Por Chantada demanda melloras na casa da música e en infraestruturas viarias

Por Chantada-CUP vén de presentar dúas mocións no concello, unha delas en relación ao incendio que o pasado día 10 de xullo afectaba ao edificio da Casa da Música e outra solicitando o arranxo e conservación de infraestruturas e pistas de titularidade pública no termo municipal, impulsando un pacto polas infraestruturas locais ao tempo que se manifestan en contra do uso de glifosato na N-540 por parte do Ministerio de Fomento.

Incendio na Casa da Música de Chantada. Foto: Veciño da localidade

Con respecto ao incendio na casa da música lembran desde Por Chantada as iniciativas que teñen presentado ao respecto das “necesarias melloras” neste edificio e sinalan que catástrofes, como é un incendio, non sempre son evitabeis e poden producirse en calquera momento, pero “a ausencia do correcto tratamento e conservación non axuda. O determinante agora é sabermos que vível de calor se chegou a acadar e se atinxiu á estrutura.” En consecuencia, solicitan:

  • Análise do dano e, en función de como a temperatura puido atinxir á estrutura, adoptar as pertinentes solucións.
  • Prohibir fumar e cortar eficazmente o tránsito de persoas no inverno polo risco de caídas que produce a xeada.
  • Proceder a atender as demandas de Por Chantada formuladas no 2016 sobre o correcto tratamento e conservación do edificio, a comezar polo rexistro de todo o feito e que se faga a partir de agora no Manual de actuacións.
  • Aproveitar a reforma necesaria para procurar solucións para a cristaleira do cenario do auditorio, dado que se alcanzan temperaturas elevadas coas consecuencias xa coñecidas: esnaquizado o pano de fundo, gasto elevado en ar acondicionado… O financiamento pode facerse mediante modificación orzamentar, por exemplo desde as partidas 334.489.01 (parte dos 58.000€ de subvención das festas do Carme) e do programa 338 (Festas populares), xa que este ano non se vai gastar o mesmo nas festas patronais.
  • Mellorar o mantemento de escadas interiores así como a limpeza do edificio.

Na outra moción Por Chantada lembra que levan anos sinalando o calamitoso estado de varias infraestruturas do termo municipal, e como teñen proposto facer unha relación de pistas polo seu estado de conservación para priorizar o arranxo. Nesta moción piden:

  • Dirixirse á Deputación provincial de Lugo para que se arranxe máis dunha ducia de estradas da súa titularidade.
  • Impulsar un Pacto polas infraestruturas locais, cunha comisión de seguimento específica, que se reunirá cuatrimestralmente, e que tería as seguintes funcións: Estudar a relación de pistas ordenadas polo seu estado de conservación: clasificándoas en A (estado óptimo), B (bo estado), C (deficiencias leves), D (deficiencias graves), E (deficiencias moi graves e/ou perigo para a circulación). Dito informe elaboraríao o técnico municipal correspondente. Aprobar un protocolo de actuación municipal nas estradas con coberta vexetal (ECV) e no manexo, limpeza e rozado das gabias. Seguimento das actuacións municipais no eido das infraestruturas e elaboración dunha memoria anual con propostas concretas de actuación e análise das deficiencias detectadas.
  • Contemplar no vindeiro orzamento aplicacións orzamentares suficientes para o arranxo de case unha trintena de estradas de titularidade municipal que precisanintervención urxente.
  • O Pleno municipal de Chantada diríxese ao Ministerio de Fomento para que deixe de usar glifosato e opte polo rozado mecánico das beiravías da N-540, así como no conxunto da súa rede de estradas.

Por Chantada celebra este sábado, 18 de xullo, Asemblea ordinaria anual ás 20 horas no Casino de Chantada.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here