HomesociedadeA Seara "vístese" de Nadal

A Seara “vístese” de Nadal

Os veciños e veciñas desta aldea, unha das xoias do Courel, implícanse cada ano para decorala dun xeito moi orixinal de cara ás datas festivas que se achegan.

Publicado o

- Advertisement -

A fin de semana que se fixo o acendido oficial das luces de Nadal en Vigo tamén se fixo na Seara, aldea de Quiroga, en pleno Courel. Fíxose dun xeito simbólico e para reivindicar que no rural tamén son quen de celebrar estas datas dun xeito máis enxebre e menos ostentoso. Na celebración estiveron presentes, ademais dos veciños/as e algúns visitantes, o alcalde e o concelleiro de Medio Rural de Quiroga. Fíxose un magosto popular e incluso houbo bombas de palenque para a ocasión.

A Seara. Foto: XMF

“Nada que ver con Vigo nin ganas”, dinnos uns veciños e veciñas que están rematando de engalanar esta aldea quiroguesa no comezo da ponte da Constitución. A aldea ten practicamente todas as casas rehabilitadas e en fins de semana, pontes e vacacións énchese de xente.

Veciños e veciñas de fin de semana decorando as rúas da Seara / XdL

Estes días hai moito ambiente pola ponte, os moradores de fin de semana aproveitan a ocasión, hai grupos de sendeiristas, visitantes de paseo e xente no albergue. O Mesón Carrete está a tope para comer, vemos que hai tempo de espera para poder xantar e dinnos alí que estes días “traballan a tope” e que hai moita xente de fóra.

Rúa engaladada / XdL

A Seara xa é fermosa de seu, unha das xoias do Courel quirogués, pero estes días ten unha decoración especial, moi orixinal e con detalles que lembran, por exemplo, a dúas figuras características destes lares: O Apalpador e o Oso. Adornos e detalles engalanan a aldea dun xeito moi coidado, non invasivo e converten o lugar nunha auténtica postal.

O Oso do Courel / XdL

Paga a pena facer unha escapada para gozar coas marabillas da arquitectura rural de montaña da zona e a fermosura da súa contorna natural: as montañas que acobillan o val, os saltos de auga e as pozas do río Selmo ao seu paso polo medio da Seara, os seus sendeiros naturais, fervenzas como a do Fócaro -a poucos metros do lugar e camiño da Lagoa de Lucenza- En fin, moito que ver e moito que vivir se a estancia é máis prolongada.

ÚLTIMAS

Esperta Monforte leva a pleno revisar a rebaixa do IBI

Coa rebaixa do IBI, Esperta lembra ao equipo de goberno as actuacións "que teñen...

‘Plan da Viabilidade Invernal’ 2025-2026 da Deputación de Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, comentou na presentación do Plan...

Adegas de Amandi organizan un torneo de golf en Monforte

O pasado xoves día 20 de novembro deu comezo no Club de Golf Río...

‘Plan de impulso cultural’ para apoiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O pasado 19 de novembro, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia,...