O orzamento municipal para este 2020 aprobado de forma definitiva o 9 de maio contempla aplicacións orzamentarias que ascenden a un total de 1.100 euros para as axudas ao alumnado de Educación Infantil e outros 1.100 euros para o alumnado de Primaria ou Secundaria. Con todo, as contías previstas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.
As solicitudes poderán realizarse no Rexistro Xeral do Concello en horario de nove da mañá a dúas do mediodía cumprimentando o modelo oficial subscrito acompañado da documentación requirida: fotocopia do libro de familia, fotocopia do DNI de tódolos membros da unidade familiar maiores de idade e certificado do centro que acredite os estudos cursados, declaración responsable de estar ao corrente das distintas obrigas tributarias, datos bancarios e facturas xustificativas da compra do material nas que figure o nome do solicitante e do neno ou nena beneficiaria.
Abrirase o prazo de solicitude despois do verán (informaremos coa data) e rematará o 15 de novembro. Se alguén compra xa material o Concello recomenda gardar as facturas.
Máis axudas
Ademais, o Goberno local establece neste Orzamento varias subvencións nominativas que destinan 500 euros a actividades complementarias e extra escolares do CPI Uxío Novoneyra e 2.500 euros para as actividades da Asociación de Pais e Nais de Alumnos.
Estas axudas veranse complementadas con subvencións de apoio á natalidade e con axudas ao transporte destinadas a sufragar os gastos de desprazamento daqueles alumnos/as do Concello que estudan fóra do termo municipal (Bacharelato, FP ou universidade).