IniciosociedadeCando se atasca un sumidoiro en San Fiz e viñedo e viticultores...

Cando se atasca un sumidoiro en San Fiz e viñedo e viticultores quedan desamparados

A mediados de xuño unha forte sarabia arrasou máis de 70 hectáreas en San Fiz, Chantada, provocando importantes perdas no viñedo e noutros produtos do campo. Pero en San Fiz, por debaixo da estrada de Monforte, cada vez que as condicións metereolóxicas son de auga excesiva, o desastre está servido.

Publicado o

- Advertisement -

Media ducia de viticultores que teñen os seus viñedos en San Fiz, pola parte de abaixo da estrada de Monforte, aseguran que levan anos padecendo un grave problema; cando chove moito as súas propiedades convértense en comezos de fervenzas. A auga que vén desde Tarrío, antes da ponte, desvíana pola estrada vella onde hai “un sumidoiro que se atranca e baixa todo un mar pola estrada abaixo e como as cunetas están feitas un desastre baixa polas ribeiras abaixo e a min pilloume de cheo, tiroume coas muras, marchou con terra da ribeira,… Fíxome unha derrama duns 20 bancais ou máis,” afirma un dos afectados, referíndose ao pedrazo de medidados de xuño.

Pero isto acontece cada vez que a auga é abondosa. Cando hai unha treboada vai collendo moito caudal desde arriba e sumando maleza que tapona o único sumidoiro que hai no lugar, ao carón da adegas Os Cipreses. O sumidoiro conta cunha reixa que aínda limita máis a filtración da auga e favorece as acumulacións doutros elementos. O sumidoiro túpese e a auga baixa pola estrada. Na marxe superior a cuneta está chea de maleza e pola parte de abaixo da ribeira xa non hai cuneta polo que todo cae cara os viñedos, “A auga ven con tanta forza que tira as muras e despois vai minando a terra e marcha con todo,” aseguran os afectados.

Os viticultores que padecen esta situación presentaron un escrito no concello para demandar unha solución que dependería da Xunta ao tratarse dunha estrada autonómica. Piden que se limpen as cunetas que a eles non lles deixan limpar e que se derive a auga cara o río, “No escrito pedimos que nos limpen as cunetas do lado de arriba porque ao limpar a cuneta de arriba parte da auga iría por aí. Pola marxe da ribeira non hai cuneta e vennos todo. A de arriba pedín para limpala eu pero non me deixaron.”

A un destes veciños o pedrazo de xuño deixouno sen nada, “Volvín a podar outra vez de todo, perdín toda a colleita. Pero foi máis o dano que fixo a auga que o do pedrazo. As cousas meteorolóxias veñen e non lle hai que facer, pero o outro pódese evitar e non nos deixan facer nada e queda tragar.”

Mentres agardan unha solución a unha situación que se repite ano tras ano hai quen bota contas dos danos da última treboada cun sumidoiro atascado, “As muras por menos de 2.000 euros non as levanto, terei que traer pedra que agora non chega, máis a perda da colleita que ando por 4.000 e pico quilos e perdín todo.” E o sumidoiro obstruído e a maleza nas cunetas.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...