Máis de 430 viaxeiros nos catamaráns da Ribeira Sacra durante a ponte das Letras Galegas

Máis de 430 persoas realizaron algunha das dúas rutas fluviais en catamarán que oferta a Deputación de Lugo na Ribeira Sacra durante a ponte das Letras Galegas.

Catamarán Ribeira Sacra / Deputación de Lugo

Os catamaráns, que percorren os leitos dos ríos Miño e Sil, convertéronse nun atractivo turístico para os visitantes a este territorio. No conxunto da temporada, as rutas fluviais da Deputación de Lugo contaron con máis de 2.500 viaxeiros e viaxeiras, que escolleron estas alternativas provinciais que contribúen a dinamizar a economía en sectores como o hostaleiro, o turístico ou o comercial e promove un turismo de calidade e non masificado polo que aposta a institución provincial.

Na actualidade hai unhas 1.700 reservas para toda a temporada, que se prolongará ata o mes de decembro. “Dende o comezo das viaxes estamos percibindo un cambio de comportamento no público, que agora fai plans a curto prazo e decide con menos antelación que facer no seu tempo de lecer, incrementando a reservas nos catamaráns nos días previos a facer a viaxe”, concreta a Deputada García Porto. 

Este ano a temporada botou a andar na ponte de San Xosé, adiantando unhas semanas o comezo das rutas, que sempre cadraba coa Semana Santa. “As rutas fluviais favorecen á proxección da Ribeira Sacra no ano no que esta paisaxe cultural única está chamada a ser declarada Patrimonio da Humanidade, e son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo de calidade, proximidade e non masificado. O visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”, destacou a Deputada.

Rutas, reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo xa poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións está reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros non se produzan concentracións de persoas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que discorre polo Saviñao, Pantón e Chantada.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola Covid-19.

Neste mes de maio as rutas son de mércores a domingo, no percorrido polo río Sil, e sábados e domingos, na ruta do Miño, ambas en horario de mañá e tarde. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, na ruta que parte do Embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte do Sil, e só as fins de semana, na ruta que sae do Embarcadoiro de Belesar.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here