O confinamento e a limitación da mobilidade levou á Igrexa a prescindir do culto ao público o que provocou a busca de solucións para non distanciarse dos fregueses. Algunhas delas son o uso das redes sociais e a retransmisión das eucaristías a través de ferramentas como youtube.
José Luis Vázquez é sacerdote dende 2015 na Parroquia da Estación en Monforte de Lemos e cóntanos que o pasado 13 de marzo, tras un comunicado dos bispos da provincia eclesiástica de Galicia, tiveron que suspender temporalmente as celebracións de eucaristía e os actos de culto dirixidos ao público. “Empezamos mantendo as instalacións abertas ao público respectando as distancias de seguridade e tal pero ao final decidimos pechar a cal e canto, nin abrir”, comenta.
A raíz de aquí foi cando se presentou á parroquia a idea de crear unha canle de youtube para emitir as misas e a xente recibiu a proposta encantada. O sábado 14 creouse a canle e subiuse xa a primeira misa. Despois, e coa intención de poder emitir en directo, viron que para poder facelo eran necesarios 1000 subscritores á canle co cal fíxose un chamamento que correu como a pólvora polas redes sociais e polos medios, incluso na Televisión de Galicia. “Subscribiuse moita xente de Monforte e tamén doutras parroquias nas que estiven eu antes”, di José Luis.
En pouco máis de 7 días a canle de youtube –Parroquia Estación. Monforte de Lemos– xa acadou superar ese límite e hoxe está en 1270 subscritores. A priori, e acadado este reto, xa se podería emitir en directo pero o crego desta parroquia monfortina dinos que falta a tecnoloxía axeitada para poder facelo con calidade, unha webcam boa e compatible. “Tamén saíu nun medio de prensa escrita local esta necesidade e xa apareceu unha persoa anónima que se ofreceu a doar unha, xa só faltaría probar esta webcam con micro incorporado e que nos chegue”, explica José Luis Vázquez.
“…xa apareceu unha persoa anónima que se ofreceu a doar unha webcam”
Todo apunta a que as emisións en directo das misas están xa máis próximas para esta parroquia. Retransmisións que evitarán ter que gravar, comprimir e subir o contido ao youtube cada día, pero que se farán tirando dos datos do móbil deste sacerdote que nos lembra que, claro, na Igrexa non teñen conexión a internet.
Nesta iniciativa, que está desenvolvéndose moito máis rápido do que esperaban na parroquia, Vázquez quere agradecer a colaboración de toda a xente que é quen realmente o está facendo posible.
Outras iniciativas de interese para os fregueses
José Luis cóntame que, ademais das emisións virtuais diarias, tamén se está emitindo a misa dos domingos na emisora de radio Eco FM ás 12:00 h. co cal aqueles que non poidan ter acceso a internet ou prefiran o medio radiofónico tamén terán a opción de non perder o contacto.
Lembra, así mesmo, que na parroquia contan con 3 grupos de whatsapp -un de oración, un do coro e outro de voluntariado- e cun servizo de escoita. Nos grupos de mensaxería, ademais de estar en contacto, ofrécese xente para axudar aos máis vulnerables, sobre todo agora para facer recados de compras, etc. O servizo de escoita realízao unha voluntaria da parroquia a través de comunicacións por correo electrónico.
Consellos para estes momentos
Para rematar a conversa pídolle que nos deixe algúns consellos para afrontar estes días e dinos: “isto vencerémolo entre todos e todas se somos responsables, temos que cumprir co que nos mandan e convivir con moita responsabilidade. Hai moita psicose pero temos que ter esperanza de que imos saír desta. Esta situación non a esqueceremos e despois darémoslle máis valor ao que temos”.
“Esta situación non a esqueceremos e despois darémoslle máis valor ao que temos”
OUTROS CASOS NO SUR DE LUGO
Outro exemplo do uso das novas tecnoloxías para facer chegar a misa ás casas dos fieis é a parroquia de Santa Mariña de Chantada. Aquí están empregando Facebook para chegar a eles e ofrecen cada día unha lectura do evanxeo na súa páxina.
E seguindo os pasos de José Luis está agora o sacerdote Miguel Vázquez López, que oficia en Bóveda, A Pobra do Brollón e O Saviñao. A súa canle de youtube é “Padre Miguel E As Súas parroquias”, tamén sube as misas os domingos e puntualmente algunhas mensaxes. Está agora a pedir subscritores para no futuro poder facer as retransmisións en directo.