Nesta guía, Medio Ambiente inclúe exemplares como o carballo do Pazo de Cartelos, un dos mellores exemplares desta especie que hai en Galicia e en España, e que foi o escenario no que se presentou esta guía. En total, o libro pon en valor 16 árbores singulares e dúas formacións que se atopan en 11 concellos desta comarca, polo que estes exemplares naturais, de beleza e importancia extraordinaria, son o fío condutor que define un total de seis roteiros para coñecer o patrimonio da contorna.
Trátase de seis itinerarios que se poden realizar a pé, en bicicleta ou en coche e, para cada un deles, facilítase información esencial, como a distancia, punto de orixe e destino, percorrido e puntos de interese; así como unha pequena historia e detalles históricos sobre a localización ou a súa contorna. De maneira complementaria, tamén se inclúe información relativa ao campo cultural, turístico, gastronómico e de interese da zona, e referencias ás páxinas web, por se os visitantes queren ampliar a información.
Plan de acción estratéxico
Ángeles Vázquez lembrou que a guía presentada este martes é un dos dez proxectos que se recollen no Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, impulsado polo Goberno galego, e que representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación que beneficia a 30 concellos. Desde a posta en marcha, no ano 2019, desta iniciativa para a conservación do patrimonio material e inmaterial desta zona, conseguíronse, “fitos importantes”, dixo a conselleira, como o Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra, o segundo que se asina en Galicia; ou a declaración da área Integral da Ribeira Sacra, a tramitación do Plan de Ordenación do Medio Físico de San Fiz de Asma, ou o impulso á candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel.