Iniciosociedade"O cura dicía nas vodas: compañera te doy y no sierva, xa...

“O cura dicía nas vodas: compañera te doy y no sierva, xa se partía de que el non era servo”, Rosario Regueira

Publicado o

- Advertisement -

Rosario Regueira Cereijo, Traballadora do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, natural do concello de Taboada é autora de tres libros que teñen como protagonista á muller. Sabela, Cando pasou o que pasou e en marzo publicouse Compañeira, non serva, que se vén de presentar este mes en Taboada. “Eu escribo do que vexo, da miña contorna. Son muller, son unha muller de aldea, son unha muller do rural e son unha muller galega. Iso márcame evidentemente.” A piques de celebrar o 25N falamos coa autora.

Rosario Regueira

Que é Compañeira, non serva?

É unha novela feita por unha muller sobre historias de mulleres. As historias son ás veces tristes e violentas e iso refléxase en Compañeira, non serva. O cura dicía nas bodas “compañera te doy y no sierva”. Xa se partía de que el non era servo.

De onde saen esas historias? Son historias que che contaron a ti?

De todo un pouco. Teño pouca imaxinación e non invento gran cousa. Eu busco un personaxe ou varios, unha situación ou varias… e compóñoas ao meu modo. Elvira, a protagonista non existe na realidade, é unha muller feita de moitas pezas de moitas mulleres que si existen na realidade. Pedro, o malnacido, non existe na realidade, pero sae de moitas historias que eu coñecín dalgún modo.

Máis que persoas, son situacións da realidade que se mesturan. Nas miñas novelas hai moitos personaxes porque reflicten mellor a situación que se da. Todo iso ambientado no medio rural, nas aldeas e pequenas vilas do interior de Galicia co ambiente de segredos tapados que non se poden dicir porque non está ben visto. Na presentación dicíanme, “cando estás lendo isto, daste conta de que esta xente existe.”

Que pouso esperas que deixe no lector Compañeira, non serva,  ao respecto da figura da muller no rural galego?

Eu quédome con que cada unha de nós vive a circunstancia que lle toca e cada unha de nós temos que facerlle fronte e facémoslle fronte da maneira que podemos. As mulleres como tales, sobrevivimos gracias á solidariedade das outras mulleres. Sempre con ese amparo e ese apoio.

Presentación de Compañeira, non serva / Concello de Taboada

O machismo está detrás desas moitas veces que muller o pasa mal?

O machismo como sistema. Eu non entendo que os homes sexan malos. Hai de todo, como mulleres. O que hai é un sistema de privilexios que permite que haxa un sexo que prevaleza sobre o outro e que por tanto sexa dominante. Iso é o que eu entendo. A día de hoxe, se che tocou un home malo podes cambiar, pero o problema é que hai un sistema que determina unha situación de desigualdade.

Eu ademais téñolle bastante manía á relixión, á educación xudeu cristián que nos impuxeron e á influenza que tivo a igrexa nas situacións de violencia que padecemos as mulleres. Hai que pensar que esta novela parte do ano 1920 e pasaron moitas cousas. Pasou a longa noite de pedra que foi moi longa, moi noite e moi de pedra; e para as mulleres máis. É, polo tanto, un sistema que aproveitándose de como está establecido, agora dille ti a un home que renuncie aos seus privilexios.

Moitas mulleres, dalgún modo comparten o sistema do que falas. Parece incrible, non?

Eu que levo toda a vida pelexando pola igualde de xénero; son machista. Hai cousas que nos meteron a sangue e lume na cabeza e é moi difícil librarse diso. É moi difícil para os homes e para as mulleres. Hai homes que son aliados obxectivos na nosa loita e cos que realmente se está en pé de igualdade. Trato de igual a igual. Se todas as mulleres pensaran así, se todos pensaramos así.

Estes días por ter os ollos e as orellas postos hai que ver e escoitar unhas cousas como que coser un botón empodera, empodera todo aquilo que poidamos facer que nos faga autosuficientes.

A portada de Compañeira, non serva impresiona. Tiñas claro o que querías?

É unha foto preparada con modelo, non corresponde a un caso real. Creo que, ás veces, as cousas hai que tratalas con dureza. Tapar unha situación desagradable non quere dicir que non exista e de cando en vez hai que facer unha chamada de atención. As mulleres asasinadas por violencia de xénero son unha cousa levada ao extremo, pero a presión que se exerce sobre as mulleres polo simple feito de ser mulleres,… a nivel salarial, postos de traballo, o home pode sair de noite e a muller ten medo; incluso a casa dunha pode ser moi opresiva e moi violenta.

Portada libro / ToxoSoutos

Pensabas nun perfil de lector cando escribías?

Non, o ideal sería que o lese todo o mundo. “É un libro de maltrato, a min non me afecta porque non teño esa situación”, isto dito por unha muller; cando tamén é un libro para esa xente que se considera a salvo. Ou o home que di, “Non, porque este é un libro de mulleres”. Non, este é un libro que estaría moi ben que os homes tamén leran, sería importante.

A piques de celebrar o 25N que reflexión fas?

O 23 de novembro vou ir a Vimianzo a un clube de lectura de mulleres que se chama As Curandeiras, comentarase Compañeira, non serva. Nesa xornada hai convocada manifestación en Vimianzo e vou a asistir, claro. Teño 60 anos e toda a miña vida desde que teño uso de razón me manifestei por moitas cousas.

Creo que as manifestacións polo que teñen de reafirmación, son importantes. Neste caso reivindícanse os nosos dereitos, non se trata de que queiramos ser superiores a ninguén. O que teñamos no medio das pernas é o de menos o que importa é o que se ten na cabeza, e as manifestacións para min son importantes. Aínda que pode parecer unha liturxia, 8 de marzo e 25 de novembro e despois quedamos tranquilas. Pero non, as manifestacións son casos puntuais nunha loita que debe ser duradeira e cotiá. Porque temos os casos de violencia que saen na prensa e os que non saen, pero ademais hai tantos micromachismos no día a día, que parece que tes que estar pelexando todos os días. Entón, ter unha xornada que poidas berrar alto e forte… para min é importante.

O 25 de novembro e o 8 de marzo deben reflectir unha loita que está aí, que é imparable. A democracia sen a loita das mulleres non podería existir como tal.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....