Desde o concello aseguran que a renovada páxina web pretende ser un espazo no que os veciños teñan resposta ás súas inquedanzas en relación coa xestión municipal. Unha canle en constante actualización a través da cal manterse informados e na que poder levar a cabo trámites que faciliten a súa relación coa administración local. Tamén se pretende que sexa un escaparate aberto ao mundo no que poder atopar todo o que o Concello de Folgoso do Courel ten que ofrecer.
Na páxina www.folgosodocourel.com pódense atopar numerosos recursos multimedia, información completa sobre a Corporación, as parroquias, os puntos de interese ou as rutas a través dun menú intuitivo e fácil de usar.
Incorporouse a sede electrónica ao menú principal para facilitar os trámites e a información aos cidadáns. Na parte dedicada ao turismo actualizouse o contido e fotos e vídeos dos recursos dos que dispón o Concello. As rutas de sendeirismo permiten a descarga para GPS ou a guía en PDF ao tempo que se incorporou un enlace á páxina Xeoparque Montañas do Courel.
No apartado de contactos modificouse o enderezo de correo electrónico xenérico do Concello, que pasa a ser info@folgosodocourel.com, e tamén se crearon contas específicas por departamentos.
Ao mesmo tempo, desde o Goberno local decidiuse tamén impulsar as redes sociais coas que conta o Concello, o perfil de Facebook (Concello de Folgoso do Courel-Turismo) e o de Instagram (folgosodocourelconcello) como ferramentas a través das que ofrecer un servizo aos veciños e veciñas e como unha fiestra aberta do Courel, con publicacións informativas de interese sobre axudas ou avisos e tamén contido sobre o patrimonio, a cultura, a gastronomía ou os recursos turísticos do Concello.