo, algúns cazadores conseguiron despistar a animalistas e realizar a sua actividade sen problemas. De feito, e malia a presión, remataron a xornada con 21 raposos cazados, trece machos e oito femias, máis dos que agardaban.

Animalistas protestan en Sarria contra os cazadores e o campionato de caza do raposo / remitida

DIFICULTADES E UNHA DIMISIÓN

Este campionato non está exento de problemas. Inicialmente, íase a celebrar en Monforte a pasada fin de semana, pero suspendeuse porque carecía do permiso necesario da Consellería de Medio Ambiente, entidade que depende da Xunta de Galicia.

Entón, decidiron trasladalo aos montes de Láncara e Triacastela. Con todo, algunhas entidades agrarias mostraron o seu desacordo e lembraron que precisamente nestas zonas hai unha praga de ratas desde hai meses e que é precisamente o raposo o depredador natural dos roedores. Foi tal a tensión que o xefe do servizo provincial de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente presentou a súa dimisión tras non autorizar que se celebrase o campionato autonómico.

As entidades animalistas fixeron un chamamento a través das redes sociais para pedir voluntarios e boicotear así o campionato. Free Fox e Libera! non dubidaron tamén en iniciar distintas peticións a través de change.org solicitando o cesamento deste tipo de certames.

Tamén o Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega mostraron o seu desacordo coa Xunta e reclaman a paralización do campionato para evitar que empeoren os danos nas súas colleitas. Estas entidades indican que están afectadas máis de 2.000 hectáreas e os danos económicos son moi cuantiosos.

1 COMENTARIO

  1. Eses de cazadores non teñen nada. Supoño q hai cazadores q son respetuosos cos animales, pero os menos, os de mais pistoleiros e incluso asasinos… As veces non dudan en disparar contra un compañero, por abatir unha peza… Despous as disculpas, foi un erro, etc, etc

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here