No ano 2015, sendo xa Tomé Roca Alcalde da cidade, dende o Concello foi enviado á Confederación Hidrográfica un plan de redución de vertidos moi ambicioso, que supoñía a mellora integral do saneamento e da depuración de Monforte, e que necesitaba uns investimentos que oscilaban entre os 12 e os 15 millóns de euros.
Este Plan de redución de vertidos foi aprobado pola Confederación Hidrográfica en febreiro de 2016 e o Concello asinou un Convenio coa propia Confederación e coa Deputación Provincial de Lugo, “que vai permitir que dentro duns días comecen as obras de mellora en tres zonas da cidade para impedir as filtracións de augas limpas á rede de saneamento, actuacións que presentamos fai uns días en compañía do Presidente da Confederación” indicou o rexedor municipal.
Coa sinatura deste Protocolo de colaboración redactarase un proxecto que incluirá a renovación total ou parcial dos colectores da rúa Morín, da rúa Xoán Montes, da rúa Valle-Inclán, dos colectores secundarios do Barrio das Cruces, do que discorre xunto ó Regato das Malloadas, así como o aliviadoiro do Parque dos Condes, co que se espera que o río Cabe gañe en calidade ambiental e en limpeza das súas augas, ao suprimirse este importante punto de vertidos directos ó río.
Trátase de melloras moi importantes na rede de saneamento de Monforte que na actualidade están causando problemas coa filtración de gran cantidade de auga limpa, que entra na rede de saneamento e dificulta o funcionamento da Depuradora.
O investimento necesario para levar a cabo estas actuacións ascende a 2,4 millóns de euros, que serán aportados pola Confederación Hidrográfica e o Concello de Monforte. O Presidente da Confederación, José Antonio Quiroga destaca “Monforte é un lugar estratéxico, que forma parte dos lugares da conca Miño-Sil nos que pasaron décadas sen que ninguén se preocupase polos problemas de saneamento. Imos profundizar nun traballo que teña como obxectivo a mellora das masas de auga e un saneamento integral da cidade.”